Rubia galega
Rubia galega | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Rubia galega | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
|
A rubia galega é unha raza de vacún autóctona de Galicia.[1] É a máis característica de Galicia e ten o pelo de cor rubia con variacións de ton. Emprégase para a produción de carne e noutros tempos como animal de traballo. Abunda especialmente na provincia de Lugo, onde se concentra o 75% do censo[2], e na provincia da Coruña, estando tamén presente noutras comunidades e noutros países de Europa e de Suramérica.
Orixe e historia da raza
[editar | editar a fonte]Antecedentes históricos
[editar | editar a fonte]Segundo a lenda[3], a raza rubia galega comezaría na protohistoria, cando unha tribo celta indoeuropea ocupou gran parte da Europa Central. Segue dicindo que un grupo da raza de Gael, procedente da zona celta francesa, foi desprazado e ocupou o norte de España ata chegar a Galicia. Nesta longa viaxe levaría consigo o seu gando, incluíndo o gando vacún que xa fora domesticado séculos antes. Este gando influiría sobre os bovinos autóctonos existentes —descendentes do Bos primigenius e hoxe desaparecidos—, para terminar conformando unha raza que deu ó pobo galego grandes utilidades zootécnicas.
Outros autores, como Luciano Sánchez, comparten a tese de que procedería dun primigenius exipcio que se dispersou polo norte de África, chegando á Península Ibérica e de aí a Francia e Inglaterra. Outros (García Fierro e Aparicio Sánchez) supoñen unha orixe común á rubia galega e á pirenaica, e mesmo a outras razas francesas.
En calquera caso, a raza foi estendéndose por toda Galicia e os antigos gandeiros galegos souberon seleccionar as súas mellores cualidades co paso dos séculos, construíndo unha vaca que, sen destacar nunca en ningunha das tres aptitudes clásicas (carne, leite e traballo) si reunía as suficientes capacidades nas tres para converterse nun animal que satisfacía perfectamente as necesidades do gandeiro: suficiente cantidade de leite, e rica en graxa, suficiente cantidade de carne de calidade, e notable capacidade de traballo para tirar do carro e do arado. Mariño Ferro [4] resumíao así:
A rubia galega obtida responde ós intereses que prevalecen no agro galego ata os anos setenta: ara, tira do carro, produce esterco, dá leite e cría xatos para a venda.
E, segundo o MAGRAMA:
A raza Rubia Galega é tan identificativa de Galicia como a paisaxe, os costumes ou o idioma. Perfectamente adaptada e vinculada coa xeografía e a orografía galega forma parte da súa paisaxe, estando representada na cultura galega tanto pictórica como literaria, así como na cerámica típica galega como é a de Sargadelos.Ministerio de Alimentación, Agricultura e Medio Ambiente[5]
Pero ó final foi a aptitude cárnica a que prevaleceu. Esta selección, empiricamente dirixida, foi mellorando a conformación cárnica da raza ata se converter nunha especie de despensa cárnica do resto de España e, a partir de finais do século XIX, de Portugal e Inglaterra.
Ata finais do século XIX non se estableceu un estándar racial que fixase a morfoloxía da vaca rubia e, polo tanto, non se consideraba realmente como unha raza definida. O gando presentaba morfoloxías, capas e aptitudes moi diversas, que os técnicos da época dividían en dúas variedades xeográficas (non razas diferentes): unha que se criaba nas provincias costeiras, e que tomaba o nome de valesa ou mariñán, e outra propia de zonas altas, na Galicia interior, chamada raza da montaña. Falábase tamén dunha raza teixa ou vermella, de cor rubia, e outra marela, de cor máis clara, ata abrancazada (que recibía o nome de varela).
Segundo as descricións que existen, era un gando rústico, cativo e fraco, moi probablemente porque nunca se sometera a selección e porque estaba mal alimentado e sobreexplotado, como animal de traballo para tirar do carro e do arado. Cómpre salientar tamén que nesas datas —durante toda a segunda metade do XIX— exportábanse a Castela, Inglaterra e Portugal os mellores exemplares, ata un total próximo ós 850.000 animais entre 1840 e 1900 (segundo Carmona Badía), nunha sangría que facía imposible unha mellora da raza.
Pero antes desta masiva exportación a Inglaterra, veremos como Galicia alimentaba as carnicerías madrileñas.
Historia recente
[editar | editar a fonte]En 1896, Suárez Casas publica o primeiro estudo que se coñece con propostas científicas para a mellora do gando vacún galego: Soluciones para el mejoramiento de la raza bovina y riqueza agrícola industrial en la región noroeste de España. Alí propón medidas como a selección dos reprodutores, mellorar a alimentación e mellorar as condicións hixiénicas do manexo e aloxamento do gando, á vez que recomenda cruzamentos mellorantes a curto prazo.
En realidade, estes xa se viñan realizando desde, polo menos, 1888 cos cruzamentos con sementais de razas Simmental e Frisoa na Granxa Agrícola-Experimental da Coruña, fundada nese ano. A partir de 1892 organízanse os primeiros concursos de gando, nos que se conceden premios ós mellores exemplares e se estimula ós gandeiros a introducir melloras nas súas explotacións. No concurso da Coruña de 1905 introdúcese a valoración do gando por puntos, mediante criterios obxectivos, sistema que se aplicará xa sempre no futuro. En 1906 celébrase en Lugo o Primeiro Concurso Regional de Ganado Vacuno del Pais, no que xa só se premian os exemplares da raza marela mentres que ó gando estranxeiro ou mestizo só se lle conceden diplomas. En 1914 créase o primeiro Sindicato Agrícola (en Muras, Lugo), que se marca, entre outros, o obxectivo de loitar por "a mellora da gandería, que as nosas reses alcancen o seu xusto valor, a celebración de concursos de gando, a velar pola hixiene e sanidade pecuaria das reses que aquí explotamos...".
Foi o veterinario Juan Rof Codina, en 1916, quen fixo a primeira descrición formal das características raciais e produtivas [6]. Establecía a diferenza entre as subrazas dos vales e da montaña, en canto ó desenvolvemento, a finura do esqueleto e o tamaño dos cornos (maiores na variedade de montaña). En 1933, a Dirección General de Ganadería publicou o primeiro libro xenealóxico da raza, xa por fin coa consideración de raza propia, e fixou o estándar racial. Aínda que a morfoloxía que describe se centra moito nas aptitudes dun animal de traballo, pois ese era o aspecto máis valorado daquela, as características da raza pretendían recoller as tres aptitudes: "Cualidades leiteiras aceptables, con boa riqueza en materia graxa. Aptitude ó engorde e de bo rendemento no matadoiro. Facultade para o traballo agrícola".[7]
Entre as dúas liñas posibles para mellorar a raza: importación de sementais doutras razas presuntamente mellorantes da aptitude cárnica fronte á selección dos mellores exemplares e o seu aproveitamento como reprodutores, optouse pola primeira, en contra do criterio veterinario de expertos como Rof Codina, Prado ‘’Lameiro’’ ou Félix Gordón Ordás, que defendían a necesidade de comezar cun labor de selección e mellora gandeira baseado na selección dos mellores exemplares. De feito, os dous primeiros xa destacaran polas súas publicacións recomendando ós gandeiros esta liña de mellora, para o que impulsaron as feiras de gando (como a xa mencionada de Lugo de 1906) como tribuna para expoñer, valorar e premiar sementais e vacas rubias de alta calidade.
Comezaron así as importacións de sementais de razas cárnicas, como as inglesas Aberdeen, Hereford e Durham, ou as suízas pardo alpina e, sobre todo, a Simmental, raza que reunía as tres aptitudes, como a rubia. A mellora inmediata das crías obtidas foi evidente, pero iso levou á substitución das vacas rubias do país polas mestizas obtidas destes cruces, o que só podía levar á dexeneración e desaparición da raza galega a corto ou medio prazo. Afortunadamente, a partir de 1944 suspendéronse estes cruzamentos e comezou un labor de selección do gando rubio polas súas cualidades cárnica e láctea.
