Saltar ao contido

Foca do Baikal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Foca do Baikal
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Phocidae
Xénero: Pusa
Especie: P. sibirica
Nome binomial
Pusa sibirica
Gmelin, 1788
Distribución da foca do Baikal
Distribución da foca do Baikal

Distribución da foca do Baikal
Sinonimia

Phoca sibirica

A foca do Baikal, foca do lago Baikal, ou nerpa (Pusa sibirica), é unha especie de foca sen orellas endémica do lago Baikal en Siberia, Rusia. Como a foca do mar Caspio, está emparentada coa foca anelada ou foca ocelada do Ártico. A foca do Baikal é unha das focas máis pequenas e a única especie de pinnípide exclusivamente de auga doce.[2] Unha subpoboación de focas comúns de interior vive na Baía de Hudson, na provincia do Quebec no Canadá, (no “lac de loups marins”), a foca anelada do lago Saimaa (subespecie de foca anelada) e a foca do Ladoga tamén viven en auga doce, pero todas forman parte de especies que tamén teñen poboacións marítimas.[2]

Segue a ser un misterio científico como chegaron as focas ao lago Baikal, que está a centos de quilómetros de calquera océano. Algúns científicos especulan que as focas chegaron ao Baikal por unha pasaxe marítima que uniu o lago co océano Ártico.

As máis recentes estimacións cifran a súa poboación entre 80.000 e 100.000 animais, igualando aproximadamente a capacidade de carga do lago.[1] Na actualidade, a especie non se considera ameazada, a pesar da caza (legal e ilegal) e a gran contaminación do lago.[1] A ameaza máis importante no futuro podería ser o quecemento global, que ten o potencial de afectar gravemente a un ecosistema de auga fría fechado como o lago Baikal.[1]

Estatísticas

[editar | editar a fonte]
  • Peso: 70 quilos de media, 150 quilos máximo
  • Lonxitude: 1,3 metros de media
  • Alimentación: principalmente golomyanka (Comephorus) e gobios
  • Camadas: normalmente unha cría, ás veces dúas
  • Tempo de mergullo: normalmente de 20 a 25 minutos (máximo de 40 a 45 minutos)

Descrición

[editar | editar a fonte]
A foca do Baikal é unha especie de foca sen orellas endémica do lago Baikal en Siberia.

A foca do Baikal é unha das focas máis pequenas. Os adultos medran ata arredor de 1,3 metros de lonxitude e pesan entre 63 e 70 quilos.[3] Os animais teñen moi pouco dimorfismo sexual; os machos só son un chisco máis grandes que as femias.[3] Teñen unha capa de pel uniforme, gris aceirada nas súas costas e pelo cunha tinguidura amarelenta no abdome. Cando a pel se curte, vólvese amarronada.[4] Cando nacen, os cachorros pesan uns 4,5 quilos e teñen unha pel branca, sedosa, de pelo de cría. Este pelo cáelles pronto e é substituído por unha capa máis escura, parecida á dos adultos. É raro atopar focas do Baikal con pelaxes moteadas.[3]

Distribución

[editar | editar a fonte]

A foca do Baikal vive soamente nas augas do lago Baikal.[5] É algo misterioso como as focas do Baikal puideron chegar a vivir no lago. Puideron nadar remontando os ríos ou posibelmente o lago Baikal estivo conectado co océano nalgún momento a través dunha masa de auga, como o antigo lago glacial de Siberia Occidental ou a chaira de Siberia occidental, formada nunha glaciación anterior. Calcúlase que as focas habitan o lago Baikal desde hai dous millóns de anos. A foca do Baikal, a foca anelada do lago Saimaa (Pusa hispida saimensis), e a foca do lago Ladoga (Pusa hispida ladogensis) son as únicas focas de auga doce.

As áreas do lago na que viven as focas cambian dependendo da estación, así como doutros factores ambientais. Son animais solitarios a maior parte do ano, en ocasións viven quilómetros separadas doutras focas do Baikal. Xeralmente, a maior concentración de focas do Baikal atópase nas partes do norte do lago, porque o longo inverno permite que o xeo dure máis, o que é mellor para a crianza dos cachorros.[4] Porén, hai poucos anos, que se producen migracións cara a metade sur do lago, posibelmente para fuxir dos cazadores.[3] No inverno, cando o lago está xeado, as focas manteñen uns poucos buracos de respiración nunha determinada área e tenden a permanecer preto, sen interferir nas reservas de alimento das focas próximas. Cando o xeo comeza a derreterse, as focas do Baikal adoitan permanecer na beira do lago.

