Saltar ao contido

Tomares ballus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tomares ballus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Familia: Lycaenidae
Xénero: Tomares
Especie: T. ballus
(Fabricius, 1787)

Sinonimia
  • Papilio ballus Fabricius, 1787
  • Thestor ballus bisaurantia Turati, 1927

A Tomares ballus é unha bolboreta da familia dos licénidos. Distribúese por zonas cálidas do Mediterráneo, incluíndo Marrocos, Alxeria, Tunes, Libia, Exipto, Portugal, España e sur de Francia. Trátase dunha especie sen ningunha protección, escasa ou común nalgunhas áreas concretas.[1]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Na zona africana, as poboacións de Marrocos sitúanse no Anti-Atlas, en Alxeria atópase en El-Kantara e en Tunes en Hammamet, entre o nivel do mar e os 1700 metros. En Europa as poboacións son moi dispersas e só se pode atopar ao sur da cordilleira cantábrica, no centro, sur e leste da Península Ibérica (esquivando o clima atlántico) e a costa mediterránea francesa, entre os 300 e os 1300 metros de altitude.[2] Ausente nas Illas Baleares e Andorra.[2] Parece que pode haber fortes oscilacións no número de exemplares dunha poboación dunha tempada a outra, as causas das cales son descoñecidas.

Morfología

[editar | editar a fonte]

Envergadura alar de entre 22 e 30 mm.[3] Hai variacións na coloración en función do sexo. Anverso marrón escuro nos machos; en cambio, nas femias predomina o laranxa nas as anteriores, onde o marrón queda reducido do extremo alar até a submarxe, e é abundante nas posteriores, nas cales esta cor vai do extremo até a zona postdiscal. Reverso, moi similar entre sexos, laranxa e marrón (rodeando as ás, ás marxes, submarxes e ápice) con puntos negros nas ás anteriores e verde con puntos e marxes e submarxes marróns nas posteriores; fímbries brancas. A diferenza doutras especies da familia non teñen ningunha tonalidade azul. Ademais, o seu verde é moi característico, a pesar de que en toda a familia tamén está presente a Callophrys rubi e Callophrys avis.

Até os 12 mm de lonxitude. Robusta e con pilosidade curta, ten a típica forma larvaria da familia. Cando nacen, son rosadas e teñen un pequeno "escudo" negro no primeiro segmento. Polimórfica, no último estadio normalmente é laranxa ou vermella con pequenas manchas amarelas que se distribúen en dúas franxas dorsais e dúas laterais.[1] Cando se dispoñen a pupar, a súa cor cambia cara a tonalidades amareladas.[1]

Caracterízase pola súa forma achaparrada, e pola coloración marrón avermellada.[1]

Dun diámetro aproximado de 0,5 mm.[4] Son azul verdosos esféricos, con estrías visibles con lupa. Vólvense gris escuro, de coloración parecida ao grafito, cando se aproxima a eclosión da eiruga.[1]

Prefire vivir en zonas abertas, prados secos de herba baixa, tamén un pouco nitrificadas.[5][2] As eirugas aliméntanse, en xeral, de froitos de Medicago, Astragalus, Lotos, Anthyllis, Dorycnium e Trifolium.[6] Por rexións, ao sur de Portugal de Dorycnium hirsutum; ao sur de España de Medicago littoralis, Medicago truncatula, Medicago minima, Medicago polymorpha, Astragalus lusitanicus, Trfifolium cherleri e Ornithopus compresus; ao sur de Francia de Medicago lupulina e ao norte de África de Medicago turbinata, Loto hispidus e Anthyllis tetraphylla.[2]

Período de voo

[editar | editar a fonte]

Só unha xeración ao ano. En rexións máis cálidas os primeiros individuos obsérvanse a partir de febreiro (ás veces de xaneiro) até maio.[2] Hiberna como pupa, crese, no interior dos niños de formigas, posto que criadas en catividade á hora de pupar móstranse inquietas e acaban morrendo.[3][2] Agora ben, outros afirman que o fai protexida baixo as pedras. Pode permanecer neste estado máis dunha tempada.[4]

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

A femia pon os ovos de maneira individual e en diferentes plantas, sobre as súas flores ou preto destas. A incubación dura uns 10 días.[6] Dependendo da planta nutricia, pódese desenvolver máis dunha oruga nunha mesma vaina.[4]

Ao longo da súa fase larvaria muda catro veces, o que equivale a un total de cinco estadios larvarios. Permanece en estadio de pupa durante un mínimo de nove meses.[7] Críase que tiñan costumes caníbales, a pesar de que actualmente dubídase deste feito.[3][2][1]

Como a maioría de licénidos, as eirugas son mirmecófilias: asócianse con formigas como Plagiolepis pygmaea, Tapinoma nigerrimum, Crematogaster auberti e Crematogaster sordidula, aínda que se especula que a súa relación pode ser facultativa (opcional).[5][2][1]

Son atacadas por parasitoides, himenópteros bracónidos, do xénero Cotesia, especialmente Cotesia astrarches e Cotesia inducta. Estes matan a eirgua nun período de entre 4 e 7 días (tempo no cal perde case o 50% do seu peso).[1] A pesar de vivir dentro das vainas, exponse ao perigo de ser parasitada cando se desprazan dunha vaina até outra.[4]

Nalgúns ecosistemas entra en forte competencia polo alimento con outras especies de licénidos tales como Lampides boeticus e Leptotes pirithous, froitos das plantas das cales tamén se alimenta Tomares ballus.[1]

Un tema de certa controversia é a pupación. En catividade as eirugas que se achegan á nova fase do ciclo vital dan voltas durante uns 2 días, chegando a perder até o 30% do seu peso. Á parte da hipótese da pupación nos niños de formigas, crese que isto podería ser unha táctica de dispersión para evitar problemáticas, por exemplo, cos incendios.[7]

Pola mañá, despois de noites frías e xeadas, observáronse adultos pousando lateralmente coas ás pechadas sobre as rochas que se empezan a quentar; orientan as ás de forma que queden perpendiculares aos raios solares e vanas axustando dependente da situación do sol.[2] Os machos son territoriais e defenden constantemente o seu territorio buscando femias ata que se paran nos seus lugares habituais, desde onde observan o territorio, mentres que as femias voan máis pausadamente buscando alimento.[5]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Revista Danaus.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Tolman
  3. 3,0 3,1 3,2 J. González Fernández, 27-11-2011.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 D. Jordano, J. Fernández Haeger & J. Rodríguez González, 1989.
  5. 5,0 5,1 5,2 Cecilia Montiel Pantoja, 20-05-2010.
  6. 6,0 6,1 Granada Natural, 21-03-2008.
  7. 7,0 7,1 Jordano

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]