Tamén esta nova liña de actuación deu bos resultados, como o evidencia o feito de que no Concurso Nacional de Gando celebrado en Madrid en 1913, os machos expostos (exemplares adultos de 44 meses de idade) só alcanzaban un peso vivo de 603 kg, un grandor de 134 cm á cruz e 193 cm de perímetro torácico, mentres que no XIV Concurso Provincial de Gando, celebrado en Lugo en 1958, estes mesmos parámetros xa eran de 1.000 kg, 150 cm e 229 cm, respectivamente [8]. O Libro Xenealóxico esixe medidas menos esixentes (850 kg, 145 cm e 222 cm, respectivamente).
Outro dato que reflicte esta evolución é a produción láctea, que Rof Codina estimaba en 1929 nuns 1.000 litros anuais [9] e hoxe supera os 2.200 litros.
Falábase neste momento do que se deu en chamar rubia galega mellorada, e que describira Carballal Palmeiro en 1947, fixando as modificacións morfolóxicas que xa se conseguiran nese momento (probablemente por influencia dos cruzamentos coa Simmental, que deran lugar á aparición de animais máis corpulentos) e insistindo nas liñas nas que se debería seguir seleccionando. Marcou simultaneamente novos obxectivos a fixar, como, por exemplo, uns pesos medios de 600 kg nos machos, fronte ós 400–460 kg dos exemplares non mellorados. Outra das propostas que fixo foi a de considerar como caracteres a ir eliminando as capas máis claras (varela).
A vaca rubia como raza cárnica
[editar | editar a fonte]Como xa se dixo, a vaca rubia era un animal de tripla aptitude: carne, leite e traballo, pero era evidente que non tiña futuro ningún como vaca leiteira xa que outras razas producían moito máis leite que ela. Isto explica a difusión da raza Frisoa en Galicia e en todo o mundo occidental. E a capacidade de traballo pasou a ser irrelevante cando a mediados do século XX a tracción mecánica veu substituír a tracción animal nos traballos agrícolas. No momento en que o camión e o tractor se popularizaron, a forza de traballo do gando no xugo perdeu todo o seu valor. Só lle quedaba á vaca rubia a súa capacidade de produción de carne.
-
Rubia á venda no mercado de gando de Salgueiriños (Santiago de Compostela).
-
Vista interna dunha media canal de tenreira.
-
Filetes de Corte Redondo (peza da coxa do animal).
-
Un chuletón de boi, dun quilo.
Xa durante a Reconquista, Galicia foi a fonte de carne e bois de traballo para cubrir as necesidades da Castela interior. Filipe II ordenou en 1596 que Galicia achegase 5.000 quintais de chacina para abastecer a Armada Invencible, pero só se chegou a cargar a metade, no porto da Coruña. Para completar eses 2.500 quintais de chacina houbo que sacrificar 1.100 bois.[10]
Segundo recolleu Pérez Costanti nas súas Notas viejas Galicianas [11], tamén quixo Filipe II que o gando vacún galego servise para repoboar o reino de Granada, para o cal requiriu á entón provincia de Santiago que procedese a reunir o gando necesario e organizar a expedición a Granada, pero engade que este transporte nunca se levou a cabo porque o Concello alegou que era absolutamente inviable levar este gando andando ata Granada pola súa lentitude na marcha, polas súas necesidades de pasto verde (que non existía no traxecto desde Galicia a Granada) e porque ese gando era necesario en Galicia para a labranza e o carreto.
Na Descripción del Reino de Galicia, escrita en 1647 e descuberta e editada por Xosé Filgueira Valverde en 1948,[12] apúntase que:
Ganado bacuno nadie ignora que de Galicia se prebehen las más carnicerías de Castilla, sacándose cada año, según dicen, 60 mil cabezas de La Limia
Igualmente, hai constancia de que en 1853 xa se subministraba carne a Madrid e, segundo Carmona, dous séculos antes, tamén (e engade que o gando ía polo seu pé ata Madrid, en rabaños de 5.000-10.000 cabezas). Xa Martín Sarmiento deixou escrito no século XVIII que cumpría criar máis gando en Galicia con este fin:
Detívenme no gando vacún porque é o que serve de fundamento para o comercio que hai en Galicia, dentro do Reino, con Castela e coas naves que aportan ás súas costas pedindo carnes frescas, salgadas ou en chacina, e que pagan máis que medianamente. Por esta razón, débese multiplicar o gando vacún que sempre terá saída ou por mar ou por terraObra de 660 pliegos
A exportación de gando vacún a Inglaterra comezou en 1842 e foi crecendo ano tras ano ata interromperse definitivamente en 1897. Carmona Badía, que estudou con detalle este comercio [13] achega cifras significativas: 519.162 reses a Inglaterra entre 1842 e 1897, máis 332.127 a Portugal entre 1862 e 1887 (boa parte destas últimas acabaron sendo reexportadas a Inglaterra). Durante os anos posteriores a 1868 alcanzou cifras medias de 36.000 reses anuais, bois feitos e cebados de 3 a 6 anos.
O gando exportado procedía maioritariamente das zonas próximas ós portos de embarque, que eran A Coruña e Vigo, e moito menos, Carril e Marín. As empresas que o recollían eran galegas ou mixtas con Portugal pero eran os ingleses os que controlaban o resto do proceso de comercialización (compra das reses nos portos, transporte, venda en Inglaterra, seguros etc.) quedándose, por conseguinte, coa maior parte dos beneficios.[14]
Non só influíron nesta evolución ascendente as posibles cualidades da carne dos bois rubios. Tamén o feito de que unha epidemia de peste bovina afectase toda Europa central a partir de 1865 e cortase o aprovisionamento a Inglaterra, terminando por afectar tamén o gando inglés.
Pero todo acabou en 1897, cando unha suposta epidemia en Galicia fixo que os ingleses cortasen as importacións. En realidade, segundo Carmona Badía, a verdadeira razón foi comercial, pola entrada no mercado da carne inglesa dos produtores norteamericanos, capaces de subministrar a mellores prezos tanto gando vivo como, sobre todo, carne conxelada. El Eco de Galicia, unha revista arxentina da emigración galega en Suramérica, queixábase en 1893 de que en Galicia non se aprendese nada desta experiencia, e que se seguise transportando o gando vivo en tren desde Galicia a Barcelona ou a Madrid, coas conseguintes perdas de peso e mortalidade ocasional, en vez de implantar o transporte de canais en vagóns frigoríficos. A revista cubana Follas Novas denunciaba o mesmo en 1900, puntualizando que no transporte a Barcelona se producía ata un 50% de mortalidade. Rof Codina, en 1914, volvía incidir en que este sistema de transporte representaba unhas perdas que calculaba nunhas medias de 50 kg de peso vivo en animais adultos e de 15 kg en animais novos, aínda que recollera casos de perdas moi superiores. Non foi ata despois de 1928, coa construción do primeiro matadoiro frigorífico en Galicia, no Porriño, cando se puido comezar co transporte de canais refrixeradas e conxeladas.
Todo isto non quere dicir que aí se acabase a exportación de gando desde Galicia, nin moito menos. Crespo Rivas (quen en 1915 fora promotor dun Sindicato Agrícola Católico) escribe que "o gando galego foi comido nas trincheras dos aliados ou, cando menos, en Francia" e que "saíron de Galicia con tal fin [abastecer os mercados de Barcelona, Zaragoza, Madrid etc.], nos seis anos que van de 1907 a 1912, 130.390 vacas e bois, 460.448 tenreiros e tenreiras, como así resulta da estatística que publica o Ministerio de Fomento en 1918" .[15]
A rubia galega na actualidade
[editar | editar a fonte]O Libro Xenealóxico de 1933 foi substituído por un texto novo en 1969[16] que, á súa vez, foi modificado en 1976.[17] A Dirección Xeral de Gandería establecía —actualizándoo— o estándar racial da rubia galega resultante dos procesos de selección e mellora realizados ata entón.
En 2012 publicouse a normativa vixente hoxe: Resolución de 30 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios, pola que se publica a de 29 de marzo de 2012, pola que se aproba a Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da raza bovina rubia galega (BOE nº 91, de 16 de abril de 2012 [4] Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.).
Está catalogada como Raza Autóctona de Fomento, que significa que polo censo e organización se considera en expansión, de acordo cos criterios establecidos a nivel nacional ou internacional.
