Sitta whiteheadi
Gabeador corso | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Litografía de J. G. Keulemans publicada en 1885 | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Sitta whiteheadi Sharpe, 1884 |
Sitta whiteheadi (gabeador corso) é unha especie de pequena ave paseriforme que é endémica da illa de Córsega, onde é o único gabeador. Está restrinxido a zonas con exemplares maduros de piñeiro corso (Pinus nigra spp. laricio) que crece a altitudes desde os 800 aos 1 600 m sobre o nivel do mar.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Os gabeadores constitúen un xénero (Sitta) de aves paseriformes con colas e ás curtas, corpos compactos e peteiros bicudos e longos. As súas partes superiores son grises ou azuladas, cunha liña ocular negra e pés fortes. As súas colas teñen 12 plumas (rectrices) e as ás teñen dez plumas de voo primarias.[2] En 2015 o Comité Ornitolóxico Internacional distinguiu 28 especies neste xénero.[3]
O gabeador corso foi descuberto polo coleccionista inglés John Whitehead en 1883 cando matou dun tiro un espécime durante unha viaxe polas montañas de Córsega. Cando mostrou o espécime a Bowdler Sharpe, que era o conservador da colección de aves no Museo Británico,[4] Sharpe recoñeceu que a ave era unha especie ata entón non documentada e publicou unha curta descrición.[5] Whitehead tornou a Córsega en 1884 para recoller máis espécimes e descubriu que a especie era sexualmente dimórfica en coloración; a ave que cazara o ano anterior era un macho.[4] Sharpe utilizou os espécimes adicionais recollidos por Whitehead para publicar unha descrición máis completa das especies.[6]
Dentro do xénero o gabeador corso pertence ao grupo canadensis, no que tamén están incluídos S. canadensis, S. villosa), S. krueperi e S. ledanti.[7][8] Estas seis especies escavan normalmente os seus propios niños e todos excepto o gabeador de Alxderia S. ledanti especialízanse en sementes extraídas das piñas. Todos os membros do grupo exhiben tamén o dimorfismo sexual na cor das plumas de cabeza.[9] A análise do ADN ribosómico e mitocondrial indicou que o gabeador corso é o máis estreitamente relacionado co gabeador chinés S. villosa e que diverxiron dun antepasado común hai arredor de 0,96 millóns de anos.[9] A gran distancia que separa as áreas de distribución das dúas especies irmás é moi pouco usual entre os paseriformes do Paleártico.[8] S. yunnanensis é unha especie irmá do grupo canadensis[9] e ten moitas características comúns.[10]
|
Cladograma do grupo canadensis baseado en Pasquet et al. (2014)[9]
Descrición
[editar | editar a fonte]O macho adulto mide 12 cm de lonxitude e pesa de 11,8 a 14,4 g. Ten un píleo negro e unha banda ocular separados por unha liña superciliar branca. As partes dorsais son grises azuladas e a gorxa e partes ventrais son beiges agrisadas. As plumas de voo son marróns agrisadas escuras beireadas de gris azulado. O peteiro é de negro a marrón agrisado facéndose grises claras na base da mandíbula inferior, o iris é marrón escuro e as patas e pés son marróns agrisados ou agrisados. A femia é similar ao macho pero ten un píleo e banda ocular gris. As aves novas son versións máis claras dos adultos.[11]
Ten unha chamada que soa como pu-pu-pu e un canto parecido a un hididididididi.
Os adultos experimentan unha muda completa despois de reproducirse. Os xuvenís presentan unha muda parcial que empeza unhas 8 semanas despois de emplumar.[11] A taxa de supervivencia do adulto anual para os machos é do 62 %, o cal corresponde a unha vida media de 2 anos e 1 mes. A idade máxima rexistrada nesta especie foi de 5 anos e 7 meses.[12]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]O gabeador corso é unha ave residente dos bosques de montaña de Córsega, e está estreitamente asociado co piñeiro corso (Pinus nigra spp. laricio) preferiblemente nas áreas con árbores moi vellos con idades de 300 anos ou máis para nidificar neles.[11]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]Esta especie territorial aniña en buratos dos piñeiros corsos mortos ou que apodrecen, que xeralmente escava o propio paxaro.
A posta é normalmente de 4 a 6 ovos (a media é 5,1).[13] Os ovos son brancos con pintas marróns avermelladas, especialmente no extremo máis grande e son dun tamaño de 17,2x13 mm.[14] A femia choca os ovos durante de 14 a 17 días ata que eclosionan. É alimentada no niño polo macho. A femia despois cría os pitos cubertos de penuxe e altriciais durante os primeiros 8 días. Os polos son alimentados por ambos os adultos e empluman cando teñen uns 20 días de vida.[15]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Durante os meses de inverno a dieta deste gabeador consiste case enteiramente en piñóns de piñeiro corso. A ave usa o seu longo e bicudo peteiro para extraer as sementes das piñas maduras que se abren cando vai bo tempo entre novembro e marzo. Moitas das sementes son agochadas pola ave nas gretas da codia das árbores. Estas sementes agochadas son recuperadas durante o mal tempo cando as piñas non se abren a non ser que as abran os picotortos, xa que os gabeadores non poden extraer sementes de piñas pechadas. En primavera, durante a estación reprodutora, as aves aliméntanse principalmente de artrópodos.[16] En 1884 cando Whitehead abriu as moellas das aves que cazou, encontrou que contiñan pequenos escaravellos e outros insectos.[17]
Igual que outros gabeadores, esta especie ten a capacidade de gabear descendendo cabeza abaixo polas árbores, a diferenza de especies como os petos, que só poden gabear ascendendo, e poden tamén atrapar insectos en voo.
