Clara Schumann
Clara Josephine Wieck, coñecida polo seu nome de casada Clara Schumann, nada en Leipzig o 13 de setembro de 1819 e finada en Frankfurt o 20 de maio de 1896, foi unha pianista e compositora alemá.
Estivo casada con Robert Schumann, un dos máis importantes compositores do Romanticismo alemán. Foi unha das grandes concertistas europeas do século XIX e a súa carreira foi clave na difusión das composicións do seu marido.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Clara Schumann foi a filla máis nova de Friedrich Wieck e Marianne Tromlitz. O seu pai era un recoñecido mestre de piano e tiña un negocio de venda de partituras e de pianos. A súa nai era unha recoñecida cantante e pianista. O seu pai planeou para Clara unha vida de concertista. Preocupouse por darlle unha formación completa, dende moi nena, cos mellores mestres dispoñibles: ademais de piano estudou canto, violín, instrumentación, contrapunto e composición. Friedrich inculcoulle á súa filla unha férrea disciplina e actuou como o seu axente promotor para conseguirlle presentacións en Europa. Deu o seu primeiro recital na Gewandhaus de Leipzig, unha sala de concertos de gran renome, aos once anos e ao ano seguinte foi de xira a París, con bastante éxito. Ese mesmo ano, publicouse en Alemaña unha obra de Clara titulada Catro polonesas para piano. Dous anos máis tarde, en 1833, comezou a composición dun concerto para piano, que rematou en 1835 e foi publicado en 1837.
Clara e Robert
[editar | editar a fonte]Cando Clara tiña once anos, chegou un músico nove anos máis vello ca ela a estudar con Friedrich Wieck. Tratábase de Robert Schumann, quen era entón un personaxe descoñecido con inclinacións literarias, que se iniciaba na composición e que quería seguir a carreira de concertista. Robert quedou a vivir na casa do seu mestre, cousa frecuente na época. Para entón, Clara xa era bastante madura, probablemente polas experiencias que tivera na súa vida de concertista profesional; así que entre Robert e Clara forxouse unha cálida amizade a pesar da diferenza de idades. Pronto a amizade transformouse en amor e en 1837 pediron permiso ao pai de Clara para casar, pois ela era menor de idade e tiña que esperar ata cumprir 21 anos ou contar co consentimento dos pais. Porén, Friedrich Wieck opúxose, argumentando que Robert era un partido indesexable.
Clara Wieck e Robert Schumann casaron un día antes de cumprir ela os 21 anos de idade, o que causou unha batalla legal que non sucedería se esperasen un día máis. Wieck nunca dubidou do xenio de R. Schumann (como o testifica a correspondencia de Clara) pero non desexaba ver a súa filla (quen fora o seu máis caro investimento) cun compositor sen reputación nin recoñecemento, sen un ingreso estable. Wieck cría que Robert non podería darlle unha vida digna a Clara. Entón comezou unha ardua batalla legal que fracturou a "perfecta" relación entre pai e filla. Wieck non puido conter o seu orgullo e impugnou a decisión do tribunal mais imperou a decisión dos noivos (Robert logrou probar a súa solvencia moral e económica).
Naquela época o común era que os compositores tocasen as súas propias obras, como Liszt e Chopin, mais Robert Schumann magoouse unha man (ao tentar usar un invento propio co cal cría ía mellorar a arte de tocar o piano) e tivo que esquecer as súas esperanzas de converterse en pianista virtuoso, así que se dedicou a escribir música e á crítica musical. Clara, dende moi nova, comezou a tocar en público as obras de Robert, quen se dedicou a escribir nun inicio exclusivamente para piano e conxuntos de cámara pequenos, pero que triunfou como compositor coa súa primeira sinfonía así como coas súas obras de cámara.
As obras de Robert están cheas de significados extramusicais, onde Clara aparece constantemente. Un exemplo é no Carnaval Op. 9, onde hai unha peza que se chama precisamente Chiarina, que, como "Chiara" ou "Zilia", é un dos nomes con que Robert se refería a Clara. Unha gran parte das obras de Robert foron dedicadas a Clara ou foron escritas con ela en mente. Foi igualmente a pianista que estreou o Concerto para piano e orquestra en la menor do seu marido en Leipzig en 1846.
