Reino de Afganistán
O Reino de Afganistán (en paxto: د افغانستان واکمنان Dǝ Afġānistān wākmanān; en dari: پادشاهي افغانستان) foi o período monárquico no moderno Afganistán estabelecido por Dost Mohammad Khan en 1826 trala caída de Ayub Shah Durrani en 1823, gobernante do Imperio Durrani (aínda que o nome oficial deste imperio tamén era Reino de Afganistán, o seu territorio era moito máis extenso).[1] A monarquía afgá deixou de existir en 1973, cando o derradeiro rei foi derrocado e quedou a vivir no exilio.
Historia
[editar | editar a fonte]O Gran Xogo
[editar | editar a fonte]A primeira época do Reino, ás veces coñecida como emirato (polo título de emir que ostentou o monarca afgán até 1926) estivo signada polo «Gran Xogo»: a disputa entre os intereses do Imperio ruso e o Imperio Británico. Entre 1839 e 1842 tivo lugar a primeira guerra anglo-afgá, durante a cal os británicos ocuparon Afganistán e trataron de impedir o expansionismo rival dos rusos; porén, non lograron derrocar a Dost Mohammad Khan.
Trala morte deste monarca en 1863, foi sucedido polo seu fillo Shir Ali, quen tres anos máis tarde foi derrocado polo seu irmán máis vello Mohammad Afzal Khan. En 1868 Shir Ali regresou ó poder, pero foi atacado polos rusos; os británicos tamén invadiron e obrigaron a retirarse ós tsaristas. O novo emir, Mohammad Yaqub Khan, tratou de contentar ós rusos orientando un pouco a ese imperio a súa política exterior, pero foi derrocado polos británicos, quen impuxeron a Abdur Rahman Khan e fixeron que este aceptase en 1893 a «Liña Durand», fronteira sur de Afganistán que provocou a división política do pobo paxto e a anexión dun terzo do país á colonia da India Británica. Abdur Rahman tivo que facer fronte a moitas rebelións.
Abdur Rahman foi sucedido polo seu fillo Habibullah Khan, quen asinou un tratado en 1905, logo da segunda guerra anglo-afgá, confirmando que as relacións exteriores de Afganistán eran controladas polo Reino Unido. En 1919 foi asasinado durante un complot do seu irmán Nasrula, quen foi detido por Amanula, o novo emir.
Independencia definitiva
[editar | editar a fonte]Amanula proclamou a independencia e obrigou a que o Reino Unido a recoñecese co Tratado de Rawalpindi logo da terceira guerra anglo-afgá. Amanula aliouse internacionalmente coa recentemente fundada Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas e levou a cabo numerosas reformas sociais, políticas e económicas.[2] En 1926 cambiou o título do monarca de Amir a Padshah. Tivo que facer fronte a varias rebelións fomentadas polos británicos.[3]
En 1929 o caudillo rebelde Habibula Kalakani derrocouno e foi proclamado Amir, pero foi tamén derrocado por Mohammad Nadir Shah, quen reinou até 1933, cando foi asasinado e sucedido polo seu fillo Mohammed Zahir Shah.
Zahir Shah estabeleceu o primeiro parlamento afgán en 1965, época de liberación social e fermentación política. Foi derrocado polo príncipe Mohammed Daud Khan, quen proclamou a república en 1973.