O censo da raza a 31 de decembro de 2013 era de 65.469 animais —50.252 femias e 15.217 machos— en 2.282 explotacións,[18] pero debe terse en conta que esta cifra só indica os animais inscritos no Libro Xenealóxico, requisito que exclúe numerosos exemplares, como tal os destinados a cebo ou que non respondan satisfactoriamente ó estándar racial (descalifícanse aqueles exemplares que non alcancen unha cualificación mínima de 65 puntos nas femias ou 70 puntos nos machos, nunha escala ata o 100) ou que, pola razón que sexa, non se inscribiron, porque non o solicitou o propietario ou porque non puido por calquera circunstancia.[19]
En 2010, o censo da raza era de 58.790 exemplares —49.189 femias e 9.601 machos— en 2.749 explotacións; e en 2007, de 54.500 animais e 2.320 explotacións. Nótese como aumenta o número de exemplares á vez que se reduce o número de explotacións, claro indicador da progresiva desaparición dos pequenos gandeiros.[20]
A área de distribución da raza esténdese por toda Galicia, preferentemente sobre unha zona de montaña media e vales fértiles do interior, comprendida entre os 300 e 600 metros de altitude, que é a máis interesante desde o punto de vista agropecuario. Aínda así, a rusticidade da raza fai que se adapte sen dificultade ningunha a calquera territorio, e é quen de aproveitar medios difíciles e terreos marxinais. O sistema de manexo deste gando é en cría semiintensiva, cunha alimentación baseada principalmente no pastoreo e cun suplemento de herba seca e concentrado no inverno.
Fóra de Galicia, está presente (segundo datos de 2022) en Castela e León con 547 exemplares en 14 explotacións; Madrid, con 292 exemplares en 5 explotacións; Estremadura con 93 exemplares en 3 explotacións; Andalucía con 45 exemplares en 2 explotacións; Aragón, con 41 exemplares nunha explotación e Castela-A Mancha con 7 exemplares e 1 explotación.[21]
Noutros países tamén se crían exemplares de gando rubio ou se utilizan os sementais desta raza como mellorantes para razas de aptitude cárnica. Así, ACRUGA exporta seme dos seus reprodutores a Portugal, Francia, Alemaña, Polonia e Lituania, así como a Chile, Arxentina, Venezuela, México, Panamá ou Nicaragua.[22]
Pero o país máis representativo da expansión internacional da rubia galega é, con diferenza, o Brasil.[23] Juan José Becerra, responsable da selección de sementais de ACRUGA declara que as primeiras probas se fixeron en 1999, inseminando 200 vacas de raza Nelore (vaca brasileira derivada de cebús (Bos indicus) introducidos no Brasil no século XVIII e que hoxe representa o 90% do gando neste país). Sacrificáronse en 2001 cuns resultados moi favorables,[24] tanto que no 2002 xa se inseminaban en torno ás 7.000 vacas. En 2008 vendéronse 42.000 doses de seme e en outubro de 2009 xa se levaban vendidas 60.000 doses.[25] En 2009 comezou a comercializarse a carne obtida destes cruzamentos baixo a denominación de Vitela Gallega (sacrificada con 7-8 meses) e de Carne de Rubia Gallega de Brasil (sacrificada con 12-13 meses).
Para dar idea da presenza da rubia galega noutros países téñase en conta o feito de que en 2013 o número de doses de seme vendidas por ACRUGA no estranxeiro ascendeu a 153.609 (2.400 a Portugal, 4.970 a Italia, 8.000 a Polonia e 138.239 ao Brasil). No mesmo período de tempo vendéronse máis de 126.000 doses de seme en España.[26]
Evolución da poboación
[editar | editar a fonte]Ano | Femias | Machos | Total | Ganderías |
---|---|---|---|---|
2009 | 43 387 | 7 015 | 50 402 | 2 733 |
2010 | 49 529 | 9 685 | 59 214 | 2 771 |
2011 | 53 480 | 12 083 | 65 563 | 2 780 |
2012 | 50 589 | 13 545 | 64 134 | 2 370 |
2013 | 50 788 | 15 374 | 66 162 | 2 307 |
2014 | 34 979 | 3 818 | 38 797 | 2 155 |
2015 | 35 988 | 3 983 | 39 971 | 1 919 |
2016 | 34 634 | 3 216 | 37 850 | 1 876 |
2017 | 33 659 | 2 597 | 36 256 | 1 801 |
2018 | 34 962 | 3 748 | 38 710 | 1 749 |
2019 | 32 509 | 2 967 | 35 476 | 1 735 |
2020 | 29 978 | 3 288 | 33 266 | 1 462 |
2021 | 28 976 | 3 424 | 32 400 | 1 326 |
2022 | 28 800 | 3 615 | 32 415 | 1 336 |
Evolución da poboación
[editar | editar a fonte]Gráfica de evolución demográfica da vaca rubia galega entre 2009 e 2022 |
Datos segundo a aplicación ARCA do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.[21] |
Estándar racial
[editar | editar a fonte]A rubia galega é un animal de perfil recto ou lixeiramente subconvexo. A cabeza é máis longa nas femias que nos machos. As orellas relativamente grandes, con pelos no interior do pavillón, da mesma cor cá capa. Mechón de pelo, tamén da mesma cor cá capa, na protuberancia frontooccipital. O pescozo é forte, curto e musculado nos machos, co bordo superior convexo, e fino e delgado nas femias, co bordo recto; a barbela, reducida.
Ese pescozo avultado característico dos machos [27], tamén chamado xugueira porque é onde apoia o xugo, era un carácter moi valorado hai tempo, cando o boi rubio turraba do carro. Ter unha boa xugueira indicaba que o boi xa estaba afeito a ser xunguido e traballar co arado e co carro, traballo que lle formara calo nesa zona.
"E foi póndose en pé, alzado ás catro patas, coa xugueira marcada polo vulto extremo que lle dera sona de caste. Seica os bois rubios gardan aquí a memoria, a caixa negra, por eso aqueles que a teñen case en tallo coas agullas non deben coñecer nunca o labor do xugo nin a inútil castración."Vázquez Pintor, Xosé: A memoria do boi. Xerais, Vigo 2001, 11.
Os cornos son de nacemento posterior e a dirección habitual é cara a adiante e arriba, coas puntas inclinadas cara a atrás. Luciano Sánchez detecta que esta conformación é a común nas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, mentres que na de Lugo son frecuentes as encornaduras en gancho curto ou en roda, quizais por influencia dos cruzamentos con Simmental ou South Devon. Debe tenderse como preferible á diminución do seu tamaño, especialmente nos machos nos que, en calquera caso, xa son máis curtos e grosos [28].
O tronco presenta unha liña dorsolumbar horizontal e ancha, especialmente nos machos, considerándose caracteres desfavorables unha cruz destacada ou a elevación do nacemento do rabo. A cruz debe ser redondeada e cuberta cara aos lados, e a grupa ampla, musculada e horizontal; considérase desfavorable unha diferenza superior a 1 cm entre a altura á cruz e a altura á entrada da grupa, nos machos, e de 2 cm nas femias. Peito amplo e musculado. Ventre profundo e ancho.
As coxas, moi musculadas e convexas, pero sen depresións nin irregularidades apreciables ó exterior. As patas, robustas, con pezuños redondeados, pechados e de tamaño proporcionado.
O ubre será redondeado, globoso, ben implantado cara a adiante e cara ao perineo. Os tetos, proporcionados e simétricos. As veas mamarias ben destacadas sobre a pel. Os testículos, proporcionados, de cor rosáceo e sen pigmentacións. O rabo, longo e coa xema terminal con pelos longos e abundantes; considérase carácter a eliminar o rabo en caxato, de nacemento alto.
A altura á cruz, nos machos, está arredor dos 145 cm; nas femias, nos 135 cm. O peso medio alcanza os 1.000 kg nos machos e os 700 kg nas femias (eran de 850 kg e 550 kg, respectivamente, no Libro Xenealóxico de 1933). Pero falamos de pesos medios, amplamente superados por algúns exemplares expostos nas últimas feiras de gando: a modo de exemplo, na Feira do Gando de Silleda de 2004 expuxéronse sementais de 1.527, 1.603 e 1.680 kg de peso [29].