Robert e Clara amábanse profundamente. Compartiron moitas cousas da súa vida e da súa música, que era para ambos parte fundamental da súa existencia. Dende o día da súa voda levaron un diario en conxunto. Un pouco despois, a parella escribiu un conxunto de cancións, que Robert publicou ocultándollo a Clara para presentarllas no seu primeiro aniversario de matrimonio. Así, das doce cancións do Op. 37 de Robert Schumann, tres son de Clara.
No Nadal de 1841, Clara regaloulle a Robert unha pequena peza que acababa de compor. A obra titulábase Scherzo ("xogo" ou "broma" en italiano).
O Scherzo Op. 15, No. 4, do mesmo xeito que a Toccatina, ten forma ternaria (A B A). A parte inicial é viva, rítmica e lúdica como corresponde a un scherzo, e a parte media é moito máis melancólica que a primeira.
Variacións sobre un tema de Robert Schumann, Op. 20
[editar | editar a fonte]Despois de non compor nada dende había cinco anos, Clara Schumann decidiu volver á composición e escribiu no seu diario en 1853:
Hoxe comecei a compor de novo, por primeira vez en varios anos. Para o aniversario de Robert quero escribir variacións sobre un tema dos seus Bunte Blätter. Con todo, é moi difícil para min porque estiven afastada da composición por demasiado tempo.
O tema escollido era unha peza que compuxera Robert en 1841 e que foi publicada en 1852 como o número 4 do seu Opus 99, unha colección de 14 pezas chamada Bunte Blätter. Vierzehn Klavierstücke op. 99. A obra de Clara publicouse como Opus 20 en 1854, cando Robert estaba xa hospitalizado despois do seu intento de suicidio. Varios anos máis tarde apareceu outra obra baseada no mesmo tema: Johannes Brahms, amigo do matrimonio Schumann, compuxo tamén unhas variacións sobre o mesmo tema: Variacións sobre un tema de Schumann, Op. 9 (Variationen über ein Thema von Schumann op. 9).
O tema componse de tres seccións. A primeira sección ten dúas frases e a melodía principal está na voz superior (a máis aguda).
Aínda que na partitura soamente aparecen escritas os títulos do tema e de sete variacións, hai unha máis, que é a oitava variación.
Clara e Brahms
[editar | editar a fonte]A relación de Clara Schumann con Johannes Brahms comezou na primeira etapa da súa vida, aínda que xa estaba casada con Robert Schumann. O músico chegou á vida do matrimonio como concertista e axiña iniciaron unha cordial relación. Brahms era frecuentemente convidado a comer e levábase ben cos fillos deles. Con todo, con Clara aos poucos foi fraguando unha profunda relación intelectual e artística que adquiriu tons amorosos. Así, Brahms escribiulle:
Es para min unha amiga tan querida que non podo expresalo... Se isto continúa así, terei que colocarte algún día detrás dunha vitrina ou aforrar para poder engarzarte en ouro.[1]
Brahms adoitaba presentarlle a Clara as súas obras antes de estrealas; moitas veces ela foi a dedicataria das mesmas e encargada de estrear algunhas das obras de piano e tocaron xuntos en varias ocasións. Os sentimentos cara a ela foron revelados ao seu amigo o violinista Joseph Joachim nunha carta:
Creo que non a respecto e admiro tanto como a amo e son presa do seu meigallo. Con frecuencia debo conterme con forza para non rodeala cos brazos en silencio e mesmo... non sei, paréceme tan natural que ela non o tomaría a mal.[2]
En 1855 escribíalle Brahms:
Non podo facer outra cousa que pensar en ti... Que me fixeches? Non podes desfacer o meigallo que me lanzaches?[3]
Cando Schumann foi ingresado nun psiquiátrico, Brahms ocupouse de Clara e dos seus fillos, vivindo xuntos nun piso de Düsseldorf. Xuntos viviron o intento de suicidio do compositor e a súa morte o 29 de xullo de 1856. O 31 de maio expresoulle abertamente os seus sentimentos nunha carta:
