Alcedínidos
Alcedínidos | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ceyx azureus | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Distribución global dos alcedínidos
| |||||||||||||
Subfamilias | |||||||||||||
Filoxenia dos Alcedinidae | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Cladograma baseado en Moyle (2006)[1] |
Os alcedínidos[2] (Alcedinidae) constitúen unha familia de aves de pequeno ou medio tamaño, de rechamantes cores da orde Coraciiformes, chamados comunmente picapeixes ou martiños peixeiros. En Galicia vive a especie Alcedo athis.
Teñen unha distribución cosmopolita, coa maioría das especies en zonas tropicais de África, Asia e Oceanía. A familia contén 114 especies e está dividida en tres subfamilias e 19 xéneros. Todos os picapeixes ou martiños peixeiros teñen grandes cabezas, peteiros agudos, patas curtas e colas repoludas. A maioría das especies ten unha plumaxe rechamante con só pequenas diferenzas entre os sexos. A maioría das especies son de distribución tropical, e algo máis da metade viven só en bosques. Comen unha ampla variedade de presas, que xeralmente capturan baixando en picado desde unha póla. Aínda que habitualmente se crea que a maioría viven preto dos ríos e comen peixes, moitas especies viven lonxe da auga e comen pequenos invertebrados. Igual que outros membros da súa orde, nidifican en cavidades, xeralmente túneles escavados na terra en ribeiras e pendentes naturais ou artificiais. Algúns nidifican en niños de térmites arbóreas. Unhas poucas especies, especialmente formas insulares, están ameazadas de extinción.
Taxonomía, sistemática e evolución
[editar | editar a fonte]A familia Alcedinidae forma parte da orde Coraciiformes, que tamén inclúe os momótidos, abellarucos, tódidos, corácidos e braquipterácidos.[3] O nome da familia foi introducido (como Alcedia) polo polígrafo francés Constantine Samuel Rafinesque en 1815.[4][5] Divídese en tres subfamilia, os Halcyoninae (picapeixes arbóreos), os Alcedininae (picapeixes de río) e os Cerylinae (picapeixes acuáticos).[3] O nome Daceloninae utilízase ás veces para a subfamilia dos picapeixes arbóreos, pero foi introducida por Charles Lucien Bonaparte en 1841, mentres que Halcyoninae, introducida por Nicholas Aylward Vigors en 1825, ten prioridade por ser anterior.[6] Uns poucos taxónomos elevan as tres subfamilias ao status de familia.[7][8] Malia que se lles chama picapeixes, moitas destas aves non están especializadas en pescar; por exemplo, ningunha das especies de Halcyoninae o está.[9]
O centro da diversidade dos picapeixes crese que é a rexión de Australasia, pero non se pensa que o grupo se orixinase alí, senón na rexión Indomalaia, hai uns 27 millóns de anos e desde alí invadiron a rexión de Australasia varias veces.[10] Describíronse picapeixes fósiles con idades que empezan no Eoceno inferior de Wyoming e o Eoceno medio de Alemaña, hai uns 30–40 millóns de anos. Describíronse fósiles máis recentes do Mioceno de Australia (de 5–25 millóns de anos). Varais aves fósiles foron adscritas erradamente aos picapeixes, como Halcyornis, do Eoceno inferior de Kent, Inglaterra, que tamén foi considerado unha gaivota, pero agora pénsase que era membro dunha familia extinta.[11]
Entre as tres subfamilias, os Alcedininae son basais con respecto ás outras dúas subfamilias. As poucas especies que se encontraron nas Américas, todas da subfamilia Cerylinae, indican que a escasa representación no hemisferio occidental foi o resultado de só dous eventos de colonización orixinais. A subfamilia é unha rama comparativamente recente separada dos Halcyoninae, que non se diversificou ata o Mioceno e Plioceno.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]A especie de menor tamaño de picapeixe é Ispidina lecontei de África, que como media mide 10 cm de lonxitude e ten entre 9 e 12 g de peso.[12] O maior picapeixe de África é Megaceryle maxima, de 42 a 46 cm de lonxitude e de 255 a 426 g de peso.[13] O picapeixe australiano Dacelo novaeguineae é a especie máis pesada, cuxas femias alcanzan os 500 g.[14]
A plumaxe da maioría dos picapeixes é rechamante, e os tons máis comúns son os verdes e azuis. A brillantez destas cores non se debe á iridescencia (agás nos americanos) nin a pigmentos, senón que está orixinado pola estrutura das plumas, que causa a dispersión da luz azul (o efecto Tyndall).[15] Na maioría das especies non existen diferenzas evidentes entre os sexos; cando hai diferenzas, estas son bastante pequenas (de menos do 10%).[11]
Teñen peteiros longos con forma de daga. O peteiro adoita ser máis longo e máis comprimido en especies que pescan, e máis curto e ancho en especies que cazan presas no chan. O peteiro máis atípico e máis longo é o do Clytoceyx rex, que esta especie usa para escavar no chan do bosque á procura de presas. Xeralmente teñen patas curtas, aínda que as especies que se alimentan no chan teñen tarsos máis longos. A maioría das especies teñen catro dedas, tres dos cales están dirixidos cara a adiante.