A cor característica da raza é a rubia ou teixa, admitíndose oscilacións que van dende cores máis claras: capa marela,[30] a máis escuras: capa vermella. En calquera caso, a capa será uniforme, rexeitándose manchas de cor distinta á da capa en calquera parte do corpo, o que non afecta as habituais degradacións centrífugas da cor na bragada, cara interna e posterior das coxas, axilas, partes distais das extremidades, xema do rabo, morro e ó redor do ollo. As mucosas (morro, vulva e escroto), serán de cor rosada, e os pezuños e cornos de cor clara, variando desde o branco rosado ó castaño, nunca negra, aínda que ás veces os cornos presentan un escurecemento cara ás puntas. O pelo será espeso, brillante, fino e liso.
Considéranse caracteres eliminatorios todas aquelas taras hereditarias ou malformacións físicas evidentes, e especialmente se afectan á capacidade reprodutora. Particularmente, serán defectos eliminatorios o prognatismo superior ou inferior, a coloración negra ou pizarrosa na lingua, nas mucosas ou nos pezuños, manchas brancas en calquera parte do corpo, coloración da pel distinta á norma ou presenza de pelos doutra cor que o da capa en calquera lugar do corpo [31].
Rubias e marelas
[editar | editar a fonte]É máis común a capa marela cá rubia, polo que cabe a posibilidade de que o nome oficial da raza estea pensado en castelán, lingua na que a cor rubia se corresponde máis coa que en galego sería o marelo (mentres que o rubio galego equivalería ó castelán rojo). De aí que a denominación común da raza, en enquisas realizadas polo Instituto da Lingua Galega cara 1960 entre os falantes de 241 puntos de toda Galicia sexa marela e do país, seguida a distancia por rubia. A forma rubia gallega —con ll— e variantes [32] recóllese minoritariamente e a forma rubia galega e variantes [33] non se recolleu en ningunha enquisa.
Canto á presenza da cor da capa na literatura popular, tamén salienta, con diferenza, a designación marelo, —a sobre calquera outra. Ferro e Benavente recolleron 16 refráns nos que se facía mención expresa á cor da capa, aparecendo vacas ou bois marelos en 13 casos [34], fronte un boi teixo, outro loiro e unha vaca vermella.
Son máis numerosas as cantigas recollidas, pero mantense a primacía de vacas ou bois marelos, con 40 aparicións, fronte a 5 roxos, 2 vermellos, 1 louro, 1 teixo e unha vaca rubia. Tamén acontece así nas 20 adiviñas que recolleron: 13 vacas ou bois marelos —ou amarelos— fronte a 4 rubios, 2 vermellos e 1 roxo.
Tampouco o etnógrafo Xaquín Lorenzo utilizou o termo rubia para designar a raza. Cando describe o gando vacún na súa "Etnografía" comprendida na Historia de Galiza que dirixira Otero Pedrayo, só a denomina como raza galega.
"A máis abondante na nosa Terra é a 'raza galega', anque non a única.
O gando de 'raza galega' é dun grandor meio, coa cabeza ben proporcioada....
A 'raza galega' presenta eiquí dúas variantes, a de montana, de talla curta, e a do val, de tamaño meirande; as dúas conviven en moitos sitios e mistúranse antre siXaquín Lorenzo: "Etnografía", en Historia de Galiza, 298-300
Características produtivas
[editar | editar a fonte]Segundo datos de ACRUGA e o MARM:[35]
- Lonxevidade de ata 21 anos, aínda que se estima unha vida produtiva media de 10,7 anos.
- Intervalo entre partos de só 409 días (segundo o MAGRAMA, 473 días), e idade ó primeiro parto de 26 meses.
- Produción de leite media de 2.239 kg anuais (en 296 días), medida na terceira lactación, cunha composición media do 4,4% de graxa. A produción media diaria é, xa que logo, de 7,5 quilos diarios, unha cifra que resulta elevada para unha vaca de aptitude cárnica.
- Índice de fertilidade en torno ó 67 %, e índice de prolificidade de 5 becerros por nai (superior ó doutras razas de aptitude cárnica).
- Facilidade de parto: o 85% das vacas paren soas e o 98% dos partos poden cualificarse de fáciles [36].
- Alta capacidade de crecemento dos becerros, con ganancias medias diarias de 1,2 kg durante a lactación (ata os 210 días), que permite destetalos ós 7-8 meses de idade con pesos de 300–400 kg, e 533 kg ós 12 meses. Unha vez producida a desteta, as ganancias diarias seguen sendo moi produtivas, con valores medios de 1.885 g nos machos e 1.375 g nas femias.
- Índices de conversión menores a 5.
- Rendemento á canal do 62,07%, cunha alta porcentaxe, do 55%, de pezas de carne das categorías extra e primeira, e unha composición moi favorable en carne comercial (do 78,21% do total da canal, fronte un 19,06% de ósos e graxa).
Como quedou dito, é unha raza de aptitude cárnica (e dunha carne de calidade), pero tamén se utiliza como mellorante, cruzando os machos desta raza con femias de razas de aptitude láctea ou mixta. É a raza de aptitude cárnica máis utilizada en España nos cruzamentos industriais por inseminación artificial.
Evidentemente, xa non se explota na aptitude láctea nin moito menos na de traballo, pero aínda así non é a produción cárnica a súa única utilidade. Ó ser unha raza criada basicamente en réxime de pastoreo, adáptase ó minifundio galego e contribúe a valorizar este réxime de propiedade. A súa rusticidade facilítalle o aproveitamento de forraxes diversas, contribuíndo así a manter un equilibrio medioambiental; en xeral, está comprobado que o pastoreo das razas autóctonas ten un claro efecto positivo na prevención dos incendios forestais. Finalmente, a cría de vacas rubias, como acontece tamén coa doutras razas autóctonas, dá lugar á produción de esterco e estrume, de indubidable valor no mantemento do solo e imprescindible para unha agricultura sostible [37].
ACRUGA
[editar | editar a fonte]A Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA) fundouse en 1968 e ten sede en Lugo. Desde 1975 colabora co Ministerio de Agricultura para a xestión do Libro Xenealóxico e o programa de mellora da raza en todo o Estado.
ACRUGA realiza diferentes probas nos exemplares que aspiran a ser inscritos no Rexistro do Libro Xenealóxico coa finalidade de valorar as súas características. Estas probas fanse tanto sobre os futuros reprodutores (vacas ou sementais) como sobre as súas crías, e comezan xa na granxa de orixe para rematar no matadoiro ou no centro de testaxe que a Asociación posúe en Adai (O Corgo). Os sementais, unha vez comprobados e cualificados como Excelentes, pasan a ser considerados Bois probados e trasladados ó Centro de Selección e Reprodución Animal de Galicia Xenética Fontao, en Esperante (Lugo), onde pasan o resto da súa vida reprodutora.
As probas que se realizan para a valoración dos reprodutores aplícanse ós candidatos e ás crías que producen (probas de descendencia). Entre elas citaremos as seguintes:
- Facilidade de partos.
- Idade ó primeiro parto e intervalo entre partos.
- Peso ó nacemento e peso á desteta (ós 210 días).
- Ganancia de peso media diaria tras a desteta (entre os 8 e os 14 meses).
- Índice de conversión (relación entre os quilogramos de penso consumido e os quilogramos de incremento de peso).
- Medidas zoométricas (ós 14 meses de idade).
- Valoración zoomorfolóxica (ós 14 meses de idade).
- Peso ó sacrificio e peso da canal.
- Rendemento da canal, conformación e grao de engraxamento.
ACRUGA tamén posúe un Centro de Recría de xovencas na granxa Gaioso, en Castro de Rei (Lugo), creado en 2007. Nestas instalacións mantéñense femias desde os 8 meses de idade ata que se inseminan, ós 15-18 meses de idade, e unha vez confirmada a xestación, póñense á venda entre os asociados ou novos socios, ou en poxa pública. As mellores femias resérvanse no Centro para constituír un rabaño de elite para actividades de exposición en diferentes eventos gandeiros, así como para a realización de estudos xenéticos.
Por outra banda, ACRUGA realiza actividades dirixidas ós gandeiros asociados entre as que destaca a formación en temas zootécnicos (manexo, sanidade, benestar animal, boas prácticas agrogandeiras etc). Igualmente, organiza ou participa en certames de gando selecto e vende xovencas preñadas ou sementais probados, así como doses de seme.
