Abd al-Lah I
Nome orixinal | (ar) أبو محمد عبد الله بن محمد |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 11 de xaneiro de 844 (Gregoriano) Córdoba, España |
Morte | 15 de outubro de 912 (Gregoriano) (68 anos) Córdoba, España |
Emir de Córdoba | |
888 (Gregoriano) – 912 (Gregoriano) ← Al-Mundhir (pt) – Abd al-Rahman III → | |
Datos persoais | |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Ocupación | político |
Familia | |
Familia | Umayyad of Córdoba (en) |
Cónxuxe | Onneca Fortúnez |
Fillos | Abd al-Rahman III |
Pai | Muhammad I de Córdova |
Irmáns | Al-Mundhir |
Abd al-Lah I, tamén coñecido como Abdallah ibn Muhammad ou Abd Allah, nado o 11 de xaneiro de 844 e finado o 15 de outubro de 912,[1] foi o sétimo emir omeia de Córdoba, reinando Al-Andalus de 888 a 912.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os historiadores contemporáneos acusaron a Abd al-Lah de orquestrar a morte do seu medio irmán, al-Mundhir, polo cal ascendeu ao poder.[2] Isto é pouco probable, xa que Abd al-Lah mostrou moi pouco interese en gobernar, converténdose nun recluso neurótico que só estaba interesado na caza e na súa fe.[Cómpre referencia]
O seu goberno viuse alterado polas constantes guerras entre tribos árabes, bérberes e muladís e tivo que facer fronte tamén a expedicións viquingas. Realmente o seu poder como emir limitouse ás terras cordobesas, pois o resto de provincias estaban gobernadas por familias rebeldes que non acataban a súa autoridade.
A principal ameaza para o emir foi Umar Ibn Hafsun, que conquistara as provincias de Reyyo (incluída Bobastro),[2] Elvira (incluída Granada) e Xaén, e aliouse coas poboacións de Archidona, Baeza, Úbeda e Priego. En 891 Ibn Hafsun foi derrotado preto do castelo de Polei e perdeu varias cidades. Porén, ao ano seguinte Ibn Hafsun xa se recuperara e reconquistou todos os territorios perdidos.
En 911, o emir asinou un acordo de paz con Ibn Hafsun. Porén, a guerra estalou de novo ao ano seguinte, só para ser detida pola morte de Abd al-Lah en Córdoba, que estaba mellorando as súas posicións.
O fillo ao que nomeou sucesor foi asasinado por un irmán deste. Abd al-Lah nomeou sucesor ao seu neto e fillo do defunto sucesor, o futuro califa Abd al-Rahman III.
Familia
[editar | editar a fonte]Abd al-Lah era fillo de Muhammad I e irmán menor de Al-Mundhir.
Arredor de 863, Abd al-Lah casou con Onneca Fortúnez, filla de Fortún Garcés,[3] rei de Pamplona e Auria. Foi repudiada algún tempo antes de 880 e volveu ao Reino de Pamplona, moi probablemente co seu pai que regresou ese ano,[2] e tomou como segundo marido ao seu curmán Aznar Sánchez de Larráun co que tivo polo menos tres fillos, entre eles a raíña Toda de Pamplona que era, polo tanto, tía de Abd al-Rahman III.[2]
Abd al-Lah tivo varios fillos:
- Muhammed ibn Abd al-Lah (864 - 28 de xaneiro de 891). Fillo de Onneca,[2][4][1] foi asasinado polo seu irmán al-Mutarrif (coa aprobación do seu pai). Casou cunha muller vasca ou franca chamada Muzna. Eran os pais de Abd al-Rahman III que naceu tres semanas despois da morte do seu pai.[2]
- al-Mutarrif, asasinado en 895 tras ser acusado de conspiración.[2]
- Aban
- al-Asi, executado en 921 tras ser acusado de conspiración.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Lévi-Provençal, Évariste (1953). "Du nouveau sur le royaume de Pampelune au IXe siècle". Boletín Hispanique (Universidade de Bordeaux): 5–22. ISSN 0007-4640.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Martínez Díez, Gonzalo (2005). El Condado de Castilla (711-1038): la historia frente a la leyenda. ISBN 84-9718-275-8.
- ↑ Kosto, Adam J. (2017). Aragon and the Catalan Counties Before the Union (Sabaté, Flocel ed.). ISBN 978-90-04-34960-5.
- ↑ Lacarra y de Miguel, José María (1945). "Textos navarros del Códice de Roda" (PDF). Estudios de la Edad Media de la Corona de Aragón (58–59): 193–284. ISSN 0032-8472. OCLC 500338136. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2016.