Os iris da maioría das especies son marróns escuros. Os picapeixes teñen unha excelente visión; posúen visión binocular e crese que teñen unha boa visión das cores. Os seus movementos oculares están restrinxidos dentro das cuncas oculares, polo que xiran a cabeza para buscar as presas. Ademais, poden compensar a refracción da auga e a reflexión cando cazan presas baixo a auga, e poden estimar a profundidade da auga de forma exacta. Tamén teñen membranas nictitantes que cobren os ollos para protexelos cando impactan coa auga; o Ceryle rudis ten unha placa ósea que se desliza sobre o ollo cando impacta coa auga.[11]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Teñen unha distribución cosmopolita, e aparecen en todas as rexións tropicais e temperadas. Están ausentes das rexións polares e algúns dos desertos máis secos do mundo. Varias especies alcanzaron grupos de illas, especialmente as do sur e leste do océano Pacífico. Os trópicos do Vello Mundo e Australasia son as áreas centrais deste grupo. En Europa e Norteamérica ao norte de México están pouco representados, cunha soa especie común en cada unha destas áreas (Alcedo athis e Megaceryle alcyon, respectivamente), e un par de especies pouco comúns e moi locais en cada continente: (o Megaceryle torquata e Chloroceryle americana no suroeste dos Estados Unidos, e o Ceryle rudis e o Halcyon smyrnensis no sueste de Europa). Das seis especies que se dan nas Américas, catro son pìcapeixes verdes estreitamente relacionadas do xénero Chloroceryle e as outras dúas son picapeixes grandes cristados do xénero Megaceryle. Incluso na Suramérica tropical hai só cinco especies á que hai que sumar o Megaceryle alcyon invernante. En comparación, só o país africano de Gambia ten oito especies residentes na súa relativamente pequena área de 193 × 32 km.[11]
Algunhas especies teñen áreas de distribución masivas, como o Alcedo athis, que vive desde Irlanda cara ao leste por toda Europa, Norte de África, e Asia ata as illas Salomón en Australasia, ou o Ceryle rudis, que ten unha ampla distribución ao longo de África e Asia. Outras especies teñen distribucións moito menores, especialmente as especies insulares que son endémicas dunha única illa pequena; por exemplo, o Tanysiptera ellioti está restrinxido á illa de Kofiau da costa de Nova Guinea.[11]
Os picapeixes ocupan unha ampla variedade de hábitats. Aínda que están a miúdo asociados con ríos e lagos, aproximadamente a metade das especies do mundo encóntranse en bosques e ríos forestados. Tamén ocupan unha ampla variedade doutros hábitats. O Todiramphus pyrrhopygius de Australia vive nos desertos secos, aínda que os picapeixes están ausentes doutros desertos secos como o Sáhara. Outras especies viven en zonas altas das montañas ou en bosques abertos e varias especies viven nos atois de coral tropicais. Numerosas especies adaptáronse a hábitats modificados polos humanos, particularmente os adaptados a zonas boscosas, e poden encontrarse en áreas cultivadas agrícolas, así como en parques e xardíns de cidades.[11]
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Alimentación
[editar | editar a fonte]Aliméntanse dunha gran variedade de presas. Son máis coñecidos por pescar e comer peixes e algunhas especies, efectivamente, especialízanse en capturar peixes, pero outras capturan crustáceos, ras e outros anfibios, vermes anélidos, moluscos, insectos, arañas, cempés, réptiles (incluíndo serpes), e incluso aves e mamíferos. Algunahs especies poden especializarse na captura dunha gran variedade de presas e outras só nunhas poucas, e nas especies con grandes áreas de distribución globais, as diferentes poboacións poden ter distintas dietas. Os picapeixes de bosque comen principalmente insectos, particularmente saltóns, mentres que os picapeixes acuáticos están máis especializados en pescar peixes. O Todiramphus pyrrhopygius foi observado peteirando nos niños de barro dos hirundínidos Petrochelidon ariel para alimentarse das súas crías.[16] Os picapeixes xeralmente cazan desde unha póla exposta; cando observan unha presa, a ave bótase en picado para apañala, despois regresa á súa póla. Os picapeixes das tres subfamilias baten a presa contra a póla para matala e retirar ou romper as espiñas protectoras e ósos. Unha vez golpeada a presa, manipúlana e despois trágana.[11] O Clytoceyx rex usa o seu peteiro ancho e masivo como unha pa para escavar buscando vermes no barro mol.