Normativa aplicable
[editar | editar a fonte]- Resolución de 10 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Recursos Agrícolas e Gandeiros, pola que se aproba o programa de difusión da Mellora da raza bovina Rubia Galega, presentado pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto da Raza Rubia Galega (ACRUGA).
- Resolución de 23 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Recursos Agrícolas e Gandeiros, pola que se publica a de 22 de novembro de 2011, pola que se aproba o programa de mellora da raza bovina Rubia Galega (BOE nº 293, de 6.12.2011) [5].
- Resolución de 29 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios, pola que se aproba a Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da raza bovina Rubia Galega, de conformidade co disposto no Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembro [6].
- Resolución de 30 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios, pola que se publica a de 29 de marzo de 2012, pola que se aproba a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da raza bovina Rubia Galega (BOE nº 91, de 16.04.2012) [7].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da vaca rubia.
A vaca marela na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]O refraneiro referido á vaca, ó boi ou ós becerros, o mesmo que acontece coas cantigas e adiviñas sobre o mesmo tema, non adoitan reflictir a raza do animal do que falan nin a cor da súa capa. Dentro da economía léxica da literatura popular non tería sentido entrar neses detalles cando o aspecto que se quere tratar non está influenciado por aqueles. Por iso temos que supoñer que, salvo que se exprese o contrario, calquera refrán referido ó gando vacún sería perfectamente aplicable ós exemplares da raza rubia galega.
Non obstante, é certo que un pequeno número destas paremias fan mención expresa á raza ou á cor (que interpretamos como indicativo da raza). Así, temos os seguintes refráns.
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- A vaca marela non hai quen poida con ela.
- Boi marelo escuro, ara polo mol, ara polo duro.
- Boi marelo lourado, primeiro morto que ampeado.[38]
- Boi marelo, pouco andar e moito penso.[39]
- Herba pallarega non a quer a marela.[40]
- Mal lle vai á corte onde o boi teixo non tuse.[41].
- Marela que anda maronda, abéirase cas outras.[42]
- Marela que anda maronda, móntase nas outras.
- Mariquiña do terbelledoiro, o teu pai ten un boi loiro.[43]
- Miña marela gallarda, ara, carreta e non cansa.[44]
- Nin bo Pedro nin boi marelo, nin boa herba por riba do rego, nin boa mula que faga 'gin' nin boa muller que fale latín.[45]
- Nin bo porco, nin bo marelo, nin boa herba por riba do rego, nin boa mula que faga xin nin boa muller que fale latín.[46]
- Nin bo Xan, nin bo Pedro, nin boi marelo enriba do rego.
- Nin bo Xan, nin bo Pedro, nin boi marelo por riba do rego.[47]
- Non hai mal que por mal non veña, morreume a sogra e pareume a vermella.[48]
- O boi marelo, lapón ou zoupeiro.
- O boi marelo, zoupo ou larpeiro.
- O que non munxe marela, non fai queixo nin manteiga.
- Presa de palleira non lle peta á marela.[49]
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]No seguinte grupo achéganse as cantigas recollidas, mesturadas con outras fórmulas semellantes como ensalmos, coplas ou panxoliñas.
- A miña vaca marela/ vai na eira do Cotónhe/ se ma vedes por aló/ carghareisma sablón.
- A novia ten bo mantelo/ que llo fixo o señor novio/ cos collóns dun boi vermello.
- Agora que estou baleira/ queres vir á miña herba;/ vai buscar a comedeira,/ ponte ó lado da Marela.
- Bátete, leite/ de vaca marela;/ pace no monte/ e bebe na serra.[50]
- Bon é ter moitos amigos/ e que por de ben a un teñan,/ pro, cando chega un aperto,/ val máis sempre unha marela.[51]
- Cando poño os bois ao carro/ sempre digo ¡Dios mediante!/ e o carro sobe a costa/ ¡ei marelo para adiante!
- De Pesadoira a Cornado,/ rapazas de Pesadoira,/ ponte marela ó carro.[52]
- Dios che mande o sol/ que che hei dar o boi millor/ e a vaca marela/ e a filla con ela/ e o porco ruzo/ que anda no puzo/ e o porco blanco/ que anda no campo/ e a galiña curupeluda/ que pon os ovos prá seitura.[53].
- Faite, natiña,/ de vaca marela;/ faite, natiña,/ se te has de facer;/ faite, natiña,/ faite, natiña,/ que os frades de Meira/ non te han de comer.[54]
- Fun alá enriba/ onda o boi vermello,/ o demo da cabra/ fuxeu do cortello.
- Heiche de dar o boi blanco/ e maila vaca marela/ e maila filla máis nova/ se te non quer a máis vella.
- Heiche de dar o boi louro/ e maila vaca marela/ a maila filla máis nova/ se non queres a máis vella.
- Heiche de dar o boi pardo/ e maila vaca marela/ a maila filla máis nova/ si non queres a máis vella.
- Heiche de dar o boi blanco/ a mais a vaca marela,/ dareiche a filla máis nova/ si non queres a máis vella.
- Heiche de dar o boi blanco/ e mais a vaca marela,/ e mais a filla máis nova/ si queres casar con ela.
- Heiche de dar o boi blanco,/ fillo da vaca marela,/ e maila filla máis nova/ se non queres a máis vella.
- Heiche de dar o boi branco/ e mais a vaca marela/ e mais a filla máis nova/ pra que te cases con ela.
- Heiche de dar un boi branco/ fillo da vaca marela;/ heiche de da-la máis nova/ pra que te cases con ela.
- Heiche de dar un boi roxo,/ e mais a vaca marela,/ e mais a nena máis nova,/ si non queres a máis vella.
- Iheiche de dar o boi blanco/ a maila vaca marela/ a maila filla máis nova/ si non queres a máis vella.
- Ios collois do cura vello/ van nun carro cara o inferno/ i a criada vai detrás/ ¡tó, Castaño, vente ó rego!
- Louvado san Breixe,/ vou munxir a marela,/ adepárame bo leite.[55]
- Miña mai e maila túa/ van na feira en Lousadela,/ vender o becerro pardo,/ fillo da vaca marela.
- Miña nai e maila túa/ ámbalas dúas van na feira,/ levan un cuxiño roxo/ fillo da vaca marela.
- Miña nai e maila túa/ ambas van en Paradela/ vender a becerra pinta,/ filla da vaca marela.
- Miña nai e maila túa/ as dúas van á taberna;/ levan a cuxiña branca/ e mais tamén a marela.
- Miña nai e maila túa/ van á feira a Paradela/ vender o becerro branco/ fillo da vaca marela.
- Miña nai e maila túa/ van na feira da Portela/ vender o becerro teixo/ ai, fillo da vaca marela.
- Miña nai e maila túa/ van na feira en Paradela,/ van vender a xata roxa,/ filla da vaca marela.
- Miña nai e maila túa/ van xuntas a Paradela/ vender o becerro blanco/ fillo da vaca marela.
- Miña nai e mais a túa/ ambas iban á taberna,/ levan a xatiña branca/ e mais tamén a marela.
- Miña soghra e maila túa/ van na feira da Bandeira/ vender o becerro blanco/ fillo da vaca marela.
- Miña soghra e maila túa/ van na feira da Portela/ vender o becerro neghro/ fillo da vaca marela.
- Nena que levas o gando,/ lévame a miña marela;/ queda na corte berrando/ por unha pouquiña de herba.
- Nenas que ides co ganado/ levai a miña marela/ queda na corte berrando/ por unha gavela de herba.
- Nenas que ides co ganado/ levaime a miña marela/ queda na corte berrando/ por unha gavela de herba.
- Neniña que vas co gando,/ lévame a miña marela,/ que está berrando na corte,/ por unha gavela de herba.
- O Campo de Badernado./ Unha fala, duas falas:/ -“¡Ponte, Marela, no carro!”.
- Para a sumana que vén/ hei de arar a miña roza/ regho abaixo, regho arriba/ ca miña vaquiña roxa.
- Pariu a rubia, pariu a rubia,/ pariu a rubia, ¡vaia por Dios!/ Pariu a rubia, pariu a rubia,/ pariu a rubia, ¡cagou pra vós.
- Rapaza que estás na horta,/ collendo un manto de verzas;/ bótallas ó boi marelo/ e olvida cousas que pensas.
