Torre de Hércules
(gl) Torre de Hércules | ||||
Tipo | faro antigo monumento torre fortificada faro | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | A Coruña, España | |||
| ||||
Bañado por | Océano Atlántico | |||
Características | ||||
Dimensións | 49 () m | |||
Material usado | pedra | |||
Superficie | 233 ha | |||
Elemento da Lista Vermella do Patrimonio | ||||
Data | 27 de abril de 2013 | |||
Data de remate | 28 de maio de 2014 | |||
Identificador | torre_de_hercules | |||
Patrimonio da Humanidade | ||||
Tipo | Patrimonio cultural → Europa-América do Norte | |||
Data | 2009 (33ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iii) | |||
Identificador | 1312 | |||
Ben de interese cultural | ||||
Data | 3 de xuño de 1931 | |||
Identificador | RI-51-0000540 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | século I | |||
Cronoloxía | ||||
1788-1791 | Conservación e restauración | |||
Páxina web | torredeherculesacoruna.com | |||
A Torre de Hércules é unha torre e faro situado nun cabo da península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo.
O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO.[1] Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Cidade vella de Santiago de Compostela.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]A Torre de Hércules foi construída polos romanos como faro de navegación no final do século I ou comezos do II d.C. durante a época de Traxano. Unha inscrición aos pés da torre indica que foi erguida por Gaio Sevio Lupo, arquitecto de Aeminium (hoxe Coímbra). Paulo Orosio menciónaa no século V d.C. ("Secundus angulus circium intendit ubi Brigantia, Gallaeciae civitas sita, altissimam pharum e inter pauca memorandi operis as speculam Britanniae erigit").
A mención máis antiga da torre é de Paulo Orosio (comezos do século V), que a cualifica como "altísimo faro". Unha das representacións máis antigas coñecidas é a do Mapamundi do Beato do Burgo de Osma,[3] do ano 1086, acompañada do topónimo Faro.[4]
A torre perdeu, posibelmente, o seu uso marítimo durante a Idade Media ao se converter en fortificación e caeu na ruína no medio das desputas entre o Conde de Traba e o Arcebispo Xelmírez pola súa propiedade que lle fan perder, entre outras cousas, o muro exterior. En 1537 reparáronse a porta e a escaleira de acceso e asignáronselle vixías; en 1553 o concello ditou normas contra a utilización das súas pedras para outras edificacións. En 1682 o Duque de Uceda, capitán xeneral de Galiza, encargoulle a restauración do que se coñecía como "Castelo Vello" (o que parece indicar que se aproveitou militarmente) ao arquitecto coruñés Amaro Antune, quen construíu unha escaleira de madeira que atravesaba as bóvedas ata a parte superior, onde situou dúas pequenas torres para soportar os fanais. Estes pagáronos os cónsules de Inglaterra, os Países Baixos e Flandres a cambio da concesión do cobro dun imposto aos barcos que aportaban na cidade. Os fanais funcionaron deficientemente e en 1769 un raio acabou co último.
No reinado de Carlos IV realizouse unha reconstrución completa que durou entre xullo de 1788 e decembro de 1790, dirixida por Eustaquio Giannini no estilo neoclásico. A torre era, antes de acometer a reforma, un corpo prismático con base cadrada; no exterior presentaba un muro de pedra con dúas portas na parte baixa e xanelas asimétricas que o percorrían ata o piso superior, e un mordente helicoidal que tamén chegaba ata o alto. No seu interior conservaba a vella estrutura romana, pero con escaleiras de madeira que pertencían á restauración do edificio, harmonizándoa na súa decoración cos marcos superiores de portas e xanelas. Dous anos despois de rematar as obras, Eustaquio Giannini presentou un proxecto para construír un acceso e unha plataforma arredor do faro, que só se remataron a mediados do século XIX.
A partir de entón non se volveu mudar a aparencia da torre e só se modificou a lanterna coa instalación dun fanal xiratorio e o acceso a este. No interior fixéronse falsos teitos e cubríronse as paredes de papel. En 1993 elimináronse todos os engadidos interiores.
Lendas
[editar | editar a fonte]Hai varias lendas relacionadas coa súa construción. Unha delas, narrada na Crónica Xeral de Afonso X, conta que Hércules chegou en barca ás costas que rodean actualmente a Torre, e que foi precisamente no lugar onde hoxe se sitúa esta onde enterrou a cabeza do xigante Xerión, despois de vencelo en combate e liberar as xentes do lugar da súa tiranía. Sobre o lugar en que enterrou a cabeza ergueu unha torre e mandou logo poboar unha cidade. Crunna foi a primeira muller en se presentar e dela tomará nome a vila. No escudo da cidade aparece a torre e, por baixo dela, a caveira de Xerión.