Poboación e tendencia

[editar | editar a fonte]
Un disfrace de foca do Baikal no Festival da Nerpa en Irkutsk, Rusia

En 2008, a foca do Baikal foi incluída, nas listaxes de conservación de especies, como unha especie en estado de conservación “Pouco preocupante”.[1] Isto quere dicir que non está neste momento “ameazada” ou “en perigo”. En 1994, o Goberno ruso estimou a súa poboación en 104.000. En 2000, Greenpeace fixo o seu propio reconto e estimou que había entre 55.000 e 65.000 focas.[5] As estimacións máis recentes son de entre 80.000 e 100.000 animais, igualando aproximadamente a capacidade de carga do lago.[1]

No último século, a cota para cazar focas do Baikal aumentou varias veces, sobre todo despois do auxe da industria peleteira nos últimos anos da década dos 70 e cando os recontos oficiais empezaron a mostrar un maior número de focas do Baikal das que se cría nun principio.[4] A cota en 1999, de 6.000, foi reducida no 2000 a 3.500, que está preto do 5% da poboación se o reconto de Greenpeace é correcto.[3] Ademais, introducíronse novas técnicas como poñer redes nos buracos de respiración e nos tobos das focas para capturar os cachorros. Unha pel de foca de primeira calidade pode chegar a 1.000 rublos no mercado.[5] Entre 2000 e 2006, unhas 2.000 focas foron cazadas cada ano de acordo coas estatísticas oficiais rusas, pero crese que outras 1.500 a 4.000 morren anualmente afogadas en aparellos de pesca, por caza furtiva e outras causas.[1]

O lago Baikal ten oito gardas da natureza, o que supón un garda para aproximadamente 2.500 quilómetros cadrados, o que dificulta facer cumprir as normativas. Aínda sen considerar a caza furtiva, a caza legal, mesmo a pequena escala, é un problema, porque algunhas das focas que foron alcanzadas por disparos ou feridas cando intentan fuxir morren máis tarde. Estas non entran na cota de caza e son engadidas despois. A caza furtiva e a caza legal é difícil que se reduzan significativamente sen a intervención gobernamental.

Outro problema no lago Baikal é a introdución de contaminantes no ecosistema. Pesticidas como o DDT e o hexaclorociclohexano, así como os refugallos industriais, principalmente da planta de polpa e papel Baikalisk, pénsase que poden ser a causade varias doenzas epidémicas entre as poboacións de focas do lago Baikal. Especúlase que o aumento de axentes químicos na cadea alimentaria e a debilitación do sistema inmune das focas do Baikal, fixéronas máis proclives a doenzas como o moquillo e a peste, que foron a causa dunha importante epidemia que provocou a morte de milleiros de focas do Baikal en 1997 e 1999.[3] Os cachorros de foca do Baikal teñen niveis altos de DDT e de PCB máis altos que en calquera outra poboación de focas europeas ou árticas.[1]

A ameaza futura máis importante para a supervivencia da foca do Baikal podería ser o quecemento global , que ten o potencial de afectar gravemente a un ecosistema de auga fría fechado como o lago Baikal.[1]

O único depredador natural coñecido desta especie de foca é o oso pardo, pero non se cre que isto ocorra frecuentemente.[1]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

As femias das focas do Baikal alcanzan a madureza sexual entre os 3 e 6 anos de idade, mentres que os machos adquírena arredor dos 4 e 7 anos.[3] Os machos e femias non teñen un gran dimorfismo sexual; este feito, unido á súa mala visión e ás distorsións ópticas provocadas pola auga fría, leva en ocasións a que os machos se confundan e intenten copular con outros machos, un comportamento interpretado erroneamente por algúns etólogos como homosexual. As focas do Baikal aparéanse na auga cara ao fin da estación de cría. Cunha combinación de implantación atrasada do embrión e un período de xestación de nove meses, a duración total da preñez da foca do Baikal é duns 11 meses. As femias preñadas son as únicas focas do Baikal en abandonar a auga e asentarse en terra durante o inverno. Os machos tenden a permanecer na auga, baixo o xeo, todo o inverno. As femias normalmente paren un cachorro, pero son unha das dúas únicas especies de foca que poden parir xemelgos. Os xemelgos adoitan permanecer xuntos algún tempo despois de seren destetados. As femias, despois de parir os seus cachorros no xeo no fin do inverno, quedan inmediatamente preñadas outra vez, e adoitan dar de mamar mentres están preñadas.