- Rapaza que vas coas vacas/ lévame a miña marela/ que ta berrando na corte/ por unha gavela de herba.
- San Antonio garde o gando/ e mais a vaca marela,/ e mais a filla máis nova/ se non quer gardar a vella.
- Se tes unha cagadela/ chama a túa nai/ que muxa o leite/ da vaca marela.
- Sei arar cun bo arado,/ poñer direita a rabela,/ atrás Roxa, máis un pouco,/ báixate ó regho, Marela.
- Tarabela, tarabela,/ dálle pouco/ á vaca marela.
- Tira ben polo arado,/ miña vaquiña marela,/ para ir ó neno Dios,/ que está pretiño da veigha.
- Tira ben polo arado,/ miña vaquiña marela,/ que imos ver ó Neno Dios/ que está cerquiña da veiga.
- Un veciño do lugar/ ten unha vaca marela/ que mercou na Feira Nova/ por seis pesetas e media.
- Xa me daban o boi pinto/ fillo da vaca marela,/ se me caso cunha filla/ nacida na nosa terra.
Adiviñas
[editar | editar a fonte]- Altos castelos,/ bois amarelos,/ auga formosa,/ e cadela rabiosa.[56]
- Dous xatos marelos/ nunha corte de ferro.[57]
- Entre cancela e cancela/ becerriña amarela.[58]
- Entre cancela e cancela/ becerriña marela.[59]
- Entre cancela e cancela/ hai unha becerriña amarela.[59]
- Entre cancela e cancela/ hai unha xata marela.[58]
- Entre cancela e cancela/ unha becerra amarela.[60]
- Entre cancela e cancela/ unha xatiña amarela.[58]
- Están dous becerriños amarelos/ pastando nun campo de ferro,/ corren que os torce o demo.[57]
- Nunha corte de ferro/ hai dous xatos marelos.[57]
- Nunha corte de vacas rubias/ entra unha moura e bótaas fóra.[61]
- Nunha corte de vacas rubias/ entra unha moura e botounas todas fóra.[61]
- Nunha cortiña de ferro/ hai dous bois marelos.[57]
- ¿Que serán vacas vermellas/ xuntiñas en certa chousa;/ entrou unha negra dentro/ botounas a todas fóra?[61]
- Sete bois brancos/ e sete marelos,/ todos pacendo/ nun prado de ferro.[57]
- Teño un prado cheo de vacas rubias/ e vén unha moura e mátamas todas.[61]
- Unha corte chea de vacas rubias,/ vai unha negra e tórnaas todas.[61]
- Unha corte de vacas marelas,/ cando mexa unha, mexan todas elas.[62]
- Unha corte de vacas vermellas,/ entra un boi mouro e corre a todas elas.[61]
- Unha grea de vacas roxas,/ mexa unha e mexan todas.[62]
Locucións
[editar | editar a fonte]Aínda que poucas, hai algunhas locucións verbais ou substantivas que utilizan o sintagma vaca marela ou paralelos para designar outros conceptos. Así:
- Vaca marela: invertebrado mariño non identificado inequivocamente. Ríos Panisse —que o recolleu no Grove— suxire que talvez sexa a pulga do mar (Ligia oceanica).
- Deitar a marela: unirse con alguén contra outra persoa (O pai deita a marela co fillo en contra da nai).
- Lamber a vaca marela: arreglarse moito, peitearse (e ir co pelo mollado) (¡Lambeute a vaca marela!).
- Lamber a vaca teixa.
- Ter unha marela...: ter moita retranca (Ese tenche unha marela...!).
Outros aspectos etnográficos
[editar | editar a fonte]Un dos problemas habituais do pastoreo do gando vacún é o ataque de certas moscas e tabáns. Nas horas de máximo calor estes dípteros pican as vacas no pasto e as incomodan tan intensamente que estas foxen a zonas de sombra e fano de tal modo que poden producirse accidentes entre elas ou coa xente. Para evitar isto, os pastores adoitan recoller o gando cara a corte nas horas máis calorosas.
Ás veces, os rapaces que andan alindando o gando aproveitan este feito para adiantar a hora de regresar a casa. Para conseguir que as vacas comecen o camiño de regreso e aceleren a marcha imitan o zunido das moscas, e para iso utilizan estes versos:
- Pica, tabán,/ no tempo de vran;/ pica, tabela,/ na vaca marela.
- Vaca marela, pica na vela/ boi mariñán, pica tabán/ que aí vén o verán.
E tamén existe o ensalmo apropiado para evitar que mosquen as vacas. Así, na Terra Chá rezan este responso:
- Á vaca marela/ do corno virado/ pícalle a mosca/ debaixo do rabo.
Outro accidente, que pode ser moi grave, consiste na obstrución esofáxica producida pola inxestión dunha pataca, unha mazá, a cachola dun nabo, ou calquera outro alimento de certo volume. Lence Santar recolleu en Mondoñedo [63] o uso do seguinte ensalmo polos menciñeiros daquelas terras:
- A vaca Marela
- ten unha pataca na gorxa.
- A pataca se volva i-auga
- e de i-auga, baba.
- Polo poder que Dios ten
- i-a Virxe María. Amén.
Despois se persignaban e rezaban once Avemarías.
Existe tamén o que os labregos chamaban Aire de vaca marela. Vicente Risco [64] recolleu o seguinte ensalmo para coutar o tal Aire:
- Aire da vaca marela
- sai das tripas e vai prá tes,
- sai da tes e vaite pró coiro,
- sai do coiro e vaite prós pelos,
- saite dos pelos e vaite prós cornos,
- e saite dos cornos e vaite pró mar
- donde non sintas o galo cantar
- nin galiña cacarexar.
- Con el poder de Dios y de la Virgen María
- un padrenuestro y un Ave María.
O ensalmo segue o procedemento de reclamar que a causa do mal —que Risco non explica— abandone as entrañas do animal (das tripas ó tes, que é o peritoneo) e saia ó coiro e ó punto máis extremo (os cornos). Unha vez fóra, expulsa ó mal alá onde non haxa ningún veciño (onde non se sinta o galo cantar). Outros ensalmos para tallar outros Aires insisten máis nas características de inhabitabilidade a onde expulsa o mal aire: onde non sintas auga correr, nin muíños moer, nin nenos chorar.
A vaca marela na literatura galega
[editar | editar a fonte]A vaca e o boi marelos aparecen con frecuencia na literatura galega, tanto prosa como poesía. A seguir recóllense varios exemplos desta mención:
- Valle Inclán
- Cantiga de vellas [65]
...
O leite da vaca mercan os veciños:
un rapás moi novo que se doi do peito,
a ama de crego para seus touciños
e a moza pra un vello que lle escofa o leito;
pra vender o leite da vaca marela,
elas toman soio augas de malvela.
...
- Eladio Rodríguez
- ¡Meus marelos! [66]
Entramentres,... paseniño... paseniño...
van turrando pol-o carro os bois marelos,
o calmoso e cachazudo
carreteiro,
coa aguillada posta ô lombo,
vai cantando un ailelelo.
...
Vai talmente acugulado. Tanto estrume
leva enriba dos chedeiros,
que lle cobre os estadullos dende
abaixo das dentoiras.
E por eso,
turra, ... turra, ...
van os probes dos marelos,
pè tras pè, tan resinados,
tan tranquilos, tan homildes, tan zoupeiros,
que parecen a pacencia
i-asomellan o silencio
- Ramón Cabanillas
- Meu carriño [67]
¡Carriño forte e xeitoso
meu carriño,
arrolador e mimoso
como o berce d-un meniño!
...
¡Marelo, tira con xeito
e amodiño,
que hai que andar moi ó dereito
c-o eixo do meu carriño!
- Federico García Lorca
- Romaxe de Nosa Señora da Barca [68]
A Virxen era pequena
E a súa coroa de prata.
Marelos os catro bois
Que no seu carro a levaban.
- Manuel María
- A xata [69]
¡Como a casta se conoce!
Filla da vaca Marela.
¡O que come ben mo loce!
¡Non hai becerra como ela!
¡E que pelo está botando!
¡Esta xata non ten venda!
¡Mentres a vou criando
que San Antón ma defenda!