Predadores
[editar | editar a fonte]A predación é unha causa importante de fracaso na reprodución nesta especie. O predador máis importante para el crese que é o peto real (Dendrocopos major), que é relativamente abondoso nos bosques de piñeiros. O gabeador corso non toma medidas para protexer o seu niño da predación a diferenza doutras especies de gabeadores como Sitta europea, que reduce o tamaño do burato da entrada do niño con lama ou Sitta canadensis, que cobre as superficies interiores con resina de piñeiro. En lugar diso, o gabeador corso escava o seu propio niño deixando só unha estreita entrada duns 3,2 cm. Isto é pouco comparado co burato de 5 a 6 cm feito polo peto real nos seus niños.[13]
O leirón careto (Eliomys quercinus) propúxose como outro posible predador de niños de gabeador corso. O pequeno tamaño deste mamífero permitiríalle pasar pola entrada do niño, pero crese que non gabea moi alto polos troncos das árbores.[13]
Status
[editar | editar a fonte]A poboación é dunhas 2 000 parellas;[18] as principais ameazas para el son os incendios forestais, que destrúen o seu hábitat e a predación polos petos reais. Desde 2010 esta ave considérase unha especie vulnerable.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Sitta whiteheadi". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2013. Consultado o 26 de novembro de 2013.
- ↑ Harrap & Quinn 1996, p. 16.
- ↑ Gill, Frank; Donsker, David (eds.). "Nuthatches, Wallcreeper, treecreepers, mockingbirds, starlings & oxpeckers". World Bird List Version 5.2. International Ornithologists Committee. Consultado o 15 May 2015.
- ↑ 4,0 4,1 Whitehead 1885, p. 28.
- ↑ Sharpe, R. Bowdler (1884). "On an apparently new species of European nuthatch". Proceedings of the Zoological Society of London 52: 233. doi:10.1111/j.1096-3642.1884.tb02826.x.
- ↑ Sharpe, R. Bowdler (1884). "Further notes on Whitehead's nuthatch". Proceedings of the Zoological Society of London: 414–415 , plate 36.
- ↑ Harrap & Quinn 1996, p. 147.
- ↑ 8,0 8,1 Pasquet, Eric (1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographical implications". Ibis 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Pasquet, Éric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology 155 (3): 755–765. doi:10.1007/s10336-014-1063-7.
- ↑ Harrap & Quinn 1996, p. 144.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Harrap & Quinn 1996, pp. 133-135.
- ↑ Thibault, Jean-Claude; Jenouvrier, Stephanie. "Annual survival rates of adult male Corsican Nuthatches Sitta whiteheadi". Ringing & Migration 23 (2): 85–88. doi:10.1080/03078698.2006.9674349.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Thibault, Jean-Claude; Villard, Pascal (2005). "Reproductive ecology of the Corsican Nuthatch Sitta whiteheadi". Bird Study 52 (3): 282–288. doi:10.1080/00063650509461401.
- ↑ Jourdain, Francis Charles Robert (1911). "Notes on the ornithology of Corsica, Part II: Sitta canadensis whiteheadi Whitehead's Nuthatch". Ibis. 9th series 5: 440–445. doi:10.1111/j.1474-919X.1911.tb03317.x.
- ↑ Villard, Pascal; Thibault, Jean-Claude (2001). "Données sur les nids, la croissance des poussins et les soins parentaux chez la Sittelle corse Sitta whiteheadi" [Nests, nesting growth, and parental care of the Corsican Nuthatch Sitta whiteheadi]. Alauda (en French) 69 (4): 465–474.
- ↑ Thibault, Jean-Claude; Prodon, Roger; Villard, Pascal; Seguin, Jean-François (2006). "Habitat requirements and foraging behaviour of the Corsican nuthatch Sitta whiteheadi". Journal of Avian Biology 37 (5): 477–486. doi:10.1111/j.0908-8857.2006.03645.x.
- ↑ Whitehead 1885, p. 31.
- ↑ Thibault, Jean-Claude; Hacquemand, Didier; Moneglia, Pasquale; Pellegrini, Hervé; Prodon, Roger; Recorbet, Bernard; Seguin, Jean-François; Villard, Pascal (2011). "Distribution and population size of the Corsican Nuthatch Sitta whiteheadi". Bird Conservation International 21 (2): 199–206. doi:10.1017/S0959270910000468.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sitta whiteheadi |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Harrap, Simon; Quinn, David (1996). Tits, Nuthatches and Treecreepers. London: Christopher Helm. ISBN 0-7136-3964-4.
- Matthysen, Erik (2010) [1998]. The Nuthatches. Poyser Monographs. London: A & C Black. ISBN 978-140814952-2.
- Whitehead, John (1885). "Ornithological notes from Corsica". Ibis. 5th Series 3: 24–48. doi:10.1111/j.1474-919X.1885.tb06232.x.
- Brichetti, Pierandrea; Di Capi, Carlo (1987). "Conservation of the corsican nuthatch Sitta whiteheadi sharpe, and proposals for habitat management" (PDF). Biological Conservation 39 (1): 13–21. doi:10.1016/0006-3207(87)90003-6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de marzo de 2016. Consultado o 07 de decembro de 2017.
- Villard, Pascal; Besnard, Aurélien; Thibault, Jean-Claude; Recorbet, Bernard; Prodon, Roger (2014). "Selection of mature and old stands by Corsican Nuthatch Sitta whiteheadi in harvested forests". Ibis 156 (1): 132–140. doi:10.1111/ibi.12106.