Magnus Lindberg
(2006) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fi) Magnus Gustaf Adolf Lindberg 27 de xuño de 1958 (66 anos) Helsinqui, Finlandia |
Residencia | Porvoo |
Educación | Academia Sibelius (pt) Svenska normallyceum (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Música |
Lugar de traballo | Helsinqui París |
Ocupación | compositor, pianista, músico |
Membro de | |
Xénero artístico | Ópera e música clásica |
Profesores | Einojuhani Rautavaara e Paavo Heininen (pt) |
Instrumento | Piano |
Obra | |
Obras destacables | |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Magnus Gustaf Adolf Lindberg, nado o 27 de xuño de 1958 en Helsinqui (Finlandia), é un compositor finlandés. Foi compositor residente de New York Philharmonic entre 2009 e 2011. Lindberg é considerado como un dos compositores máis importantes no campo da música orquestral, tendo realizado encargos para algunhas das orquestras máis importantes do mundo.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Lindberg naceu o 27 de xuño de 1958 en Helsinqui (Finlandia).[2] Comezou a súa formación musical estudando piano aos once anos, e aos 15 ingresou na Sibelius-Akatemia da súa cidade natal, onde estudou composición e música electroacústica nas clases de Risto Väisänen, Einojuhani Rautavaara, Paavo Heininen e Osmo Lindeman.[1] Aos dezaseis anos, Lindberg compuxo a obra Donor.[3] Foi Heiminen quen animou aos seus alumnos a mirar máis aló das estéticas conservadoras e nacionalistas finlandesas imperantes na época para explorar as obras dos compositores europeos de vangarda, o que levou á creación da Korvat auki (Oídos abertos) en 1977, e en 1980 fundou o ensemble Toimii (grupo co que ten aparecido como pianista e percusionista), que se converterían no laboratorio das súas experimentacións compositivas.[1][2] Posteriormente coñeceu a Brian Ferneyhough e Helmut Lachenmann en Darmstadt (Alemaña) e a Franco Donatoni nos cursos de verán de Siena (Italia).[1] A súa primeira composición oficial e que ten sido consideradaa o seu primeiro opus, foi Quintetto dell'Estate (1979).[4]
Despois de graduarse en 1981 viaxou por Europa, converténdose en alumno de Vinko Globokar e Gérard Grisey en París,[1] e traballando no estudio EMS de Estocolmo a finais dos anos '70, e posteriormente no estudio experimental da Yleisradio, así como a IRCAM en 1985.[1] Durante o seu período parisiense (1981-1993) recibiu numerosas influencias que marcarían o seu estilo compositivo.
O 8 de febreiro de 1981 estreaba a súa primeira composición orquestral, Drama, coa orquestra da Sibelius-Akatemia baixo a dirección de Leif Segerstam, mais a súa primeira obra interpretada por unha orquestra profesional foi Sculpture II, composta en 1981 e estreada o 13 de outubro de 1982 pola Radion sinfoniaorkesteri baixo a dirección do propio compositor e Esa-Pekka Salonen, a segunda parte dunha triloxía que nunca foi escrita.[5] Nesta época, na que as súas obras combinan o experimentalismo, complexidade e primitivismo, é cando chegou o seu maior éxito despois da composición de dúas obras a grande escala, Action-Situation-Signification (1982) e Kraft (1983-85), e que estiveron ligadas a Toimii.[2]
En 1996 foi nomeado profesor de composición do Kungliga Musikhögskolan i Stockholm (Real Conservatorio de Música de Estocolmo),[1] e en 2001 foi nomeado membro da Akademie der Künste de Berlín.[6].
Lindberg converteuse no compositor residente da New York Philharmonic (NYPO) na temporada 2009-10, coa invitación do recentemente chegado Director Musical Alan Gilbert.[7] En setembro de 2009, na noite de gala da NYPO, onde Gilbert se estreou como Director Musical, a orquestra interpretou unha obra do compositor: EXPO.[8] Logo de abandonar o posto de compositor residente na orquestra novaiorquina en 2011, foi nomeado nese mesmo cargo pola London Philharmonic Orchestra a partir da tempada 2014-15, compaxinando estes cargos co seu labor docente en diversas clases maxistrais.[2][9]
O seu interese na música de vangarda manifestouse tamén na súa faceta como pianista, interpretando obras de compositores como Luciano Berio, Pierre Boulez, Karlheinz Stockhausen ou Bernd Alois Zimmermann.[1]
Composicións e estilo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lista de composicións de Magnus Lindberg.
