Saltar ao contido

Aleixo III Anxo: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Elisardojm (conversa | contribucións)
depois>despois
MerlIwBot (conversa | contribucións)
m Bot: Engado: diq:Aleksios III
Liña 35: Liña 35:
[[cs:Alexios III. Angelos]]
[[cs:Alexios III. Angelos]]
[[de:Alexios III. (Byzanz)]]
[[de:Alexios III. (Byzanz)]]
[[diq:Aleksios III]]
[[el:Αλέξιος Γ´ Άγγελος]]
[[el:Αλέξιος Γ´ Άγγελος]]
[[en:Alexios III Angelos]]
[[en:Alexios III Angelos]]

Revisión como estaba o 9 de novembro de 2012 ás 14:15

Aleixo III Anxo

Aleixo III Anxo (en grego: Αλέξιος Γ' Άγγελος o Alexios III Angelos), emperador bizantino, foi o segundo fillo de Andrónico Anxo, sobriño de Aleixo I Comneno.

En 1195, mentres o seu irmán Isaac II estaba de cacería en Tracia, Aleixo foi proclamado emperador polas tropas. Capturou a Isaac en Estáxira, en Macedonia, e desde entón mantívoo preso, malia que o seu irmán o liberou da súa prisión en Antioquía e lle outorgou moitos honores.

En compensación por este crime, e para asegurarse no seu posto como emperador, Aleixo tivo que repartir diñeiro con tanta liberalidade que chegou a baleirar o tesouro imperial, e concedeu tantos permisos aos oficiais do exército que case deixa indefenso o Imperio. Así consumou a ruína financeira do Estado. A capaz e activa emperatriz Eufrosina Ducas Camaterina intentou en balde manter o seu crédito e a súa corte; pero Vatatzes, o instrumento favorito dos seus intentos de reforma, foi asasinado por orde do propio emperador.

Polo leste, o Imperio estaba sendo invadido polos turcos selxúcidas; polo norte, os búlgaros e os valacos baixaban sen oposición a saquear as chairas de Macedonia e Tracia; mentres tanto, Aleixo malgastaba o tesouro público nos seus palacios e xardíns. Pronto vería chegar ao ameaza dun novo e máis temible perigo. En 1202 os príncipes occidentais que participaban na Cuarta Cruzada congregáronse en Venecia dispostos a iniciar unha nova cruzada. Aleixo, o fillo do deposto Isaac, escapara de Constantinopla e pediu axuda aos cruzados, prometéndolles, a cambio do seu apoio para destronar ao seu tío, o fin do cisma entre o Leste grego e o Oeste latino.

Os cruzados, que ata entón tiveran Exipto como obxectivo, decidiron cambiar a súa ruta e dirixirse a Constantinopla, ante a cal apareceron en xuño de 1203. Proclamaron emperador a Aleixo, como Aleixo IV tras convocaren aos cidadáns para que depuxesen ao seu tío. Aleixo III, atafegado, non tomou ningunha medida para resistir. O seu xenro, Teodoro Láscaris, que foi o único que intentou resistir, foi derrotado en Scutari, e así deu comezo o sitio de Constantinopla. O 17 de xullo, os cruzados, liderados polo ancián Dogo de Venecia Enrico Dandolo, escalaron as murallas e tomaron a cidade, saqueándoa. Durante a loita e carnicería que seguiu, Aleixo escondeuse no palacio, para, finalmente, cunha das súas fillas, Irene, e todos os tesouros que puido recompilar, fuxir nun bote e escapar a Develton en Tracia, deixando á súa muller, as súas demais fillas e o seu Imperio aos invasores. Isaac, sacado da súa prisión e investido de novo coa púrpura imperial, recibiu ao seu fillo Aleixo IV.

Pouco despois, Aleixo III, coa axuda de Murzuflo (o futuro Aleixo V Ducas), intentou recuperar o trono. Pero o intento non tivo éxito e, tras percorrer Grecia, rendeuse, xunto con Eufrosina (que mentres tanto se reuniu con el), a Bonifacio de Montferrato, que entón dominaba gran parte da península balcánica (o que formaba o Reino de Tesalónica). Tras deixar a súa protección, buscou axuda en Miguel I Ducas, déspota de Epiro, e despois viaxou a Asia Menor, onde o seu xenro Láscaris se acababa de establecer para resistir aos latinos.

Aleixo, aliado a Kay Khusrau I, o sultán de Rüm (tamén coñecido como sultán de Iconio ou Konya) esixiu a coroa de Láscaris, e ante o rexeitamento deste, marchou contra el. Pero Láscaris derrotouno e fíxoo prisioneiro. Aleixo foi enviado a un mosteiro en Nicea, onde morreu en data indeterminada.


Imperio Bizantino

Segue a:
Isaac II Anxo
Aleixo III Anxo
Precede a:
Aleixo IV Anxo
Dinastía Anxo