Saltar ao contido

Barad-dûr

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Barad-dûr.

Barad-dûr (‘torre escura’ en sindarin) é unha torre ficticia descrita no legendarium do escritor británico J. R. R. Tolkien, que aparece na súa novela O Señor dos Aneis, e brevemente en O Silmarillion. Trátase da fortaleza principal de Sauron, o antagonista da novela. Está situada preto das Ered Lithui (‘montañas da cinsa’), ó norte de Mordor.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome Barad-dûr é sindarin, e é un nome composto de Barad (‘torre’) + dûr (‘escura’), para dar Barad-dûr (‘torre escura’). Na lingua negra de Mordor coñécese como Lugbúrz.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Tolkien describe a Torre Escura cunha escala tan xigantesca que era case irreal, aínda que non dá moitos detalles máis aló do seu tamaño e impresionante forza, e que era a fortaleza principal para as tropas de Sauron, dende a que se emitían as súas ordes. Ademais servía de arsenal, prisión e forno. En calquera caso, descríbese como escura, rodeada de tebras e permanentemente envolta en negras néboas, polo que non pode ser vista con claridade. A primeira descrición de Barad-dûr que aparece en O Señor dos Aneis é a través dunha visión que Frodo tivo en Amon Hen, na que percibiu a inmensa torre do xeito seguinte:

Then at last his gaze was held: wall upon wall, battlement upon battlement, black, immeasurably strong, mountain of iron, gate of steel, tower of adamant, he saw it: Barad-dûr, Fortress of Sauron.
Ó fin os ollos detivéronse e entón viuna: muro sobre muro, amea sobre amea, negra, inmensamente poderosa, montaña de ferro, porta de aceiro, torre de diamante: Barad-dûr, a Fortaleza de Sauron.

Moito máis avanzada a historia, mentres Frodo e Sam subían pola ladeira do Monte do Destino, ó descorrerse o veo tenebroso polo cambio nos ventos do mundo, lograron entrevela por un intre:

...rising black, blacker and darker than the vast shades amid which it stood, the cruel pinnacles and iron crown of the topmost tower of Barad-dûr.
...negros, máis negros e tenebrosos que as vastas sombras dos arredores, os pináculos crueis e a coroa de ferro da torre máis alta de Barad-dûr.

Trala destrución do Anel Único, Frodo e Sam volven ver Barad-dûr, pero desta volta caendo sobre os seus alicerces.