- Eugenio Montes
- Tornan as vacas para a aldea [70]
Tornan as vacas para a aldea;
vacas roxas, vacas mouras,
vacas de coor marela.
Urbano Santana conta o seguinte sucedido, sobre un home que tivo que emigrar ás Américas: Despedinme de meu pai e non chorei; despedinme de miña nai e non chorei; despedinme de miña hirmá e non chorei; despedinme de meu hirmán e non chorei; despedinme de miña novia e non chorei; e despedinme de meus parentes e tampouco chorei; pero cando salía para marchar, foi a vaca marela e meteu a cabeza por unha regandixa do cancelón, e dixo "maaa"... ¡y’entonces sí que chorei!.
- Afonso Eiré
- A vaca galega [72]
As vacas, constitución aparte e fóra a alma, son coma os humanos. Teñen cada unha as súas características e o seu xeito de comportarse. Pero iso eran as vacas de antes: as rubias, as galegas. As vacas posuían entendemento e nomes axeitados, adaptados ao seu físico e ao seu comportamento, que había que entender desde cuxiñas. A Linda debía de ser bonita, ben feita e proporcionada. A Cachorra forte, valiente, rebeza, machota. A Paloma tiña que ser tamén ben feita, pero non era obrigado o ser unha vaca grande, aínda que tamén podía. ... Se os cornos non eran largos, como debía telos unha vaca do país, bautizábase como Cotena. As Garridas, como o seu nome indica, sempre eran con corpo, fortes, anchas do peitoril e dos cadrís, vacas de moita comida e poder. As Marelas eran rubias esvaídas.
- Isaac Alonso Estravís
- O arado vai fendendo a terra [73]
Eu chámome Xocas e son o máis novo de tres irmáns. Teño oito anos. Os meus irmáns chámanse Lolo e Sindo. ... Levo tres vacas: a Rubia, a Marela e a Morena. A Rubia é moi mansiña. Déixase munguir e acariñar por calquera. A Marela ergue os pes e dá couces cando se lle quere munguir, e sóio lle deixa facelo á miña nai. A Morena arestoras anda preñada de seis meses. Levo tamén unha xata amarela moi bonita e un touro moi grande de cor castaño. Tamén boto unhas poucas ovellas e, de cando en cando, unha porca cos seus bacoriños.
- Xosé Filgueira Valverde
- ¡Marela![74]
Andaba a pastar vacas nos cobos das Xunqueiras. O choio non rendía e tivo que entrar de peón na fábrica. De peón pasou a torneiro, e de torneiro a mecánico, e agora é capitán dunha máquina enorme que vale moitos millóns e mesmo somella que ten alma.
Chámalle “¡Marela!” e fálalle como falaba ás vacas que baixaba ao río.
E cando escomeza a súa “xornada laboral”, porque agora é un productor sindicado, pódese escoitar como lle di, ollándolle ben fixo aos controles:
-¡Marela! A ver como te portas hoxe...
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "rubia". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1840.
- ↑ Cando a finais de 2013 ACRUGA reunía 2.311 explotacións inscritas (2.286 en Galicia e 25 no resto de España), a provincia de Lugo achegaba 1.673 explotacións, o 73,18% (Revista ACRUGA nº 58, decembro 2013, px. 7-8).
- ↑ Esta lenda formaba parte do expediente de solicitude do rexistro da Denominación Específica "Ternera Gallega" como Indicación Xeográfica Protexida [1].
- ↑ Antropoloxía de Galicia. Xerais, Vigo 2000; 82.
- ↑ Importancia Medioambiental y Social Arquivado 05 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine. (en castelán) tradución: Galipedia.
- ↑ "Rof Codina, Juan". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1826.
- ↑ Luciano Sánchez, p. 63.
- ↑ Diego Conde: "Mejora de la Raza Bovina Gallega", en Información Veterinaria 5, maio 2007.
- ↑ Calendario Gallego, Buenos Aires 1929.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega: s. v. "gandería". Galicia volveu ser a despensa cárnica de España cando na guerra civil o exército de Franco concentrou en Monforte todo o gando exportable (Hermida Balado, M.: "El matadero Industrial de Galicia. Una excelente mejora para la economía nacional", en Mundo Hispánico 28-29, 1950, 103), o que significou que Galicia tivese que sacrificar un elevado número de vacas.
- ↑ Pérez Costanti, Pablo: Notas viejas Galicianas, 1925-1926. Reed. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela 1993, 83-84.
- ↑ Cuadernos de Estudios Gallegos, 1948, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
- ↑ "Sobre as orixes da orientación exportadora na produción bovina galega: as exportacións a Inglaterra na segunda metade do século XIX", en Lorenzo Fernández Prieto (dir): Terra e progreso. Historia agraria da Galicia contemporánea, Xerais, Vigo 2000, 305-352.
- ↑ Barreiro Fernández aventura a posibilidade de que de aí proceda a expresión traballar para o inglés, co significado de traballar para que outro leve o proveito todo.
- ↑ Defensa de la ganadería gallega, Ponteareas, 1939.
- ↑ Resolución de 13 de setembro de 1969, da Dirección Xeral de Ganadería, pola que se regula o funcionamento do Libro Xenealóxico e Comprobación de Rendementos español do gando vacún da raza Rubia Galega e a súa implantación oficial nas catro provincias galegas (BOE nº 235, de 1 de outubro de 1969 [2] Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.).
- ↑ Resolución de 18 de novembro de 1976, da Dirección Xeral da Produción Agraria, pola que se actualiza a Regulamentación específica do Libro Xenealóxico da raza bovina Rubía Galega (BOE nº 290, de 3 de decembro de 1976 [3] Arquivado 05 de novembro de 2016 en Wayback Machine.); modificada por Resolución de 22 de febreiro de 1991, da Dirección Xeral da Produción Agraria, pola que se actualizan os sistemas de identificación do libro Xenealóxico da raza bovina Rubia Galega (BOE nº 58, de 8 de marzo de 1991).
- ↑ Ficha da raza na web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (en castelán).
- ↑ Por exemplo, non se pode inscribir o gando daqueles propietarios que posúan 4 vacas ou menos; tampouco, desde 1982, aqueles animais que presenten o carácter cuón, unha hipertrofia do terzo posterior debida a un xene recesivo.
- ↑ Así, as cifras eran de 16,6 exemplares por explotación en 2008 , mentres que en 2013 xa subiran a 27,8 animais.
- ↑ 21,0 21,1 "Aplicación ARCA". servicio.mapa.gob.es/arca. Consultado o 31 de agosto de 2023.
- ↑ Diario de Pontevedra, 17.5.2004; La Voz de Galicia, 30.10.2009.
- ↑ La Voz de Galicia, 2.08.2002; Eco Agro, 6.12.2003.
- ↑ Lográronse pesos de 475 kg a un ano de idade, un peso que os becerros do país tardaban 2-2,5 anos en conseguir; así como unha maior proporción de carne das categorías extra e primeira. Os resultados obtidos tanto en cantidade como en calidade da carne foron superiores ós obtidos con cruzamentos con Limusina ou Red Angus (La Voz de Galicia, 2.8.2002).
- ↑ Eco Agro, 6.12.2003; La Voz de Galicia, 30.10.2009.
- ↑ Revista ACRUGA nº 58, decembro 2013, px. 14.
- ↑ Véxanse as fotografías do Catálogo de sementais.
- ↑ O obxectivo da redución do tamaño dos cornos mantense desde os primeiros tempos da selección na raza. Xa no Libro Xenealóxico de 1933, os cornos se describían como bastantes voluminosos, abertos desde o seu nacemento e seguindo diferentes direccións, sobre todo nas femias, aínda que a tendencia é á forma de lira, moi marcada nos machos e menos ostensible nas femias, para rematar na maioría coas puntas cara atrás.
- ↑ "Silleda muestra la evolución de la rubia gallega en las últimas décadas", en Diario de Pontevedra 17.5.2004.
- ↑ Cando é practicamente abrancazada chámase varela. Debe tenderse a eliminar as capas máis claras.
- ↑ Comparando co que se consideraba rexeitable hai anos compróbase que certas características xa foron superadas e xa nin se consideran. Así, no Libro Xenealóxico de 1933 incluíanse como caracteres eliminatorios as manchas claramente definidas, os cornos totalmente negros, a barbela excesivamente desenvolvida, o rabo en caxato ou a grupa caída.