-
Un Alcedo athis
-
Megaceryle maxima rompendo a espiña dorsal dun peixe tilapia
-
Ceryle rudis matando un peixe
Reprodución
[editar | editar a fonte]Son aves territoriais, e algunhas especies defenden os seus territorios vigorosamente. Son xeralmente monógmas, aínda que se observou ás veces a reprodución cooperativa nalgunhas especies e é bastante común noutras,[11] como o Dacelo novaeguineae, na que individuos axudan e colaboran coa parella reprodutora dominante a criar os fillos.[17]
Como todos os Coraciiformes, os picapeixes nidifican en cavidades, e a maioría das especies nidifican en buratos que escavan no chan. Estes buratos están xeralmente en ribeiras dos ríos, lagos ou gavias feitas polo home. Algunhas especies poden nidificar en buratos nas árbores, na terra que colga das raíces dunha árbore arrancada pola raíz, ou en niños arbóreos de térmites. Estes niños de térmites son comúns nas especies forestais. Os niños teñen forma de pequena cámara ao final do túnel. As tarefas de escavación do niño son compartidas entre os dous xéneros. Durante as escavacións iniciais, ás veces a ave pode voar ao sitio escollido con considerable forza e pode lesionarse mortalmente. A lonxitude dos túneles varía segundo a especie e a lolcalidade; os niños en termiteiros son necesariamentre moito máis curtos que os que se escavan na terra, e os niños en substratos máis duros son máis curtos que os feitos en solo brando ou area. Os túneles máis longos rexistrados son os do Megaceryle maxima, que chegan aos 8,5 m de longo.[11]
Os ovos dos picapeixes son sempre brancos e brillantes. O tamaño de posta típico varía coa especie; algunhas das especies máis grandes e tamén as máis pequenas poñen só dous ovos por posta, mentres que outras poden poñer 10, pero o máis común é de tres a seis ovos. Ambos os sexos chocan os ovos. As crías xeralmente permanecen cos pais durante 3–4 meses.[11]
Status e conservación
[editar | editar a fonte]Varias especies considérase que están ameazadas polas actividades humanas e están en perigo de extinción. A maioría destas son especies de bosque con distribución limitada, fundamentalemnte especies insulares. Están ameazadas pola perda de hábitat causada pola deforestación ou a degradación e nalgúns casos por especies introducidas. O picapeice das illas Marquesas (Todiramphus godeffroyi) da Polinesia Francesa está listado como en perigo crítico debido a unha combinación de perda e degradación de hábitat causados pola introdución de gando vacún e posiblemente debido á depredación realizada por especies introducidas.[18]
Relacións cos humanos
[editar | editar a fonte]Son aves xeralmente tímidas, pero malia todo, aparecen frecuentemente na cultura humana, normalmente debido á súa gran cabeza, poderoso peteiro e rechamante plumaxe, ou ao interesante comportamento dalgunhas espeecis.
Paro o pobo dusun de Borneo, o Ceyx erithaca é considerado de mal agoiro, e os guereiros da tribo que ven un camiño da batalla deberían volver a casa. Outra tribo de Borneo considera que o Lacedo pulchella é unha ave que presaxia algo, pero xeralmente de bo agoiro.[11]
O picapeixe sagrado Todiramphus sanctus, xunto con outros picapeixes do Pacífico, foi venerado polos polinesios, que crían que tiña o control dos mares e as ondas.
