Saltar ao contido

Galeuzca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galeusca.

Galeuzca[1] (contracción dos topónimos Galicia, Euskadi e Cataluña) é o nome co que foron designados varios pactos entre partidos e políticos nacionalistas de Cataluña, o País Vasco e Galicia dende 1923 ata a actualidade. O nome Galeuzca empregouno por vez primeira Josep Conangla i Fontanilles o 31 de agosto de 1924 nunha conferencia no Centro Catalán da Habana titulada Catalunya. Passat, present i futur. Segundo o tipo de acordo, de período, ou de interlocutor pódense atopar varias grafías: Galeusca, Galeuzca, Galeuzka, GalEusCa e tamén Galeuscat.

1923-1933

[editar | editar a fonte]

O primeiro pacto, denominado Tripla Alianza, asinárono na sede do Centre Autonomista de Dependents del Comerç i de la Indústria (CADCI) o 11 de setembro de 1923 representantes de varias asociacións e partidos:

No documento reclamábase a plena soberanía política para as tres rexións das que procedían, definidas como nacións e se propoñía a creación dun consello conxunto para unir forzas. Aínda así, durante a ditadura de Primo de Rivera, as diferenzas ideolóxicas entre Estat Català e o PNV e a escasa forza política dos nacionalistas galegos deixaron o proxecto en vía morta. Nacionalistas galegos e cataláns participarían no Pacto de San Sebastián. Non así os vascos.

1933-1941

[editar | editar a fonte]

Ata 1933 non se volveu propoñer a reactivación do pacto, cando o PNV se aliou con Francesc Cambó, Acció Catalana e Palestra. O 2 de abril de 1933, Castelao viaxa a Gernika para participar nun mitin organizado por ANV, no que tamén participaron membros desta formación e o membro de ERC, Riera i Puntí. Alí Castelao asina un convenio de solidariedade entre as tres nacións, xunto a Riera i Puntí e Sabin Seijo, de ANV. O texto asinado dicía así:

Identificados Vascos, Catalanes y Gallegos, ante el problema de liberación de nuestros respectivos pueblos, sellamos hoy bajo el árbol de Gernika el pacto de mutua solidaridad que ha de traernos la satisfacción de aquel anhelo.

Gernika, 2 de Abril de 1933.
Gora Euskadi Askatuta
Seijo'tar Sabin
Viva Galiza Ceibe
Alfonso R. Castelao
Visca Catalunya Lliure
Dr. J. Riera i Puntí

 

O interese por un pacto trinacional foi medrando, uníndose o PNV, e entrando en conversas, que frutificarían no Pacto de Compostela ou Galeuzca, asinado no local do Seminario de Estudos Galegos o 25 de xullo de 1933[2][3].

Durante a guerra civil española, e unha vez obtida a autonomía para o País Vasco, o PNV preferiu aliarse con Esquerra Republicana de Catalunya e durante un tempo fíxose moita propaganda do pacto; cando o País Vasco foi ocupado polas tropas franquistas en 1937, o goberno autónomo instalouse en Barcelona.

1941-1946

[editar | editar a fonte]

Durante o exilio, o 9 de maio de 1941, promoveuse un novo pacto en Buenos Aires, baixo o nome de Galeuzca, reclamando a autodeterminación dos tres pobos e o apoio dos Aliados. Os asinantes foron:

Castelao falando en Montevideo nun acto de Galeuzca en 1945.

O pacto ratificárono en México o 22 de decembro de 1944 representantes da comunidade catalá de México, PNV, ELA-STV, Partido Galeguista, Estat Català, Acció Catalana, o Secretariado de Militantes de ERC, o Partit Socialista Català e a Unió de Catalans Independents. Estes nomearon un secretariado tripartito formado por Joan Loperena (Cataluña), José Luis Irisarri (País Vasco) e Juan López (Galicia). Entre outros obxectivos, propoñíase combater a ditadura franquista, afirmar a identidade das tres nacións, defender os seus dereitos, traballar polo restablecemento da república e opoñerse á restauración da monarquía.

Aínda así, non chegou a ter ningún resultado práctico porque foi descualificado tanto por Josep Irla, presidente da Generalitat de Cataluña no exilio, como por José Antonio Aguirre, lehendakari no exilio, de xeito que en marzo do 1945 fracasara nos seus obxectivos. Con todo, o seu recordo animou a numerosos intelectuais no interior e no exilio. En agosto dese ano saíu do prelo o primeiro número da revista Galeuzca, de carácter mensual, duraría 12 números. Josep Tarradellas amosou tamén a súa oposición ó pacto Galeuzca, nunha conversa mantida en 1946:

Yo no creo en Galeuzca. No soy partidario de situar el problema gallego a la misma altura que el catalán y el vasco. No podemos establecer vínculos de solidaridad con Galicia. (...) Galeuzca es un desafío contra Madrid. El desarrollo de esa política sólo podrá conducirnos a crear dificultades muy fuertes a los problemas catalán y vasco. Yo no puedo aceptar esa responsabilidad. Por eso no apoyaremos la política de Galeuzca ni aceptamos tampoco el nombre que no es muy afortunado.[4]

Este fracaso do pacto afectou moito a Castelao, cuxa relación con Aguirre foi arrefriando, ata o punto que nunha carta a Manuel Irujo culpa da morte do pacto a Aguirre[5].

A declaración de Barcelona do 18 de xullo de 1998 entre o PNV, BNG e CiU intentaba recuperar este espírito en contra da que consideraban política antiautonomista do presidente do goberno español José María Aznar e tivo como resultado a coalición electoral GalEusCa, que se presentou ás eleccións europeas no 2004.

No ano 2008, constitúese a Federación Galeusca pola Associació d'Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Euskal Idazleen Elkartea (EIE) Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]