Tumba de andadeiro
Unha tumba de andadeiro é aquela que ten unha estreita pasaxe de grandes pedras, ortostatos, e unha ou varias cámaras funerarias cubertas de terra ou de pedra. Os megálitos adoitaban empregarse na construción de tumbas de andadeiro, que polo xeral datan do Neolítico. Os que teñen máis dunha cámara poden ter múltiples subcámaras na apertura da cámara mortuoria principal. Un deseño común, a cruciforme, ten, como o seu nome indica, forma de cruz. Ás veces as tumbas de andadeiro están cubertas cun cairn, especialmente as que datan de épocas posteriores. Non en tódalas tumbas de andadeiro se atoparon probas de conter corpos, como no caso de Maeshowe.
As tumbas de andadeiro do tipo cairn a miúdo teñen elaborados tellados con ménsulas no canto de laxes sinxelas, tales como a bóveda de Newgrange. Atopouse arte megalítica tallada nas pedras nalgúns sitios. O mesmo andadeiro, nunha serie de casos notables, está aliñado de tal maneira que o sol penetra na pasaxe nun momento importante do ano, por exemplo no amencer do solsticio de inverno ou no solpor do equinoccio.
Nunha recompilación de 1961 de tumbas megalíticas de Irlanda, Seán Ó Nualláin e Ruaidhrí De Valera describen catro categorías de tumbas megalíticas: cairns de patio, dólmenes de portal, tumbas de andadeiro en cuña, e tumbas de andadeiro.[1] Este último termo serve para describir estas tumbas en Cantabria, Galicia e o País Vasco. Dos catro tipos enriba descritos só as tumbas de andadeiro parecen terse distribuído dunha maneira ampla por toda Europa.
As tumbas de andadeiro distribúense amplamente ó longo da fachada atlántica de Europa. Atópanse en Irlanda, Gran Bretaña, Escandinava, no norte de Alemaña e a rexión de Drenthe dos Países Baixos. Tamén se atopan na Península Ibérica, algunhas partes do Mediterráneo, e ó longo da costa norte de África. As tumbas de andadeiro máis temperás semellan tomar a forma de pequenos dólmenes. En Irlanda e Gran Bretaña, as tumbas de andadeiro encóntranse acotío en grandes grupos, dando lugar ó termo de cemiterios de tumbas de andadeiro.
O dolmen de Dombate catalógase como unha tumba de andadeiro, e é un dos conxuntos máis importantes de Galicia.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tumba de andadeiro |