Asociación Mineralóxica Internacional
A Asociación Mineralóxica Internacional é unha organización internacional afiliada á Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas e que se fundou en 1958 co obxectivo de promover a cooperación internacional nas ciencias mineralóxicas e reforzar a presenza da comunidade mineralóxica entre os grupos internacionais que se ocupan da ciencias da Terra.
No seu seo existen oito comisións, catro grupos de traballo e dous comités. O Consello do IMA reúnese anualmente en paralelo a unha reunión internacional, mentres que a Asemblea Xeral ten lugar cada catro anos. A Comisión de Novos Minerais, Nomenclatura e Clasificación é a encargada da estandarización da nomenclatura das máis de 4000 especies minerais coñecidas. Un total de 38 organizacións nacionais están adheridas ao IMA.