A taxonomía moderna nomeou a moitos picapeixes por un mito clásico grego. A primeira parella da ave mítica Halcyon (picapeixe) foi creada polo casamento da princesa Alcione con Ceix. Cometeron o sacrilexio de chamarse entre si Zeus e Hera, como se fosen deuses. Iso incomodou a Zeus e morreron por iso, pero os outros dueses, nun acto de compaixón, convertéronos en aves, situándoas no seu hábitat orixinal na beira do mar. Ademais, concedéronselles os "días de halcyon". Son sete días arredor do solsticio de inverno nos que non haberá tormentas para favorecelos. Os "días" das aves Halcyon tiñan como propósito que puidesen coidar a súa posta ou crías eclosionadas en inverno, pero a frase "días de Halcyon" tamén se refire especificamente a un tempo idílico do pasado, ou en xeral a un tempo de paz.
Varios tipos de picapeixes e artefactos culturais humanos son denominados por esa parella, facendo referencia a ese mito de metamorfose:
- O xénero Ceyx noméase polo mencionado personaxe mitolóxico.
- A familia Halcyonidae noméase pola súa muller, igual que o xénero Halcyon.
- O Megaceryle alcyon tamén fai referencia ao seu nome.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Moyle, Robert G (2006). "A molecular phylogeny of kingfishers (Alcedinidae) with insights into early biogeographic history" (PDF). Auk 123 (2): 487–499. doi:10.1642/0004-8038(2006)123[487:AMPOKA]2.0.CO;2.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alcedínidos.
- ↑ 3,0 3,1 Gill, Frank; Donsker, David, eds. (2017). "Rollers, ground rollers & kingfishers". World Bird List Version 7.2. International Ornithologists' Union. Consultado o 28 May 2017.
- ↑ Rafinesque, Constantine Samuel (1815). Analyse de la nature ou, Tableau de l'univers et des corps organisés (en French). Palermo: Self-published. p. 66.
- ↑ Bock 1994, pp. 145, 252.
- ↑ Bock 1994, p. 118.
- ↑ Sibley, Charles G.; Monroe, Burt L. Jr (1990). Distribution and Taxonomy of Birds of the World. New Haven, CT: Yale University Press. ISBN 978-0-300-04969-5.
- ↑ Christidis, Les; Boles, Walter (2008). Systematics and taxonomy of Australian birds. Collingwood, VIC, Australia: CSIRO. pp. 168–171. ISBN 978-0-643-09602-8.
- ↑ Fry, Fry & Harris 1992, p. 8.
- ↑ Andersen, M.J.; McCullough, J.M.; Mauck III, W.M.; Smith, B.T.; Moyle, R.G. (2017). "A phylogeny of kingfishers reveals an Indomalayan origin and elevated rates of diversification on oceanic islands". Journal of Biogeography: 1–13. doi:10.1111/jbi.13139.
- ↑ 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 Woodall, Peter (2001). "Family Alcedinidae (Kingfishers)". En del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi. Handbook of the Birds of the World. Volume 6, Mousebirds to Hornbills. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 103–187. ISBN 978-84-87334-30-6.
- ↑ Fry, Fry & Harris 1992, pp. 195–196.
- ↑ Fry, Fry & Harris 1992, pp. 231–232.
- ↑ Fry, Fry & Harris 1992, pp. 133–136.
- ↑ Bancroft, Wilder; Chamot, Emile M.; Merritt, Ernest; Mason, Clyde W. (1923). "Blue feathers" (PDF). The Auk 40 (2): 275–300. doi:10.2307/4073818.
- ↑ Schulz, M (1998). "Bats and other fauna in disused Fairy Martin Hirundo ariel nests". Emu 98 (3): 184–191. doi:10.1071/MU98026.
- ↑ Legge, S.; Cockburn, A. (2000). "Social and mating system of cooperatively breeding laughing kookaburras (Dacelo novaeguineae)". Behavioral Ecology and Sociobiology 47 (4): 220–229. doi:10.1007/s002650050659.
- ↑ Birdlife International (2009). "Todiramphus godeffroyi". Red List. IUCN. Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2011. Consultado o 12 December 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bock, Walter J. (1994). History and Nomenclature of Avian Family-Group Names. Bulletin of the American Museum of Natural History. Number 222. New York: American Museum of Natural History.
- Fry, C. Hilary; Fry, Kathie; Harris, Alan (1992). Kingfishers, Bee-eaters, and Rollers. Londres: Christopher Helm. ISBN 978-0-7136-8028-7.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alcedínidos |
- ARKive – imaxe e vídeos de picapeixes (Alcedo atthis)
- vídeos de picapeixesArquivado 10 de xuño de 2010 en Wayback Machine. en the Internet Bird Collection