A outra lenda foi tomada do Libro das invasións de Irlanda durante o Rexurdimento: nel cóntase que o rei Breogán da Hispania ergueu unha torre desde a que o seu fillo Ith albiscou Irlanda; morreu no intento de conquistar a illa pero o seu irmán, Mil, si tivo éxito.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A planta é cadrada (10 m de lado), cunha altura total de 68 metros. Ten tres corpos, o primeiro un paralelepípedo recto de base cadrada de 11,60 metros de lado e 34,60 metros de altura. Sobre este asenta outro intermedio máis pequeno de sección octogonal, cun terceiro corpo, paralelepípedo tamén octogonal, que soporta sobre este unha construción cilíndrica en vidro que protexe a lanterna do farol. Sóbese ao alto por medio de 242 chanzos e desde arriba tense unha panorámica aberta para o océano Atlántico, praias urbanas da Coruña e a ría.
A estrutura orixinal era de planta cadrada cunha cúpula, na que se mantiña o lume, na parte superior e que posibelmente tiña un óculo para permitir a saída do fume. Á parte superior accedíase mediante unha rampla protexida cun segundo muro externo e que se apoiaba nos dous muros. Cada un dos andares estaba dividido por dúas paredes que se cortaban en forma de cruz en catro cuartos. As salas de cada piso comunicábanse entre si dúas a dúas por medio dunha porta e podíase acceder á rampla desde cada unha delas. Nos vans utilizouse aparello de perpiaños grandes (opus cuadratum), nas paredes cachotería en fileiras horizontais (opus vittatum) e para encher o interior do muro seixos e morteiro de cal e area (opus caementicium). A parte superior da torre foi modificada no século XVIII polo enxeñeiro Giannini, quen modernizou a cúpula mantendo a súa estrutura. Os muros teñen unha anchura de entre 1,50 e 1,60 m.
A torre e o seu contorno foron escavados entre 1992 e 1994 e a entrada actual das visitas faise polos alicerces romanos.
Patrimonio da Humanidade
[editar | editar a fonte]Co obxectivo de solicitar que a UNESCO a incluíse na lista de Patrimonio Mundial, o Ministerio de Cultura listouna como posíbel candidata en abril de 2007 e en outubro seleccionouna. O 27 de xuño de 2009, ás 18:27 horas, foi finalmente declarada como Patrimonio da Humanidade. A candidatura foi aceptada por cumprir o criterio (iii), xa que a Torre supón un testemuño do uso dos faros dende a antigüidade e da continuidade histórica das rutas polo océano Atlántico, iniciadas xa nos tempos dos romanos.[5]
O faro atópase nun espazo natural de 47 hectáreas, dentro da cidade da Coruña, que inclúe o parque escultórico, os petróglifos do Monte dos Bicos e o cemiterio "mouro".[5]
A área de 39,48 hectáreas da contorna da Torre foi declarada de xeito provisional espazo natural de interese local en 2020.[6]
Características
[editar | editar a fonte]Faro da Torre de Hércules | |
Código | 03530 D-1704 |
Descrición | Torre cuadrangular, Tope octogonal, Cantaría |
Altitude | 49 m. |
Características | GpD (4) B 20 seg. |
Período | 0,3 + 3,0 + 0,3 + 3,0 + 0,3 + 3,0 + 0,3 + 9,8 = 20 seg. |
Alcance | 23 millas náuticas (42´6 km.) |
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Galería de imaxes da Torre de Hércules, Galería de imaxes da Galicia romana e Galería de imaxes da Coruña.
-
Vista desde a "Rosa dos Ventos".
-
Detalle das fiestras.
-
Posible braseiro de pedra do faro.
-
Distintos estadios na historia da Torre de Hércules.
-
Antiga lanterna da Torre de Hércules, no MUNCYT A Coruña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ vieiros.com, ed. (27-06-09). "A Torre de Hércules xa é Patrimonio da Humanidade". Consultado o 27-06-09.
- ↑ galiciaé.com, ed. (27-06-09). "La Torre de Hércules ya es Patrimonio de la Humanidad". Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2009. Consultado o 27-06-09.
- ↑ www.laopinioncoruna.es, ed. (09-05-16). "Galicia e a Torre de Hércules, protagonistas dun mapamundi". Consultado o 16-08-22.
- ↑ Navaza, Gonzalo (2016). Universidade da Coruña, eds. "A orixe literaria do nome da Coruña". Revista Galega de Filoloxía 17: 119–164. ISSN 1576-2661. doi:10.17979/rgf.2016.17.0.1873.
- ↑ 5,0 5,1 "Tower of Hercules". UNESCO (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2015.
- ↑ ORDE do 27 de decembro de 2019 pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local, o espazo denominado Torre de Hércules, no concello da Coruña
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Torre de Hércules |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigra Trea. ISBN 84-95364-40-9.
- Tettamancy (1920). La torre de Hércules; impresiones acerca de este antiquísimo faro, bajo su aspecto histórico y arqueológico. A Coruña. Lit. e Imp. Roel (en castelán).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Hércules, símbolo da cidade, faro da humanidade, na páxina web do concello da Coruña.