Mesa de mesturas
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2012.) |
Unha mesa de mesturas de son, mesa de son ou mesa de mesturas (de son), é un dispositivo capaz de combinar varias sinais de son sobre as que se pode actuar de xeito independente ou conxuntamente. Estes dispositivos teñen multitude de usos en relación ó son, como gravación en multipistas, reforzo sonoro de música en vivo, sonorización en platós de televisión etc. As mesas de mesturas, para ser útiles e acada-los obxectivos esperados, deben estar compostas de certos elementos, comúns a todas elas.
Características
[editar | editar a fonte]Canles de entrada e controis da mestura
[editar | editar a fonte]Os diferentes sinais que son enviados á mesa entran nesta por canles, as cales están dotadas de entradas específicas de nivel liña ou nivel micrófono.
- Os conectores de entrada a estas canles son de tipo XLR-3, TRS, TS ou RCA. Ademais, a entrada de liña pode ser balanceada (inmunidade ó ruído fronte a interferencias) ou non balanceada. As entradas de liña de alta impedancia son as preparadas para a conexión directa da saída de instrumentos de alta impedancia acústica (guitarras, por exemplo)
- A entrada de micrófono está constituída por un previo de ganancia fixa, seguido doutro amplificador ó que o técnico ten acceso a través dun potenciómetro. Deste xeito, conseguimos que no interior da mesa se traballe a nivel liña en todo momento, unha vez superada a fase de amplificación microfónica.
- O nivel de referencia ó que se traballa no interior da mesa está comprendido entre +4 e -10 dBm. Á saída da mesa, será un destes dous niveis os que se tomen como referencia, marcando se a mesa de mesturas é profesional (+4 dBm) ou semiprofesional (-10 dBm).
Un indicador de sobrecarga móstranos mediante un led se a entrada está recibindo máis sinal da que pode soportar sen producir distorsión. Aínda que o indicador se sitúa fisicamente xunto ó control de ganancia, electronicamente pode estar situado noutro punto da canle de entrada, como pode ser despois do módulo de procesado e ecualización.
- A alimentación phantom ou pantasma é unha tensión de 48 V enviada desde a canle pola terra do conector XLR-3, de xeito que os micros de condensador poidan funcionar. Esta opción tráena a maioría das mesas e acciónase, normalmente, mediante un interruptor.
Nalgunhas mesas podemos inverte-la fase do sinal de micrófono de entrada. Isto pode resultar moi útil para cables mal conectados ou micrófonos invertidos.
- O atenuador é un dispositivo que permite rebaixar o nivel dun sinal. Na entrada de moitas mesas atopámonos cun atenuador fixo de 20 dB´s, moi útil para micrófonos de baixa impedancia.
Moitas mesas inclúen na sección de entrada conectores femia tipo TRS que permiten a inserción de procesadores de son no sinal microfónico antes de mesturalo co resto de sinais da mesa. A estes conectores chámaselles insertos.
- A sección de ecualización e procesado utilízase, sobre todo, en aplicacións en directo ou gravación, onde o técnico pode ver necesario o realce ou atenuación de certas frecuencias. A sección de ecualización máis básica ofrece o control sobre o espectro de son para as frecuencias graves, medias e agudas, podendo atenuar ou realzar en 12 dB´s. Ademais, existen filtros que atenúan as frecuencias máis baixas de certo punto (HPF), ou as máis altas (LPF). O tipo e calidade do ecualizador daranlle á mesa unha maior ou menor versatilidade.
- O fader da canle é un potenciómetro deslizante, é dicir, unha resistencia eléctrica. O seu valor varía en función da posición do mando, estando comprendido entre +12 dB´s e menos infinito dB´s. A nosa escoita será post-fader ou pre-fader (despois ou antes do envío á saída principal), dependendo do tipo de mesa, e de se o podemos seleccionar ou non.
- O control panorámico úsase para repartir a entrada mono cara saídas dos buses de subgrupos e as saídas principais L e R da mesa, situando o sinal mono dentro dunha imaxe estéreo virtual. Este panorama contrólase mediante un potenciómetro.
Módulos de subgrupo
[editar | editar a fonte]Nestes módulos podemos agrupar simultaneamente máis dun sinal, podendo controla-lo nivel de varias canles baixo un só fader, entregando un único sinal de saída de grupo. Ademais de estar formados polos faders de subgrupo, tamén podemos atopar nestes módulos:
- Mute: silenciador de grupo. - PFL (Pre-Fader Listen): escoita previa ó fader. - Asignación ó bus da saída principal L/R.
Sección de envíos auxiliares
[editar | editar a fonte]A misión dos auxiliares nunha mesa de mesturas é tomar derivacións das canles, sen que por iso afecte en absoluto ó sinal orixinal, e envialas ós seus respectivos buses de auxiliar, o que permite procesar unha mestura arbitraria de sinais para posteriormente usalos como saídas auxiliares independentes. Isto faise mediante envíos, controlados en cada canle por potenciómetros que toman o sinal e o envían polo seu bus.
Isto permítenos unha gran cantidade de aplicacións e mesturas dentro dunha mesma mesa; tantas, como auxiliares teña a mesa. Tamén, deste xeito, podemos enviar sinal a equipos exteriores, para logo retornala procesada, sen que por iso teñamos que variar a nosa mestura principal. O envío a auxiliares pode ser pre-fader ou post-fader, de xeito que o sinal se atenúe cando baixamos o fader ou non. Igual que se regula o nivel de sinal de envíos a equipos exteriores, tamén debe poder regularse o retorno destes equipos; así pois, existirán tantos envíos como retornos auxiliares.
Sistemas de medida
[editar | editar a fonte]Na mesa de mestura podemos atopar varios sistemas de medida, aínda que principalmente son dous, o vúmetro e o picómetro.
- O vúmetro ou VU-meter (Volume Unit Meter)é un medidor do valor rms do sinal. Habitualmente, o seu valor 0 corresponde a +4 dBu´s, polo que un maior valor provocaría distorsión. Ten un retardo con respecto ó momento en que sona o sinal en torno ós 0,3 segundos. A medida é bastante en referencia coa sensación de volume sonoro que percibe o oído.
- O picómetro ten unha subida máis rápida (normalmente rolda os 0,1 segundos), xa que responde ós picos de sinal, e unha caída lenta (rolda os 3 segundos), de xeito que nos poidamos dar conta dos valores máis altos acadados en cada momento.
Marcas relevantes
[editar | editar a fonte]Algúns dos nomes máis relevantes que se poden citar:
- Solid State Logic
- Amek
- Soundcraft
- Mackie
- Peavey
- Neve
- Yamaha
- Midas
- Harrison
- Behringer
- Audiophony
- Stanton
- Technics
- Ecler
- Formula Sound
- Urei
- Allen & Heath
- Gemini
- Numark
- Vestax
- Studer
- Altair E-3
- Pioneer
- Rodec
- Stagetec
- LEM