As focas do Baikal son algo polígamas e lixeiramente territorias, aínda que non son especialmente defensoras do seu territorio. Os machos aparéanse cunhas tres femias se teñen a oportunidade. Entón eles marcan o tobo da femia cun forte cheiro, almiscrado, que pode ser ulido por outro macho se se aproxima. As femias crían os cachorros elas soas; cavan para eles un tobo bastante grande debaixo do xeo, duns 5 metros de lonxitude e máis de 2 metros de largura. Os cachorros con só dous días de idade comezan a ampliar este tobo escavando un labirinto de túneles arredor do tobo, esta actividade crese que a fan por exercicio e para manterse quentes mentres non desenvolven unha capa de graxa illante.

As nais de foca do Baikal alimentan os seus cachorros arredor de 2 meses e medio, preto de dúas veces máis que calquera outra foca. Durante este tempo, os cachorros poden aumentar o seu peso de nacemento (uns 4 quilos) o quíntuplo. Despois de destetar os cachorros, a nai acostúmaos á comida sólida, levándolles camaróns, peixes e outros alimentos ao tobo.

Na primavera, cando o xeo se derrete e os tobos normalmente se derruba, os cachorros son abandonados para que se vallan por si mesmos. O seu crecemento dura ata os 20 ou 25 anos de idade.

Todos os anos no fin do inverno e na primavera, ambos os sexos acoden á terra e empezan a mudar o seu pelo do ano anterior, que é substituído por pelo novo. Mentres mudan o pelo, abstéñense de comer e entran nun estado letárxico, neste tempo algúns morren de golpes de calor, especialmente os machos, por permanecer moito tempo deitados no xeo expostos ao sol.[4] Durante a primavera e o verán, pódense formar grupos de ata 500 animais nos témpanos de xeo e nas costas do lago Baikal. As focas do Baikal poden vivir máis de 50 anos, unha idade moi avanzada para unha foca, aínda que se pensa que son fértiles só ata os 40 anos aproximadamente.[4]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

A súa principal fonte de alimento é o golomyanka (Comephorus), un peixe que se atopa só no lago Baikal. As focas do Baikal comen máis da metade da biomasa de golomyanka producida anualmente, unhas 64.000 toneladas.[4] Ademais comen algúns tipos de invertebrados,[4] e o esporádico omul (Coregonus migratorius). Aliméntanse principalmente de noite, cando os peixes soben a 100 metros da superficie. Aliméntanse durante mergullos de 10 a 20 minutos, aínda que isto escasamente alcanza as súas habelencias submarinas. As focas do Baikal teñen dous litros máis de sangue que calquera outra foca do seu tamaño e pode permanecer baixo da auga ata 70 minutosse está asustada ou precisa fuxir dun perigo.

A foca do Baikal foi culpada polo descenso da poboación de omul, pero non é a responsábel. O principal competidor do omul é o golomyanka e as focas do Baikal comen toneladas deste peixe cada ano, co que reducen a competición co omul polos recursos.[4]

As focas do Baikal teñen un raro hábito de alimentación. No principio do outono, antes de que o lago se conxele por completo, migran ás baías e covas e cazan o Myoxocephalus octodecemspinosus, un peixe que vive en áreas de sedimentos, e por ese motivo adoitan ter area e sedimentos no seu aparato dixestivo. Esta area limpa o tracto gastrointestinal das focas e axúdalles a eliminar parasitos.[4]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Burkanov, V. (2008). "Pusa sibirica". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 29 January 2009. 
  2. 2,0 2,1 Randall R. Reeves, Brent S. Stewart, Phillip J. clapham, James A. Powell, "National Audubon Society Guide to the Marine Mammals of the World", Alfred A. Knopf publishing, Nova York, 2002
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Baikal Seal (Phoca Sibirica)". Seal Conservation Society. Arquivado dende o orixinal o 06-10-2007. Consultado o 27-09-2007. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Pastukhov, Vladimir, D. "The Face of Baikal - Nerpa". Baikal Web World. Arquivado dende o orixinal o 25-10-2007. Consultado o 27-09-2007. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Schofield, James (27 de xullo de 2001). "Lake Baikal’s Vanishing Nerpa Seal". The Moscow Times. Consultado o 27-09-2007. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]