Miña moi querida Clara, desexaría poder escribirche tan tenramente como te amo e decirche todas as cousas boas que che desexo. Es tan infinitamente querida para min que non podo expresalo en palabras. Desexaría chamarte miña querida e moitos outros nomes, sen deixar nunca de adorarte... Se as cousas puidesen ir máis lonxe de como están neste momento... Se só puidese vivir na mesma cidade contigo e os meus pais... escríbeme unha bela carta axiña. As túas cartas son como bicos.[1][2]
Trala morte de Schumann, a relación volveuse máis intensa. Viaxaron a Suíza, aínda que nunca chegaron a casar e non están moi claras as intencións de ambos a este respecto. É difícil coñecer completamente a relación da parella, pois ambos conviñeron en destruír as cartas que durante tantos anos estiveron enviándose, aínda que Clara conservou algunhas das súas favoritas.[2]
Clara Schumann deu o seu último concerto en público en Frankfurt o 12 de marzo de 1891. A última obra que tocou foron as Variacións sobre un tema de Hayden, de Brahms, en versión de dúo en piano. A súa parella foi James Kwast.[4]
Sufriu un ataque ao corazón o 26 de marzo de 1896, morrendo o 20 de maio aos 76 anos.[5] Está enterrada no Alter Friedhof (cemiterio vello) de Bonn co seu marido.
Impacto
[editar | editar a fonte]Con Johannes Brahms (1833-1897), outro gran compositor do século XIX, cultivou unha profunda relación artística e intelectual que durou ata a morte.[6]
Clara Schumann foi admirada por outras personalidades da época como Goethe, quen a coñeceu sendo moi nova, na época en que alternaba os xogos infantís coa súa formación musical, e tamén coñeceu persoalmente a Felix Mendelssohn, Frédéric Chopin e Niccolò Paganini. Ademais de ser pianista, escribiu a súa propia música e editou varias obras do seu esposo.
Non compuxo moito pero as obras que se conservan dela teñen gran mérito. As súas composicións foron para piano só, cancións para voz e piano, música de cámara, orquestra e música coral a capella de gran beleza. As razóns polas que non se dedicou en maior grao á composición foron varias, entre elas a súa carreira de concertista, os seus oito fillos, a devoción polo seu esposo e o papel da muller no século XIX. Clara Schumann tivo unha formación musical privilexiada, o que xunto coa súa comprensión musical e habilidade permitíronlle abordar a composición. Con todo, escribiu no seu diario:
Algunha vez crin que tiña talento creativo, mais renunciei a esta idea; unha muller non debe desexar compor. Ningunha foi capaz de facelo, así que, por que podería esperalo eu?
Tivo unha gran fortaleza espiritual que lle permitiu soportar unha vida dura como artista e chea de traxedias no ámbito persoal, como a separación dos seus pais, a morte prematura de varios dos seus fillos e o intento de suicidio e a posterior morte do seu esposo. Pero tamén tiña algunhas inseguridades. Dubidaba do seu talento como compositora, non se consideraba bela, e mesmo como pianista, despois de escoitar a Franz Liszt pensaba que, aínda que tocaba mellor que as pianistas da época, non tiña nada que facer fronte ao virtuoso húngaro.
Aínda que non era precisamente unha muller feminista; con todo, foi unha muller fóra de serie en moitos aspectos. Naquel entón era frecuente atopar "nenas prodixio" que tocaban moi ben obras de gran dificultade e conquistaban o público amante da música. A maioría destas rapazas, cando chegaban a certa idade, deixaban o concertismo e dedicábanse ao fogar, a dar clases ou a outras actividades musicais, afastadas dos escenarios. A diferenza destas mulleres, a carreira de Clara Schumann continuou nos máis altos niveis profesionais ata poucos anos antes da súa morte. Realizou arredor de corenta xiras de concertos polo continente europeo e en todos os lugares era recibida coas máis altas honras. Foi unha profesional no sentido económico tamén, cobraba dignamente, igual que os outros virtuosos da época, e foi por moito tempo o único soporte da familia.
Obras
[editar | editar a fonte]Hai unha boa selección de obras para piano de Clara Schumann:
- Clara Schumann Piano Works. Eickhorst, Konstanze, piano, CPO Dixital Recordings, 1999.
