Burro catalán
O burro catalán é un animal de gran talle, a raza máis alta e corpulenta da súa especie, con 145–160 cm de alzada nos machos e 135–150 cm nas femias, de silueta esvelta e estirada. O peso medio dos machos pode chegar ós 375 kg. Descende do tronco ancestral Equus asinus somaliensis ou asno de Somalia, como as outras razas de burros de capa negra do norte de España. Outros autores falan dun Equus asinus europeus, localizado na conca mediterránea.
A primeira evidencia do burro en Cataluña atopouse en Caldas de Montbui (Barcelona)[1], cifrándose nunha antigüidade dun 2 millóns de anos, a finais do Terciario (Romagosa, 1959). Este feito demostraría a existencia de asnos en Cataluña moito antes de que se producisen as migracións orientais cara a Europa. Outros arqueólogos identifican estes restos cun équido prehistórico, o Equus hydruntinus ou zebro, e afirman que os actuais asnos chegaron a Europa no plistoceno medio, xunto cos cabalos (Nores e Liesau, 1992).
Plinio o Vello escribiu que na comarca de Vic existían burros, ós que denominaban ausetans.
Descrición
[editar | editar a fonte]O burro catalán ten a cabeza grande, fronte ampla e lixeiramente afundida, fociño moi ancho, orellas de base ancha, non demasiado grandes e ergueitas. O pescozo é robusto, o peito amplo e a cruz destacada, o que lle proporciona un terzo anterior airoso. De dorso recto ou lixeiramente afundido, e ventre recollido. Rabo de nacemento baixo, provisto dunha abundante guedella de longas sedas no extremo. As patas son ben conformadas e fortes, con cascos estreitos.
A capa típica é sempre escura ou negra, como a pez; ocasionalmente, castaña escura. Como noutras razas, presenta unha degradación a gris prateada ó redor do fociño e dos ollos, e nas axilas, ventre e bragadas, que chega tamén á parte superior e interna das extremidades.
Raza mallorquina
[editar | editar a fonte]A raza mallorquina descende da catalá e é, con seguridade, a máis escasa das razas asnais autóctonas. Lixeiramente menor có catalán (145–155 cm de alzada), é semellante en todo a este, no que respecta á morfoloxía, capas e carácter.
Protección
[editar | editar a fonte]A preocupación pola raza catalá, coa definición do estándar racial e a selección dos garañóns máis aptos para a reprodución data de 1880, coa creación do Libro Xenealóxico do Asno Catalán. A guerra civil española e a mecanización do campo nos anos cincuenta estiveron a piques de provoca-la extinción da raza pero a creación da Fundación de fomento da raza catalá AFRAC en 1978 volveu investir o proceso reabrindo o libro xenealóxico.
Polas súas cualidades foi obxecto de exportación a Francia e Italia, principalmente, así como a Estados Unidos, onde deu lugar a unha variante moi afamada, o garañón catalán americano.
A finais de 1994 naceu o Programa de Conservación do Asno Catalán, que deseña e controla as montas para conserva-la la máxima diversidade xenética e evita-la consanguinidade.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñece como entidade de criadores de équidos organ ofic reconoc.pdf Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine., concretamente do burro catalán, a Associació del Foment de la Raça Asinina Catalana (AFRAC), fundada en 1978 e domiciliada en Banyoles (Xirona). No caso do burro mallorquín, trátase da Associació de Criadors i Propietaris de Pura Raça Asinal Mallorquina, domiciliada en Esporles (Mallorca).
Segundo AFRAC, a xuño de 2006 o censo de reprodutores de suficiente pureza racial era de 336 exemplares, distribuídos principalmente en Xirona e Barcelona pero tamén en explotacións de Toledo, Baleares e sur de Francia[2].
Simboloxía
[editar | editar a fonte]O debuxo do burro catalán, deseñado por Eloi Alegre, naceu como logotipo da Asociación Afrac. En 2004, Jaume Sala e Álex Ferreiro comezaron a empregalo, despois de lixeiras modificacións, como elimina-la crina e os testículos[3], como símbolo da catalanidade fronte ó toro de Osborne típico da inconografía españolista, do mesmo xeito que aquí, en Galicia, xa corre desde o 2002 o equivalente da vaca do deseñador Antón Lezcano sobre a bandeira galega ou no País Vasco a ovella Ardilatxa (esquematizada da raza ovina autóctona lacha).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ficha". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2007. Consultado o 17 de maio de 2007.
- ↑ "Distribución" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de setembro de 2007. Consultado o 17 de maio de 2007.
- ↑ "La autoría del burro catalán ira a juício" Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine., artigo en La Vanguardia (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- www.burrocatala.com Arquivado 30 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine.
- Fuives - Centro Mundial do burro catalán