- ↑ Ruba, ruba gallega, gallega, ghallega, ghallegha.
- ↑ Galega, ghalega.
- ↑ Entre eles, un marelo escuro e outro marelo lourado.
- ↑ Fernández Rodríguez: Guía de campo de las razas autóctonas españolas.
- ↑ A dificultade no parto adoita deberse á presenza do xene da miostatina, responsable do carácter cuón, presente no 55% da poboación analizada.
- ↑ Antonio Gómez Sal: “Las razas de ganado autóctono en la conservación de la naturaleza”, en Manual de Técnico en Medio Ambiente Natural. Colexio de Veterinarios de Ourense, 2000, 61-68.
- ↑ Ampeado significa esgotado polo traballo, aniquilado.
- ↑ Segundo este refrán e as dúas variantes que virán logo, os bois marelos ou comen moito ou traballan pouco.
- ↑ A herba seca sempre lles gusta menos que a herba fresca.
- ↑ Debe entenderse aquí a tose como símbolo de autoridade e non signo de enfermidade. Tose quen pode, quen ten poder para facelo. Existe outro refrán que o corrobora: Onde o home tose, a fame foxe.
- ↑ Maronda, en celo.
- ↑ Aínda que se recolle como refrán semella máis un fragmento dunha cantiga, e de feito coñecemos esta: Mariquiña do terbelledoiro,/ a teu pai morreulle o boi louro;/ agora non ten quen lle turre do carro,/ filla de cángalle os bois no arado. Sorprense a palabra terbelledoiro, que non recolle ningún dicionario. Lembra as palabras terbello, como trampa para raposos, ratos ou paxaros; trebello, aparello que se emprega nunha determinada actividade; ¡Dálle ó terbello! equivale á orde ¡móvete, traballa!; Sarmiento escribiu que "o verbo 'trebellar' en galego, de 'tripudiare', sempre significa 'in malam partem' e dista cen leguas do honesto verbo 'traballar'", e lembra o caso dun crego castelán que, cando as mulleres lle confesaban que trebellaran tantas veces, e crendo que se referían a que traballaran, tranquilizábaas dicindo que nos días laborables podían traballar 'ad laudes et per horas', e que os días santos podían facelo sen pecar durante unha hora. Vese que descoñecía a cantiga que di que O crego e maila criada/ andan ós terberetiños;/ A criada cai de costas,/ o crego cai de fuciños.
- ↑ Neste paralelo: Miña vaquiña gallarda, ara, carreta e non cansa compróbase o tratamento de marela e vaquiña como se fosen sinónimas.
- ↑ Outros refráns substitúen boi marelo por bo lameiro (como tal, Nin bo Pedro, nin bo burro negro, nin bo lameiro por riba do rego), e quizais sexan estes máis coherentes e terminaran deturpando nos que aquí se recollen aplicados a bois marelos, porque si ten lóxica que non poida haber bos prados por riba do rego, non se alcanza a entender que problema pode haber para que un bo boi marelo non poida estar nun ou noutro lado do rego. Canto á desconfianza da muller sabida, que fale latín, trátase dun pensamento estendido no refraneiro: Da muller que sabe latín e da mula que fai 'in', arrenega hasta o fin; ou Gárdeme Dios de can lebrel, de casa de torre e de muller sabidora.
- ↑ Uns colectores escriben bo marelo, outros bon marelo.
- ↑ Tamén, Nin bo Xan, nin bo Pedro, nin boi morto por riba do rego.
- ↑ O refrán expresa que convén buscar a forma de compensar as perdas, porque no fondo, non hai mal que por ben non veña. O colector, Gippini Escoda, puido confundir mal por ben ó escribir mal por mal, pero así o transcribe. Alonso Montero recolleu unha cantiga que lamenta a situación contraria: A miña sogra sanou/ i en troques morreume a vaca:/ tras dun probe xempre a morte/ anda ca fouce amolada.
- ↑ Presa de palleira é a man de herba que se retira do palleiro dunha vez para botarlla ás vacas na corte.
- ↑ Estes versos marcan o ritmo da parafusa ó maza-lo leite.
- ↑ Nesta cantiga, recollida por Leiras Pulpeiro identifícase na palabra marela o significado de vaca rubia (ter gando sempre foi signo de riqueza) e o de moeda de ouro.
- ↑ Pesaduira é lugar da parroquia de Alvite, no concello de Negreira (A Coruña); O Cornado é lugar da parroquia estremeira de Bugallido, no mesmo concello.
- ↑ Semella un ensalmo para pedir bo tempo
- ↑ Recollida na Terra Cha e referida ó mosteiro de Santa María de Meira, en Lugo. Corre tamén como refrán: Faite, natiña, se t’has de facer, qu’os frades de Meira non t’han de comer (Saco y Arce).
- ↑ Esta oración recolleuse en Palas de Rei. San Breixo consídérase avogoso para o leite, tanto do gando como das mulleres lactantes.
- ↑ Solucións: o castiñeiro, ourizos e a castaña.
- ↑ 57,0 57,1 57,2 57,3 57,4 Os ovos na tixola.
- ↑ 58,0 58,1 58,2 A adiviña ten varias solucións, en funciòn do colector: a vaca (preñada), a manteiga na cazola, o sol, a xema do ovo ou o millo no piorno.
- ↑ 59,0 59,1 A manteiga na cazola.
- ↑ A xema do ovo.
- ↑ 61,0 61,1 61,2 61,3 61,4 61,5 O varredoiro do forno e mailas brasas.
- ↑ 62,0 62,1 As tellas.
- ↑ "Folklore gallego (1). Os médicos y os manciñeiros", en Mondoñedo 1842-1942, 1942.
- ↑ "Etnografía: cultura espritual", en Ramón Otero Pedrayo (dir.): Historia de Galiza. Editorial Nós, Buenos Aires 1962, 478.
- ↑ "Cantiga de vella", en Galicia. Revista del Centro gallego. Montevideo 1929, 151. Reedición facsímile do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2005.
- ↑ Eufonía 2, 1959, 29. Publica a versión do poema do ano 1893.
- ↑ "Da terra asoballada", en Obra completa. Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires, 1959, 219-221.
- ↑ Seis poemas galegos. Xefatura Superior de Policía de Galicia. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 2004.
- ↑ Obra poética completa. Espiral Maior, A Coruña 2001.
- ↑ Antología lírica gallega. Biblioteca de estudios Gallegos, Madrid 1928, 163-165.
- ↑ "Resume xeneral de folk-lore de Sandiás", en Nós 90, 1931, 109-114.
- ↑ Eu tamén fun coas vacas. Espiral Maior, A Coruña 2000, 114-116.
- ↑ Contos con reviravolta (Arando no amencer). Edicións Castrelos, Vigo.
- ↑ Quintana viva. Galaxia, Vigo 1971, 121.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rubia galega |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Rodríguez, Miguel (Coord) et al.: Guía de campo de las razas autóctonas españolas. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, 2009, 143-145.
- Ferro Ruibal, Xesús e Benavente Jareño, Pedro: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún, CRPIH, 2010, ISBN 978-84-453-4948-9.
- Lorenzo Fernández, Xaquín: "Etnografía. Cultura Material", en Historia de Galiza, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, vol. 2. Ed. Nós, Bos Aires 1962. Reeditado por Akal, Madrid, 1979-1980.
- Sánchez Belda, Antonio: Razas Ganaderas Españolas Bovinas, Federación Española de Asociaciones de Ganado Selecto, 2002, 384 p, ISBN 84-491-0535-8.
- Sánchez García, Luciano: Raza vacuna Rubia Gallega. Asociación Nacional de Criadores de Ganado Vacuno Selecto de Raza Rubia Gallega, 1978.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- ACRUGA (en galego)
- Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega. Catálogo de sementales de raza Rubia Gallega 2013-2014
- Datos xerais Arquivado 05 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine. e datos morfolóxicos Arquivado 05 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine. na web do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de España (en castelán).
- Programa de Mejora de la Raza Rubia Gallega (outubro de 2011) Arquivado 05 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine. (en castelán)
- Ficha da rubia galega en Raza NostraArquivado 02 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. Madrid (en castelán).