Saltar ao contido

La Amistad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
La Amistad

Acuarela contemporánea
Historial
Estaleiro España
Tipo Goleta de 2 mastros
Porto de rexistro Guanaja, Honduras
Características xerais
Eslora 37 metros
Propulsión vela

La Amistad era unha goleta mercante española na que se levou a cabo unha rebelión de escravos en 1839, cando o buque viaxaba fronte as costas de Cuba.

Uns cincocentos africanos foran secuestrados en Serra Leoa e transportados ata A Habana, Cuba, (entón colonia española) polo barco negreiro portugués Tecora, onde foron vendidos como escravos. Cincuenta e tres deles foron trasladados á La Amistad.[1]

A viaxe comezou o 28 de xuño de 1839 con dirección a Porto Príncipe. Porén, o 2 de xullo, un dos africanos, de nome Joseph Cinqué, conseguiu ceibarse e fixo o mesmo cos demais cativos. Os confinados mataron o cociñeiro do barco e tamén o capitán, nunha loita na que tamén morreron dous dos escravos. Dous mariñeiros fuxiron. Porén, perdoaron as vidas dos dous donos da carga humana a bordo, de apelidos Ruiz e Montes, os cales lles prometeran que conducirían a embarcación ata África. Tamén perdoaron ó escravo persoal do capitán.

Non obstante, os africanos foron enganados, sendo conducidos cara ao norte con rumbo á costa estadounidense, onde o barco foi avistado repetidas veces.[1] Soltaron áncoras a media milla de Long Island, Nova York, o 26 de agosto. Algúns dos africanos foron á beira a conseguir auga e provisións, e a embarcación foi descuberta polo bergantín Washington. O tenente Gedney, que comandaba o buque, axudado polos seus oficiais e tripulación, tomaron La Amistad e ós escravos baixo custodia, conducíndoos ó estado de Connecticut. Despois presentaría un reclamo por escrito baixo a lei de almirantado polo salvamento do barco, da carga, e dos africanos. Gedney presuntamente elixiu atracar en Connecticut porque, a diferenza do Estado de Nova York, a escravitude era tecnicamente legal alí (aínda que extremadamente rara), e agardaba sacar proveito dos escravos.

O caso, amplamente publicitado en Estados Unidos, axudou ó movemento abolicionista. En 1840, unha corte federal resolveu que o secuestro dos individuos na súa terra natal, e o posterior transporte, foran ilegais. Asemade, nos Estados Unidos só podían ser considerados escravos os nados de pais escravos, xa que a importación fora prohibida en 1808; polo tanto, os africanos eran homes libres. A Corte Suprema dos Estados Unidos confirmou a sentenza o 9 de marzo de 1841, e os raptados viaxaron de volta ó seu fogar en 1842.[1]

Este suceso serviu de inspiración para o filme Amistad de 1997, coa dirección de Steven Spielberg e as actuacións de Djimon Gaston Hounsou, Matthew McConaughey, Morgan Freeman, Anthony Hopkins, e Stellan Skarsgård.

  1. 1,0 1,1 1,2 "Unidentified Young Man". World Digital Library. 1839-1840. Consultado o 2013-07-28.