- Robert and Clara Schumann Lieder. Bonney, Barbara, soprano / Vladimir Ashkenazy, piano, Londres, London Dixital, 1997.
- Clara Schumann and Her Family. Witoschynskyj, Ira Maria, Alemaña, MDG, 1996.
- Reich, Nancy. Clara Schumann. The Artist and The Woman. Revised Edition, Nova York, Cornell University Press, 2001.
- Chisell, Joan. Clara Schumann, Buenos Aires, Vergara, dadecaedro en 1985.
- Kees van der Vloed, Clara Schumann-Wieck. De pijn van het gemis. Aspekt, Soesterberg 2012
Algunhas obras corais a capella, de gran dificultade:
- Drei gemischte.
- Abendfeier in Venedig.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Clara Wieck-Schumann
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Hágase la música. Johannes Brahms". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2018. Consultado o 04 de novembro de 2018.
- ↑ The Guardian
- ↑ Peter Clive. Brahms and His World: A Biographical Dictionary, p. 403. Consultado o 23 de outubro de 2014
- ↑ Reich, Nancy B. (1 de maio de 2013). "Clara Schumann: The Artist and the Woman". Cornell University Press. Consultado o 26 de setembro de 2018 – vía Google Books.
- ↑ "Biografía de Clara Schumann.".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clara Schumann |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Borchard, Beatrix: Clara Schumann. Ein Leben. Ullstein, Frankfurt/Main – Berlín 1991, ISBN 3-548-35367-3.
- Beer, Anna: Sounds and Sweet Airs - The Forgotten Women of Classical Music. Oneworld Publications 2016, capítulo 6, "Schumann", páx. 205-241, ISBN 978-1-78074-856-6.
- Borchard: Clara Schumann. Ihr Leben. Eine biographische Montage. 3.ª edición Olms, Hildesheim 2015, ISBN 978-3-487-08553-1.
- Bogousslavsky, J. and M. G. Hennerici, Bäzner, H., Bassetti, C., Neurological disorders in famous artists, Part 3, Karger Publishers, 2010, páx. 101–18.
- Boyd, Melinda. "Gendered Voices: The 'Liebesfrühling' Lieder of Robert and Clara Schumann." 19th-Century Music 39 (outono de 1975): 145–62.
- Gould, John. "What Did They Play? The Changing Repertoire of the Piano Recital from the Beginnings to 1980." The Musical Times 146 (inverno de 2005): 61–76.
- Kopiez, Reinhard, Andreas C. Lehmann and Janina Klassen. "Clara Schumann's collection of playbills: A historiometric analysis of life-span development, mobility, and repertoire canonization." Poetics, volume 37, número 1, febreiro de 2009: 50–73.
- Burstein, L. Poundie. "Their Paths, Her Ways: Comparison of Text Settings by Clara Schumann and Other Composers." Women and Music – A Journal of Gender and Culture 6 (2002): 11ff.
- Rattalino, Piero. Schumann. Robert & Clara. Varese: Zecchini Editore, 2002. ISBN 88-87203-14-8 (en italiano)
- Kees van der Vloed, Clara Schumann-Wieck. De pijn van het gemis. Aspekt, Soesterberg 2012. ISBN 9789461531773 (en neerlandés)
- Dieter Kühn, Clara Schumann, Klavier. Fischer Taschenbuch Verlag. Auflage: März 2009. ISBN 9783596142033 (en alemán)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Clara Schumann: A Composer’s Wife as Composer - por Eugene Gates, Kapralova Society Journal.
- Kreusch-sheet-music.net - Free Scores by Clara Schumann
- Obras completas de Clara Schumann-Wieck Arquivado 17 de outubro de 2008 en Wayback Machine..
- Goldenwattle.net - Obra sobre Clara Schumann
- March in Es dur no YouTube, for piano duet, Clara Schumann's last work
- Scherzo Nr.2 Op.14 no YouTube
- Clara Schumann - Classical Composer
- Clara Schumann Piano Trio in G minor, concerto de Galos Piano Trio en St. Martin in the Fields o 26 de maio de 2015.