Saltar ao contido

Medios Audiovisuales Gallegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sede de La Voz de Galicia no Polígono de Sabón, Arteixo, desde onde emitía a canle V Televisión.

Medios Audiovisuales Gallegos, hoxe denominada Medios Audiovisuales de Galicia, é unha sociedade limitada constituída pola Corporación Voz de Galicia o día 28 de decembro de 2007, que aglutina a Radio Voz de Galicia, Voz Audiovisual e Medios Digitales de Galicia, compañía titular dunha licenza para desenvolver unha televisión dixital terrestre (TDT) de ámbito autonómico, a cadea V Televisión.[1]

A súa sede está na rúa Gambrinus, nº 97, no Polígono industrial A Grela - Bens, A Coruña.

Ampliación de capital

[editar | editar a fonte]

O 30 de xaneiro de 2008 a nova compañía ampliou o seu capital para dar entrada á Corporación Caixa Galicia (CxG), que tomou unha participación do 18 %, e á Corporación Inveravante, presidida por Manuel Jove e único propietario desta corporación que, a través de Arnela Capital Privado SCR subscribiu un 15 %. A corporación Voz de Galicia é o socio maioritario, cun 67 % do capital. O novo holding* desenvolveu unha televisión dixital de ámbito galego, V Televisión ao tempo que mantén e reforzou a oferta de Radio Voz e da produtora Voz Audiovisual.[1]

V Televisión

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: V Televisión.

A cadea da Voz foi a única televisión autonómica privada de capital galego, e dispoñía da última tecnoloxía. Os sistemas operativos permitían editar contidos de maneira simultánea en radio, televisión e Internet. Ademais, non se operaba con cintas, senón con memoria sólida. Todos os traballadores utilizaban materiais dispoñíbeis en rede e os controis de realización e emisión estarán robotizados. O seu obxectivo era ofrecer unha televisión de alta calidade e centrada nos intereses de Galicia.[1]

A súa grella estivo conformada por programas informativos, faladoiros, debates e programas deportivos, entre outros, ademais de programas que xa eran habituais na emisora do Grupo Voz, Radio Voz. Un dos seus programas máis seguidos foi Vía V, dirixido e presentado pola xornalista Fernanda Tabarés, rodeada dun grupo politicólogos, analistas políticos e comentaristas, de maneira ininterrompida desde o principio, desde a redacción de La Voz de Galicia, onde estaba situado o estudo de gravación do programa.[2] De luns a xoves, ás 10 da noite e durante máis de dúas horas de directo, o programa tomáballe cada día o pulso á actualidade informativa de Galicia, España e o mundo. Por el pasaron máis de 750 entrevistados, e os acontecementos máis importantes dos últimos tempos foron contados en tempo real, como o accidente de Angrois, a morte de Hugo Chávez ou o contaxio polo virus do Ébola dunha enfermeira galega, así como todas as eleccións municipais, autonómicas, nacionais e europeas que se celebraron desde 2010. En total, máis de 250 persoas pasaron polo programa para analizar a actualidade durante máis de mil programas.[2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]