O seu primeiro grande éxito chegou con "Action-Situation-Signification" en 1982, o primeiro traballo co que explorou a musique concrète. Esa peza foi escrita para ser estreada polo novo conxunto de música, Toimii (que significa Traballo, en finés), que Lindberg fundou durante o verán de 1980. No mesmo período, Lindberg fundou un grupo informal, coñecido como Ears Open Society e no que estaban (xunto co propio Lindberg) Eero Hämeeniemi, Jouni Kaipainen, Kaija Saariaho e Esa-Pekka Salonen, un grupo que pretende fomentar o coñecemento do modernismo dominante.[2]
Durante o seu período parisiense (1981-1993) a súa música foi influenciada por distintas correntes como o free-jazz, post-punk, o minimalismo americano, ou a música tradicional (especialmente do Sueste asiático, gamelán), elementos que Lindberg asimilou e integrou dun xeito persoal ao seu estilo, no que tamén se poden apreciar trazos da música sinfónica de Sibelius.[1] As primeiras composicións de Lindberg mostran a herdanza do serialismo americano de Milton Babbitt cun alto grao de formalismo, así como o principio de clasificación harmónica da Ste theory de Allen Forte. Zona, composta en 1983 para violonchelo e sete instrumentos, é o resultado dunha sistematización rítmica precompositiva que repetiría posteriormente na súa obra para orquestra e ensemble Kraft (1983-1985), nesta etapa tamén se viu influenciado polo espectralismo francés.[1] A finais da década dos '80 a súa música transformouse cara a un novo clasicismo modernista, nas que moitos elementos comunicativos da vibrante linguaxe musical (harmonía, ritmo, contrapunto, melodía) foron reinterpretados para a era post-serial, destacando nesta etapa obras como Kinetics (1988), Marea (1989-90) e Joy (1989-90), acadando o seu culme en Aura (1993-94) e Arena (1994-95).[2]
A partir de principios dos anos 90 aspirou a unha maior pureza do son e unha lixeireza na ornamentación que contrasta con composicións anteriores como Kraft, e posteriormente tomou á grande orquestra como a súa formación predilecta; nesta época salienta Aura, síntese das súas porpostas compositivas anteriores, mais con tendencia a emancipar a individualidade virtuosística da masa orquestral preservando os amplos efectos da textura. Xunto con Aura e Feria, Lindberg explota de novo o material caleidoscópico da orquestra, que logo prolongará con Fresco (1997-98), Cantigas (1997-99) e Parada (2001), que conforman a que el mesmo denominor o seu «tríptico sinfónico».[1]
Lindberg foi moi influenciado por Pierre Boulez, Tristan Murail e Igor Stravinskii, mostrando esa influencia en Corrente (1992) e o Duo Concertante (1990).
Entre as súas obras destacan Seht die Sonne (2007), un encargo de Berliner Philharmoniker baixo a dirección de Simon Rattle e San Francisco Symphony, a súa primeira composición orquestral-coral GRAFFITI, estreada na súa cidade natal en maio de 2009 e Era (2012) para o 125 aniversario do Concertgebouw.[2]
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]Lindberg ten recibido numerosos premios de composición, tanto a nivel nacional como internacional, entre os que salientan:
- Internacional Rostum de Compositores da UNESCO (en 1982 por ...de Tartuffe, je crois, e en 1986 por Kraft).[1]
- Prix Italia (por Faust en 1986).[1]
- Premio de Música Nórdica (1988).[1]
- Premio Koussevitsky (1988).[1]
- Royal Philharmonic Society Prize (1992).[9]
- Primeiro premio compartido da "young.euro.classic - Musik Sommer Berlin 2000" (2000).[10]
- Membro da Akademie der Künste de Berlín (2001).[6]
- Wihuri Sibelius Prize (2003).[9]
- Pro Finlandia (2012)[11]
Discografía
[editar | editar a fonte]As composicións de Lindberg teñen sido rexistradas por selos como Deutsche Grammophon, Sony, Ondine, Da Capo e Finlandia.[2] Destacan:[12]
Ano | Obras | Director/solista(s) | Orquestra/ensemble | Selo | Código |
---|---|---|---|---|---|
1994 | UR, Corrente, Duo concertante, Joy | Peter Eötvös (director) | Ensemble intercontemporain | Ircam - Universal Music, coll. Compositeurs d’aujourd’hui (1 CD) | |
1997 | Arena 2, Coyote Blues, Tendenza, Corrente | Sakari Oramo (director | Avanti! Chamber Orchestra | Ondine (1 CD) | ODE 882-2 |
