Saltar ao contido

Fócidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os fócidos (Phocidae) son unha familia de mamíferos pinnípedes mariños adaptados a vivir en medios acuáticos a maior parte do tempo, coñecidos como focas ou focas verdadeiras.[1]

A familia comprende 19 especies recoñecidas. Como todos os pinnípedes carecen de pavillón auditivo e no cranio non posúen moas carniceiras, estando as mandíbulas deseñanas para capturaren presas, pero non para as esgazaren e mastigaren; outra característica salientábel é que teñen óso peneano.[2]

As súas extremidades posteriores están dirixidas cara a atrás, e non son funcionais para o desprazamento terrestre, característica que as diferencia dos otaríidos (lobos e osos mariños).

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A familia Phocidae foi descrita por John Edward Gray en 1821 e formou o seu nome, como é habital, engadíndolle á raíz do nome do xénero tipo, neste caso Phoca, a desinencia do latín científico -idae, empregado para formar os nomes das familias dos animais.

Cadro do pintor barroco Paul de Vos.

O nome do xénero Phoca, creado por Linneo en 1758, deriva do latín phoca, e este á súa vez do grego antigo φώκη phókē. Do nome latino proceden os nomes destes animais nos idiomas vulgares neolatinos:

  • galego foca
  • portugués foca
  • castelán foca
  • catalán foca
  • italiano foca
  • romanés focă
  • francés phoque

Nomes galegos

[editar | editar a fonte]

Das especies que viven (ou vivían) en augas próximas ás nosas costas, Ríos Panisse só rexistra Phoca vitulina,[3] que recolleu os nomes de lobo, lobo de mar, lobo mariño, vaca e vaca mariña en varias localidades. Segundo Antón Santamarina, nas notas etimolóxicas na obra desta autora, os nomes de lobo serían préstamos do castelán da Arxentina e Chile, onde chaman lobos marinos a varias especies de fócidos que alí viven; e os de vaca derivarian do propio nome científico específico, vitulina, do latín vitellus, ou vitelus, a cría da vaca (que tamén se aplica nalgúns lugares de Galicia a Odobenus rosmarus, a morsa).

Sen especificar o nome científico, Rios Panisse recolle en diversos dicionarios antigos (o da Real Academia Galega dos anos 1930, Eladio Rodríguez, Franco Grande, Cuveiro e Valladares, entre outros), os de becerro do mar, becerro mariño, foca, lobarraz, lobo do mar, lobo mariño e terneira do mar.

Pola súa parte, a SGHN recolle tres especies na súa lista provisoria de vertebrados de Galicia, para as que propoñen os nomes seguintes:[4]

Finalmente, Díaz d'a Silva e Cartelle consideran catro especies de focas galegas, das que só Phoca vitulina coincide coas tres consideradas pola SGHN, para as que propoñen os nomes:[2]

Nomes que son máis ou menos consontes cos que se lles dan a estas especies nos idiomas próximos ao noso.

Ademais, tamén consideran a presenza nas nosas augas do fócido

Características

[editar | editar a fonte]
Fócidos en Puerto Madryn, Arxentina.

Teñen o corpo alongado e fusiformes, adaptado á natación, coa cabeza arredondada, con ausencia de pavillóns auditivos externos. As vértebras lumbares, moi desenvolvidas, están articuladas para favoreceren a flexibilidade da columna vertebral.[2]

As extremidades anteriores son curtas e aplanadas, en forma de aletas, aínda que non interveñen no desprazamento na auga, nin na terra, aínda que algunhas especies poden moverse nesta últimna a gran velocidade empregando movementos de reptación. As posteriores adoptan unha posición fixa cara a atrás, e non poden retraerse.

A pelaxe das focas é xeralmente curta e mesta na idade adulta; a maior parte da protección térmica non a ofrece esta, senón a grosa capa de graxa subcutánea, que pode representar até un cuarto do peso do animal. Algunhas especies carecen case de pelo.

Bioloxía e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

As focas habitan as rexións costeiras de boa parte do globo, coa excepción das zonas tropicais.

A súa estrutura social varía enormemente entre as especies e, a diferenza dos leóns mariños, non adoitan formaren grandes colonias. Algunhas especies forman parellas monógamas, outras asócianse en pequenas tribos.

As focas son depredadores sumamente eficaces, alimentándose de peixes, crustáceos e cefalópodos, aínda que algunhas especies capturan tamén pingüíns.

Son capaces de nadar grandes distancias e somerxerse a grandes profundidades para capturar as súas presas. As distancias que deben cubrir durante a alimentación impoñen un ritmo peculiar á lactación; o leite das focas é moi rica en calorías para permitir ao cachorro sobrevivir durante as longas ausencias da súa nai.

A variedade de tamaño entre as focas é notábel; algunhas especies do xénero Phoca non superan o peso dun humano adulto, mentres que os elefantes mariños macho pesan máis de 3 500 kg, aínda máis do que as morsas (da familia dos odobénidos). De feito, os elefantes mariños son os mamíferos mariños máis grandes quitando os cetáceos.

A inmensa maioría das focas nadan nas salgadas augas mariñas, pero a Pusa sibirica pasa toda a súa vida nas augas doces do lago Baikal, na Siberia, característica única dos fócidos. Porén, sábese que a foca común (Phoca viitulina) en ocasiónes navega por estuarios e ríos para buscar comida; tamén hai subespecies tanto desta especie como de Pusa hispida (a foca anelada) que viven en lagos sen saída ao mar.

Evolución

[editar | editar a fonte]

Os fósiles de pinnípedes máis antigos coñecidos datan do mioceno medio, cunha idade duns 15 millóns de anos, que foron achados en esvavacións da rexión do Atlántico norte. Os estudos xenéticos indican que os pinnípedes están emparentados cos úrsidos e cos mustélidos, pero até agora tíñanse poucos datos paleontolóxicos que o confirmaran e que mostraran súa evolución morfolóxica.[5][6]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Os fócidos clasifícanse como se indica a continuación:[7]

Nota: só se indican os xéneros e especies actuais.

  1. Moita xente chama focas a pinnípedes doutras familias, especialmente á dos otaríidos.
  2. 2,0 2,1 2,2 Díaz d'a Silva e Cartelle (2007).
  3. Ríos Panisse, M. C. (1983), pp.12-13.
  4. Pérez Alberti, A. dir. (1982), p. 209.
  5. Rybczynski, N. (2009): "A semi-aquatic Arctic mammalian carnivore from the Miocene epoch and origin of Pinnipedia". Nature 458 (7241): 1021–24.
  6. ZCO-1999: Puijila darwini: la foca con rabo que anduvo a cuatro patas.
  7. Peter Saundry (2010): "True Seals" en Encyclopedia of Earth. topic ed. C. Michael Hogan, ed. in chief C. Cleveland, National Center for Science and the Environment, Washington DC.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007): "Fócidos" en Guía dos mamíferos de Galicia, pp. 96–103. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7.
  • Dugui, R. e Robineau, D. (1987): "Pinnípedos de Europa" en Guía de los mamíferos marinos de Europa, pp. 158–186. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0811-5.
  • Kowalski, K. (1981): "Pinnipedia" en Mamíferos. Manual de teriología, pp. 464–472. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Pérez Alberti, A. (dir.) (1982): Xeografía de Galicia. Tomo I. O medio. A Coruña: Edicións Sálvora. ISBN 84-85779-12-6.
  • Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba, anexo 19. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compoostela. ISBN 84-7191-291-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]