Plaza del Castillo
Plaza del Castillo | |
---|---|
Plaza del Castillo. |
A Plaza del Castillo (en éuscaro: Gazteluko Plaza) é unha praza pública situada no centro da cidade de Pamplona, en Navarra. Dende a súa construción a praza converteuse no centro neurálxico da vida social pamplonesa e nunha das iconas máis recoñecibles da cidade, sendo hoxe en día aínda escenario de importantes acontecementos desta, polo que adoita ser habitual referirse a ela como "o cuarto de estar" de todos os pamploneses.
Urbanismo e arquitectura
[editar | editar a fonte]A Plaza del Castillo sitúase ao sur da Zona Vella de Pamplona entre os antigos burgos medievais de San Nicolás e La Navarrería e serve de nexo de unión entre a zona antiga e a parte nova da cidade coñecida como Segundo Ensanche e edificada segundo plano ortogonal no primeiro terzo do século XX.
Trátase dunha praza aberta, porticada en todos os seus lados, pero sen un estilo uniforme, froito de ter sido configurada pola construción sucesiva de edificios nos seus lados e non como proxecto urbanístico uniforme. Isto fai que os edificios que a conforman foron construídos en distintas épocas e posúen alturas diferentes o que dá á praza un aspecto arquitectonicamente. Entre eles destaca no seu lado sur unha das fachadas do Palacio de Navarra, no seu lado norte o edificio de antigo Casino e no seu lado leste o Pazo Goyeneche, casa grande palaciana barroca.
A praza é peonil e está axardinada en forma de xardíns que dan acubillo a un arboredo composto principalmente por plátanos de sombra. O centro da praza está ocupado por un quiosco de música elevado sobre tambor graduado e cuxa cúpula está sostida por columnas de orde xónica.
Ao sur da praza, no comezo da Avenida de Carlos III encóntrase a estatua dedicada ao rei Carlos III o Nobre.
Historia
[editar | editar a fonte]A praza configurouse urbanisticamente entre os séculos XVI e XVII. A súa denominación actual de Plaza del Castillo é a máis tradicional e alude a que no seu soar existiron antigamente dúas fortificacións deste tipo. Non obstante, ao igual que outros espazos públicos principais doutras cidades españolas, a praza cambiou de nome fugazmente en diversos momentos da historia en relación a distintos avatares da historia política do país recibindo os nomes de Plaza de la Constitución en 1820 e Plaza de la República en 1873 e 1931.
O primeiro castelo edificado sobre o seu soar foi mandado construír polo rei de Francia e Navarra Lois o Hutín, entre 1308 e 1311. Co paso do tempo e a reforma das fortificacións de Pamplona este vello castelo quedou embutido nas liñas defensivas da cidade polo que Fernando o Católico manda levantar en 1513 un nova fortaleza no sector máis ao sur da actual praza, utilizándose para iso as pedras do vello castelo. Finalmente, cara a 1590, ao ser formulado un novo esquema defensivo da cidade apoiado na construción da Cidadela, este castelo de Fernando o Católico perdeu a súa utilidade militar e foi derrubado sendo edificado no seu lugar o convento das carmelitas descalzas que, finalizado cara ao ano 1600, supuxo o peche definitivo da praza como espazo arquitectónico. Dende ese momento foi coso taurino ata 1843.
A finais do século XVIII, a praza foi decorada cunha fermosa fonte de Luis Paret dedicada á Abundancia cuxo principal elemento decorativo era a escultura alegórica dun personaxe feminino que foi coñecida popularmente como La Mariblanca. A fonte foi derrubada en 1910 conservándose unicamente a escultura de La Mariblanca que pouco despois sería instalada nos xardíns da Taconera, situación na que se mantén na actualidade. En 1836, as Carmelitas Descalzas víronse obrigadas a abandonar o convento como consecuencia da Desamortización de Mendizábal. No espazo ocupado polo convento construiríase o Palacio da Deputación Provincial, a sede do antigo Crédito Navarro, así como o Teatro Principal, todos eles en estilo neoclásico. En 1859, levantouse no ángulo nordés da praza o Hotel La Perla, aínda en funcionamento, e o máis antigo de Navarra.
Entre 1880 e 1895, a praza viu a construción dos edificios do Casino Principal e do Café Iruña, ambos os dous de estilo historicista de aire romántico de fin de século que aínda conservan, así como a apertura doutros cafés que converteron a praza no centro da vida social pamplonesa da época. Pola Plaza del Castillo pasaba tamén o trazado do ferrocarril/tranvía eléctrico que co nome de El Irati dende 1911 uniu Pamplona con Sangüesa.[1] Coa construción do Segundo Ensanche a finais do primeiro terzo do século XX, o Teatro Principal foi derrubado abríndose dende o sur da praza a Avenida de Carlos III.
En 1943 foi colocado na súa área central o quiosco de música que actualmente é o símbolo da praza.
Durante 2001 e 2003 levouse a cabo a total remodelación da praza pechándoa ao tráfico rodado e converténdoa en área peonil, ao mesmo tempo que se acometía a construción dunha aparcadoiro subterráneo.
Recentemente rehabilitouse a "belena do Iruña", unha canella longa e estreita sen saída, ata agora residual e utilizada noutros tempos para acceder aos locais que daban a rúas máis importantes.
Na actualidade a praza continúa sendo un polo de atracción da cidade que se ve favorecido pola peonalización da Avenida Carlos III, que nace no seu extremo sur e na que se sitúan importantes comercios e entidades bancarias e administrativas que a converten na zona de maior valor inmobiliario da cidade.
Galería fotográfica
[editar | editar a fonte]-
Novo Casino e Café Iruña
-
Palacio de Goyeneche, palacio barroco da Plaza del Castillo
-
Carlos III o Nobre
-
Quiosco de Pamplona
-
Porta na Plaza del Castillo.
-
Vista do café Iruña, dos máis antigos da cidade.
-
Café Iruña
-
Portais xunto ao Café Iruña
-
Quiosco.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Cien Años del Primer Viaje de El Irati". Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2014. Consultado o 15 de xullo de 2015.