Henning Jensen
Henning Jensen | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Henning Jensen | ||
Nacemento | 17 de agosto de 1949 | ||
Lugar de nacemento | Nørresundby | ||
Falecemento | 4 de decembro de 2017 | ||
Lugar de falecemento | Aalborg | ||
Altura | 1,82 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1965–1972 | Nørresundby | 0 | (0) |
1972–1976 | Borussia M'gladbach | 125 | (44) |
1976–1979 | Real Madrid | 81 | (16) |
1979–1981 | Ajax | 56 | (7) |
1981–1983 | AGF | 53 | (17) |
1984 | Nørresundby | ||
Selección nacional | |||
1972–1980 | Dinamarca | 21 | (9) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Henning Jensen, nado en Nørresundby o 17 de agosto de 1949 e finado en Aalborg o 4 de decembro de 2017, foi un futbolista dinamarqués, que xogaba como dianteiro. Militou entre outros clubs no Borussia Mönchengladbach, no Real Madrid e no Ajax, gañando os respectivos campionatos nacionais de liga cos tres equipos. Foi 21 veces internacional coa selección de Dinamarca, coa que marcou 9 goles.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nacido en Nørresundby, comezou a xogar ao fútbol no Nørresundby BK na cuarta división do fútbol dinamarqués. Xogando na banda dereita do ataque, debutou coa selección de Dinamarca en maio de 1972 e marcou o seu primeiro gol nun partido de clasificación para os Xogos Olímpicos de 1972 contra Romanía. Ese mesmo ano, e sen ter xogado nunca na primeira división danesa, foi fichado polo Borussia Mönchengladbach alemán.[1]
Militou catro anos no Mönchengladbach, compartindo dianteira co seu compatriota Allan Simonsen. Gañou dous campionatos da Bundesliga, unha DFB-Pokal e a Copa da UEFA na tempada 1974/75. Disputou un total de 177 partidos oficiais co club alemán, marcando 58 goles.
En 1976 fichou polo Real Madrid, converténdose no primeiro futbolista dinamarqués da historia do club, e xogou nel durante os seguintes tres anos, gañando os campionatos de liga nas tempadas 1977/78 e 1978/79. Disputou 102 partidos oficiais coa camiseta do club branco, nos que marcou 19 goles, 4 deles contra o FC Barcelona.[2]
En 1979 mudouse aos Países Baixos para xogar no Ajax. Alí coincidiu con outros futbolistas daneses como Frank Arnesen, Søren Lerby e Jesper Olsen. Na tempada 1979/80 gañou a Eredivisie e alcanzou as semifinais da Copa de Europa, onde o equipo neerlandés foi eliminado polo Nottingham Forest.[3]
Regresou a Dinamarca en xullo de 1981, para xogar no AGF Aarhus, antes de volver ao Nørresundby e xogar os seus últimos partidos co Nørresundby BK.
En 2006, foi nomeado pola Unión Danesa de Fútbol entre os candidatos ao premio ao mellor futbolista dinamarqués de tódolos tempos, xunto a Preben Elkjær, Brian Laudrup, Michael Laudrup, Morten Olsen, Peter Schmeichel, Allan Simonsen e Jon Dahl Tomasson.
Faleceu o 4 de decembro de 2017 a causa dun cancro.[4]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Borussia Mönchengladbach
- Bundesliga (2): 1974/75 e 1975/76
- Copa de Alemaña (1): 1972/73.
- Copa da UEFA (1): 1974/75.
- Real Madrid
- Primeira División (2): 1977/78, 1978/79.
- Ajax
- Eredivisie (1): 1979/80.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Muere Henning Jensen, primer danés que jugó en el Real Madrid". El País (en castelán). 6 de decembro de 2017. Consultado o 19 de outubro de 2022.
- ↑ "Goles con Historia: Jensen". Real Madrid Club de Fútbol (en castelán). 28 de febreiro de 2020. Consultado o 19 de outubro de 2022.
- ↑ "Ajax - Nottm Forest". UEFA (en inglés). Consultado o 19 de outubro de 2022.
- ↑ "Gladbach trauert um Henning Jensen" (en alemán). 6 de decembro de 2017. Consultado o 19 de outubro de 2022.