2000 | Aura, Engine | Olivier Knussen (director | London Sinfonietta | Deutsche Grammophon (1 CD) | |
2004 | Concerto pour piano, Kraft | Magnus Lindberg (piano) | Toimii Ensemble | Ondine (1 CD) | ODE 1017-2 |
2005 | Concerto pour clarinette, Grand Duo, Choral | Sakari Oramo (director) e Kari Kriikku (clarinete) | Radion sinfoniaorkesteri | Ondine (1 CD) | |
2006 | Gran Duo, "The President's Own" | Colonel Timothy W. Foley | United States Marine Band | USMB (1 CD) | CD-22 |
2007 | Mano a mano | Timo Korhonen (guitarra) | Ondine (1 CD) | ODE 1091-2 | |
2007 (*) | Steamboat Bill Jr. | Kari Kriikku (clarinete) e Anssi Karttunen (violonchelo) | Ondine (1 CD) | ODE 1102-2 | |
2007 | Concerto para violín | Sakari Oramo (director) e Lisa Batiashvili (violín) | Radion sinfoniaorkesteri | Sony (1 CD) | BMG 88697 129362 |
2008 | Sculpture, Campana in aria, Concerto for orchestra | Sakari Oramo (director) e Esa Tapani (trompa) | Radion sinfoniaorkesteri | Ondine (1 CD) | ODE 1124-2 |
2010 | Graffiti, Seht die Sonne | Sakari Oramo (director) | Radion sinfoniaorkesteri e Córo de Cámara de Helsinqui | Ondine (1 CD) | ODE1157-2 |
2011 | Tendenza, Kraft, Kinetics, Marea, Joy, Corrente, Corrente II, Coyote Blues, Arena, Arena 2, Feria, Gran Duo, Chorale, Concerto for Orchestra, Sculpture | Sakari Oramo, Esa-Pekka Salonen e Jukka-Pekka Saraste (directores) | Avanti! Chamber Orchestra, Toimii Ensemble, Radion sinfoniaorkesteri | Ondine (4 CDs) | ODE 1110-2Q |
2012 | Trio for Clarinet, Sancta Fe Project, Partia, Dos Coyotes | Kari Kriikku (clarinete), Anssi Karttunen (violonchelo), Magnus Lindberg (piano) | Ondine (1 CD) | ODE 1199-2 |
(*) Con obras de Erik Bergman, Kimmo Hakola, Paavo Heininen, Erkki Jokinen, Olli Kortekangas, Tapani Länsiö, Usko Meriläinen, Kaija Saariaho e Jukka Tiensuu
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 IRCAM (ed.). "Magnus Lindberg" (en francés). Consultado o 12 de febreiro de 2014.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Boosey & Hawkes, Inc. (ed.). "Magnus Lindberg Biography" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2014.
- ↑ IRCAM (ed.). "Magnus Lindberg Œuvres par date" (en francés). Consultado o 12 de febreiro de 2014.
- ↑ IRCAM (ed.). "Quintetto dell'estate (1979)" (en francés). Consultado o 13 de febreiro de 2014.
- ↑ IRCAM (ed.). "Sculpture II (1981)" (en francés). Consultado o 13 de febreiro de 2014.
- ↑ 6,0 6,1 Akademie der Künste (ed.). "Magnus Lindberg - Seit 2001 Mitglied der Akademie der Künste, Berlin, Sektion Musik" (en alemán). Consultado o 13 de febreiro de 2014.
- ↑ Daniel J. Wakin (13 de xaneiro de 2009). "For the Philharmonic, Next Stop, Vietnam". The New York Times. Consultado o 12 de febreiro de 2014.
- ↑ Anthony Tommasini (2009-09-17), "Gilbert Debuts as Philharmonic’s Director." The New York Times. Consultado o 12 de febreiro de 2014.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 ondine.net (ed.). "Magnus Lindberg (1958-)" (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2014.
- ↑ Akademie der Künste (ed.). "Auszeichnungen und Preise" (en alemán). Consultado o 13 de febreiro de 2014.
- ↑ Yleisradio, ed. (3 de decembro de 2012). "Sofi Oksaselle Pro Finlandia" (en finés). Consultado o 16 de febreiro de 2014.
- ↑ IRCAM (ed.). ""Magnus Lindberg" Ressources" (en francés). Consultado o 16 de febreiro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Stenius, Caterina. WSOY, ed. Chaconne: Magnus Lindberg ja uusi musiikki (en finés). Helsinqui. ISBN 951-0-31816-7.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Perfil de Magnus Lindberg no sitio weg de Boosey & Hawkes, Inc.
- Perfil de Magnus Lindberg en www.ondine.net (en inglés)
- Tom Service (16 de abril de 2013). The Guardian, ed. "A guide to Magnus Lindberg's music" (en inglés). Consultado o 16 de febreiro de 2014.
- Magnus Lindberg: Corrente
- Seht die Sonne (2007) pola Radion sinfoniaorkesteri baixo a batuta de Sakari Oramo (en YouTube)
- GRAFFITI (2009) pola Radion sinfoniaorkesteri baixo a batuta de Sakari Oramo (en YouTube)
- Feria (1997) pola Radion sinfoniaorkesteri baixo a batuta de Jukka-Pekka Saraste (en YouTube)